Celestino Ledo López, nado en Xermade o 22 de novembro de 1934 e finado o 5 de marzo de 2024, foi un futbolista galego que xogaba de interior esquerdo.
Traxectoria Nacido en Xermade, pasou seis anos coa súa familia en Sevilla, antes de instalarse en Ferrol. Alí comezou a xogar ao fútbol no Galiano e destacou no Esteiro, onde coincidiu na mesma dianteira co sadense Lexo. Traballou como delineante na Bazán, ata que en marzo de 1954 fichou polo Deportivo da Coruña, ao que se incorporou tamén o propio Lexo.
En novembro do mesmo ano, mentres realizaba o servizo militar, foi chamado polo club para xogar nun partido da Primeira División ante o Athletic Club en Riazor, ante as lesións de Pahiño e Lechuga. Disputou así o seu primeiro e único encontro coa camiseta do Deportivo e converteuse no único futbolista de Xermade en xogar na máxima categoría do fútbol español. Falto de adestramento por levar semanas no cuartel, e moi nervioso, realizou unha mala actuación, formando na dianteira xunto a Corcuera, Bazán, Arsenio e Tino, nunha contenda que rematou con empate a un gol.
En outubro de 1955 foi cedido xunto a Lexo, Antelo e Rafael Franco ao Racing de Ferrol, que estaba a padecer unha vaga de lesións. No club ferrolán estivo ás ordes de Juan Vázquez e disputou 10 encontros da Segunda División, marcando un gol na goleada por 6-0 sobre o Lleida no Inferniño.
En novembro de 1956 desvencellouse do Deportivo e asinou definitivamente co Racing, no que permaneceu ata 1958, sen apenas oportunidades. Na campaña 1958/59 militou brevemente no Rayo Vallecano, tamén en Segunda, co que disputou cinco encontros oficiais ata a súa liberación en decembro de 1958. Trala súa retirada continuou exercendo a súa profesión de delineante. Faleceu o o 5 de marzo de 2024, aos 89 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en Xermade Categoría:Nados en 1934 Categoría:Finados en 2024 Categoría:Futbolistas de Xermade Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano