Leonardo Carrilho Baptistão, coñecido como Léo Baptistão, nado en Santos o 26 de agosto de 1992, é un futbolista brasileiro que xoga como dianteiro ou extremo no Almería, da Segunda División.
Desenvolveu a maior parte da súa carreira en España, disputando 238 partidos na Primeira División, na que anotou 43 goles. Vestiu as camisetas do Rayo Vallecano, o Betis, o Villarreal, o Espanyol, o Almería e o Atlético de Madrid, conquistando con este último o campionato de liga na tempada 2013/14. Tamén xogou brevemente no Santos, do Campionato Brasileiro.
Traxectoria Nacido en Santos, formouse como futbolista na canteira do Portuguesa, coincidindo con Neymar. Con só 16 anos trasladouse a España e ingresou nas categorías inferiores do Rayo Vallecano. O 25 de agosto de 2012 debutou co primeiro equipo na Primeira división, nunha vitoria por 2-1 sobre o Betis, na que marcou un gol e deu unha asistencia. Axiña se fixo coa titularidade ás ordes de Paco Jémez, disputando 48 partidos en ano e medio, anotando 11 goles.
Atlético de Madrid En xuño de 2013 asinou un contrato de cinco anos co Atlético de Madrid. Debutou co seu novo equipo o 21 de agosto, substituíndo a Arda Turan ante o FC Barcelona no partido de ida da Supercopa de España, que finalmente perdeu pola regra do gol en campo contrario.
Fixo o seu primeiro gol co Atlético o 18 de setembro de 2013, na vitoria por 3-1 ante o Zenit San Petersburgo na Liga de Campións, no que era o seu debut na máxima competición europea.
En xaneiro de 2014 foi cedido ata o final da tempada ao Betis. Marcou un gol na vitoria por 2-0 contra o máximo rival do Betis, o Sevilla, no choque de oitavos de final da UEFA Europa League, pero a eliminatoria acabou coa eliminación na quenda de penaltis.
Na tempada 2014/15 xogou cedido no Rayo Vallecano, e na seguinte no Villarreal. O 9 de xullo de 2016 asinou por cinco anos co Espanyol. Na súa segunda tempada marcou nove goles, o mellor rexistro da súa carreira.
O 31 de xaneiro de 2019 foi transferido ao Wuhan Zall FC da Superliga chinesa. O 21 de agosto de 2021 fichou polo Santos, regresando así ao fútbol do seu país e da súa cidade despois de 13 anos fóra. Debutou o 4 de setembro, nunha derrota por 2-1 ante o Cuiabá, e rematou a tempada con só oito partidos debido a unha lesión.
O 10 de agosto de 2022 anunciouse o seu traspaso á UD Almería.
Notas
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Santos Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano B Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Santos FC Categoría:Xogadores da UD Almería