Sancho Ordóñez ou Sancho I, nado en 895 e finado en 929, foi rei de Galiza desde 926 até a súa morte. Fillo primoxénito de Ordoño II, casado coa princesa galega Goto, foi coroado trala morte de Froila II.
Traxectoria Acceso ao trono A morte de Froila II provocou un conflito bélico entre o fillo deste, Afonso Froilaz, e os fillos do seu irmán Ordoño II: Afonso Ordóñez (logo Afonso IV) e Ramiro Ordóñez (Ramiro II de León) capitaneados polo primoxénito Sancho Ordóñez.
Os principais magnates galegos estaban cos Ordóñez, debido ás vellas alianzas seladas polo vencello matrimonial. En efecto, a esposa de Sancho, Goto Muñiz e a de Ramiro II, Adosinda Guterrez, pertencían ás máis importantes familias galaicas con dominios dende o Cantábrico ata Coímbra. O bispado de Iria-Santiago era desafecto ao fillo de Froila, pois este negárase a recoñecer os seus dereitos históricos. Afonso Froilaz contaba co apoio de determinados oficiais asturianos e leoneses, acabou derrotado e refuxiado en Asturias, onde foi recoñecido como rei.
Sancho Ordóñez, vencedor da contenda, tivo que repartir os territorios cos seus irmáns. Afonso Ordóñez contaba co apoio de Sancho Garcés de Navarra e conseguiu coroarse o 12 de febreiro do 926 en León. Ramiro estableceuse en Viseu recoñecendo a soberanía do seu irmán máis vello Sancho e gobernando o territorio portucalense.
Sancho Ordóñez foi coroado no santuario de Santiago de Compostela ese mesmo mes, sobre o lugar apostólico (segundo el mesmo relata nun diploma) polo bispo de Iria-Santiago de Compostela Hermenexildo.
Relación política con Afonso IV de León Estabilizado a repartición, a documentación da época suxire un entendemento entre os irmáns, gobernando Sancho na Galiza nuclear e Afonso na "terra de fora" e nas cidades. Confirman xuntos algún documento, aparecendo Sancho en primeiro lugar. Ambos presidiron a asemblea de nobres e eclesiásticos que tivo lugar en Sarria para restaurar o mosteiro de Santa María de Loio. - in praesentia Principum Domini Santii et Domini Adefonsi, Domini Ordonii Principis proles -.
A crónica do historiador árabe Ibn Haián, baseada noutra previa de al-Razí, narra a contenda bélica entrambos que provoca que Sancho sexa aclamado unanimemente polos seus leais en Galicia. O medievalista español Claudio Sánchez-Albornoz interpreta que a crónica confunde ao rei de León con Afonso Froilaz.
Goberno miniatura|250px|Ábsida da igrexa de Santa María en Castrelo de Miño, onde o rei Sancho e a raíña Goto recibiron sepultura. No seu goberno adivíñanse tres liñas de actuación:
Consolidar a alianza coa máis poderosa familia nobiliar galega, imitando ao seu avó Afonso III o Magno con Hermenexildo Guterrez e ao seu pai Ordoño II con Elvira Menéndez. O primeiro documento coñecido é unha doazón de 16 de abril do ano 927 ao conde Goterre Méndez e a súa poderosa familia, do lugar de Villare. Aquí fundaría San Rosendo o gran mosteiro de San Salvador de Celanova, preto de Vilanova dos Infantes. Buscar a lexitimidade do seu goberno no apoio da Igrexa apostólica, tal como fixeran case todos os seus predecesores dende Afonso II O Casto. O 25 de agosto do 927 concedeu á Igrexa de Iria-Santiago de Compostela o lugar de Busto Vargano, na zona da Luaña. Máis tarde, o 21 de novembro confirma aqueles privilexios á mesma Igrexa que o seu antecesor Froila se negara a recoñecer. Reconciliarse cos vellos traditores que rexeitaran a autoridade dos monarcas de Oviedo en Galicia. Así, restituíu ao magnate Oduario vilas e facendas nas bisbarras de Navia de Suarna, de Lemos e onda o río Lor, que Afonso III o Magno arrebatara ao seu avó co gallo da rebeldía deste.
O modelo parece que funcionaba: o derradeiro documento que dá noticia de Sancho Ordóñez está datado no 10 de xuño do 929 e nel o nobre Ansuario doa ao universe urbe Gallecie princeps, as vilas de Benvivere e Marinotas, onda o monte Leboreiro.
Mediante aqueles tres piares mantivo a estabilidade do seu curto reinado; modelo que imitaría o seu irmán máis novo Ramiro II, gobernante na zona portucalense e que acabaría facéndose con todos os territorios da antiga Gallaecia, trala morte de Sancho, a quen sempre fora leal, e despois de derrotar a Afonso IV de León. A alianza coa nobreza galaico-portugesa e a lexitimidade do poder baixo a beizón do bispo de Iria-Santiago serán os factores integradores do seguinte período.
Aínda no ano 947, Ramiro II outorga unha escritura de doazón a prol da viúva de Sancho Ordóñez a quen segue a denominar Domine Gotho Regina.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
López Carreira, Anselmo (2003). Os reis de Galiza. Vigo. ISBN 978-84-96203-27-1 López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la santa A.M. Iglesia de Santiago Tomo II. Santiago de Compostela. Mattoso, José. História de Portugal antes de Portugal ISBN 978-84-972-33-0924-6 Pallares, M.ª del C.; Portela, E. (2007). Da Galicia Antiga á Galicia Feudal, Tomo IV volume II A gran historia de Galicia. ISBN 978-84-96931-08-4. Rodríguez Fernández, Justiniano (1997). Reyes de León. Burgos. ISBN 978-84-9200446-8-1 Rodríguez González, Ángel (1980): "De novo a independencia: Sancho Ordóñez", en Historia de Galicia. Barcelona. ISBN 978-84-390-0134-7 Sáez Sánchez (1947). Notas y documentos sobre Sancho Ordóñez, rey de Galicia en cuadernos de historia de España. VVAA (1996): Reyes de León. Monarcas leoneses del 850 a 1230. León. ISBN 978-84-8012-135-1
Outros artigos Lista de reis de Galicia Lista de reis de León
Categoría:Reis de Galicia Categoría:Nados en 895 Categoría:Finados en 929