O pedreiro de barrete branco (Oenanthe leucopyga) é unha pequena ave paseriforme anteriormente clasificada na familia dos túrdidos, pero hoxe xeralmente clasificado como muscicápido.
Este pedreiro grande, de 17–18 cm de longo, reprodúcese en desertos pedrentos desde o Sáhara e Península Arábiga ata Iraq. É principalmente unha ave residente, pero aparece como un vagante raro polo oeste de Europa ata incluso Gran Bretaña. Nidifica nas gretas entre as rochas ou paredes e pon de 3 a 5 ovos.
Aínda que moitas especies de aves teñen plumaxes diferentes en machos e femias, os adultos de ambos os sexos desta especie son negros excepto polo sobrecú e cola principalmente brancas. Os exemplares plenamente adultos teñen píleo (o barrete) branco, do que carecen as aves máis novas.
A especie similar pedreiro negro, Oenanthe leucura, tamén se reproduce na parte oeste da zona de distribución do pedreiro de barete branco, pero o primeiro ten un debuxo de T invertido negro na súa cola branca, mentres que o pedreiro de barrete branco ten só o centro da cola negro. O pedreiro negro nunca ten píleo branco na cabeza.
Esta especie come principalmente insectos. Canta unha canción alta, máis variada que a maioría dos seus parentes e a miúdo inclúe imitacións das cancións doutras especies.
Etimoloxía
O nome do xénero Oenanthe deriva do grego antigo oenos (οίνος), 'viño' e de anthos (ανθός), 'flor'. Refírese ao retorno do pedreiro cincento a Grecia en primavera na época de floración das viñas. O nome específico leucopyga procede tamén do antigo grego leukos, 'branco', e puge, 'rabadilla' (sobrecú). O seu píleo branco dálle a este paxaro o seu nome específico común galego, xunto co nome pedreiro que se lle dá a todos os membros do xénero Oenanthe.
Notas
Categoría:Muscicápidos Categoría:Animais descritos en 1855