Fryderyk Franciszek Chopin, ou en francés Frédéric François Chopin, nado en Żelazowa Wola o 1 de marzo de 1810 e finado en París o 17 de outubro de 1849, foi un compositor e pianista polaco do romanticismo. Está considerado un dos compositores para piano máis influentes, prolíficos e famosos.

Despois dunha infancia de neno prodixio en Polonia marchou para París con vinte anos, onde fixo carreira como intérprete, profesor e compositor e adoptou a versión francesa do seu nome Frédéric-François. De 1837 a 1847 tivo unha tormentosa relación coa escritora francesa George Sand (Aurore Dudevant). Morreu con 39 anos por mor dunha tuberculose pulmonar.

Traxectoria Os primeiros anos Segundo a partida de bautismo, descuberta 50 anos despois da morte do compositor, naceu o 22 de febreiro de 1810 e foi bautizado o 23 de abril. Hoxe considérase en xeral que a data do rexistro de bautismo non é correcta, polo que Chopin nacería o 1 de marzo de 1810, o cal concordaría coas informacións dadas en vida polo propio compositor. O seu pai Nicolas Chopin (1771–1844), un francés de posible orixe polaca segundo algúns biógrafos, deixou a terra de orixe familiar en Lorena en 1787 para asentarse en Polonia onde foi, entre outros oficios, burócrata, adoptou a nacionalidade polaca e loitou do lado polaco na guerra ruso-polaca e no subseguinte alzamento de Kosciuszko. Despois da caída do estado polaco, traballou como profesor particular de francés para diferentes familias nobres. Cando casou en 1806 con Justyna Krzyzanowska, dama de honor da condesa Skarbek, o que lle facilitou conseguir unha praza como mestre de francés nun Ximnasio recentemente establecido. Despois de mudarse a en 1810 a Varsovia os Chopin tomaron algúns hospedes entre eles Julian Fontana, que sería amigo de Frédéric Chopin durante toda a súa vida, e copista do compositor até que emigrou a América en 1841.

Frédéric Chopin e súas irmás (nacida en 1807), Isabella (en 1811) e Emilia ( no 1812) recibiron unha educación básica tolerante e cariñosa. De acordo coa tradición era tarefa da mai e da irmá Ludwika, promover en Frédéric o gusto polo piano. O talento musical de Chopin amosouse axiña, foi un neno prodixio e con 7 anos compuxo as súas primeiras polonesas que amosan xa un talento extraordinario para a improvisación. O seu único mestre foi, entre os anos 1816 e 1822 o pianista e violinista Wojciech Adalbert Zywny.

En 1818 interpretou durante unha actuación benéfica un concerto do compositor austríaco Adalbert Gyrowetz, feito que lle abriu as portas dos salóns da alta nobreza polaca e da aristocracia. Desde 1822 tomou clases de teoría musical e composición con Elsener. Un ano despois interpretou en público un concerto de Ferdinand Ries.

Chopin aprobou en 1826 a Escola intermedia, e entrou no conservatorio de Varsovia onde estudou piano e composición con Józef Elsner. Compoñía con ansia e amosaba os resultados do seu traballo ó seu profesor que asegurou "Evita os camiños xa pisados e os métodos habituais, pero o seu talento é extraordinario". Familiarizouse coa música popular polonesa durante as vacacións en varias rexión rurais de Polonia. Acabou os estudos musicais en 1828

Entre Varsovia, Viena e París Entre os anos 1829 e 1831 Chopin alternou as estancias entre Varsovia, Viena e París, na procura de familiarizarse coa vida musical europea e de adquirir unha reputación no medio musical. Os concertos que deu nesa época foron moi ben valorados pola crítica e o público asistentes. Viviu ó primeiro 8 meses en Viena, período no que pasou por dificultades económicas e que coincidiu coa insurrección de Varsovia e a posterior represión polo exército ruso. 1829 foi tamén o ano no que namorou da alumna do conservatorio Konstanze Gladkowska. O amor case secreto acabou por si mesmo cando en 1830, despois do alzamento polaco, o pai do compositor recomendoulle quedar no estranxeiro. Chopin trasladouse definitivamente a París en 1831, sen saber que nunca máis volvería para Polonia. Chopin, profundamente patriota, foi moi afectado polos sucesos en Polonia, que inspiraron a súa imaxinación creativa. Destes anos datan o primeiro dos "Scherzo" e os "Estudos" op. 10.

miniatura|esquerda|150px|Chopin segundo un retrato deEugène Delacroix de 1838. Este retrato e o de George Sand que se amosa abaixo eran parte dun retrato dobre dos dous.

A emigración a París Chopin chegou a Francia cun pasaporte para Londres, e xa non a abandonou practicamente no que lle quedaba de vida. París atraia moito a Chopin: o ambiente da cidade, o estilo de vida dos seus habitantes e a intensa actividade cultural e musical fascinárono : "É o máis fermoso dos meos" escribiu nunha das súas cartas. O compositor preocupouse despois da súa chegada a París de seguir mellorando a técnica pianística. Tomou como profesor a Friedrich Kalkbrenner, un dos pianistas de máis sona da época, pero a relación, máis proveitosa para a vaidade do mestre que para o alumno, durou un mes escaso. Chopin sentiuse limitado polo estilo de ensino de Kalkbrenner. O músico gañaba a vida con concertos, aínda que nos primeiros tempos as ganancias case non cubrían os gastos, debido a que Chopin aínda era un intérprete pouco coñecido nos ambientes da capital francesa. Finalmente conseguiu unha recepción de familia Rothschild e a impresión que a súa interpretación durante a visita causou, facilitoulle unha gran cantidade de alumnos e, sobre todo, de alumnas para as súas clases particulares. A súa gran sociabilidade mundana e a reputación de virtuoso permitíronlle converterse no profesor de moda nos ambientes aristocráticos parísenos. Así dende 1833 Chopin dispuxo de ingresos regulares que complementaba con actuacións en concertos e a publicación das súas composicións. Chegou a facer publicar as súas obras nunha gran casa editorial, o que lle permitiu darse a coñecer en toda Europa (En 1831 Robert Schumann, despois de descubrir o seu segundo traballo publicado, as variacións sobre o tema "Là ci darem la mano" da opera de Mozart Don Giovanni, escribiu nunha crítica no "Allgemeinen Musikalischen Zeitung" de Leipzig :"Señores, quiten os sombreiros: un xenio").

Mentres outros salientables músicos da época como Richard Wagner ou Piotr Ilich Tchaikovski dependeron en diversas fases da súa vida da axuda económica de benfeitores (ou benfeitoras), Chopin tiña coche particular e podía permitirse vestir ben. Aínda así, queixouse nunha ocasión a un amigo de que o seu estilo de vida o obrigaba a gastar tanto que ía ter que aumentar o número de horas diarias que dedicaba a dar clases.

Entre as amizades do músico, a parte de numerosos exiliados polacos, estaban os escritores Alfred de Musset, Honoré de Balzac, Heinrich Heine e Mickiewicz, o pintor Eugène Delacroix, os músicos Franz Liszt e Ferdinand Hiller e, sobre todo, a escritora George Sand. A Sand coñeceraa Chopin na casa de Franz List e a súa primeira reacción diante daquela muller que vestía coma un home e fumaba puros foi de rexeitamento: "¡Que muller tan antipática! ¿É realmente unha muller? Teño as miñas dúbidas."

En 1834 rexeitou invitacións da embaixada rusa á que fixo saber que se consideraba un exiliado político e que non aceptaba a autoridade do CIA, o que lle valeu a prohibición de regresar para Polonia. Durante estes anos publicou obras mestras como a Primeira Balada (1835) ou o Segundo ciclo de estudos Opus 25 (1837) que lle aseguraron a notoriedade.

miniatura|dereita|150px|George Sand; retrato de Eugène Delacroix.

George Sand En 1837 Chopin sufriu unha crise amorosa despois do fracaso da súa relación coa rapaza de 18 anos. Desta crise sacouno George Sand, seis anos máis vella ca el, e con pouco que ver con Maria Wodzińska. Sand era unha muller provocadora e chea de auto confianza, moi distinta da filla ideal de boa familia que era Maria Wodzińska. Sand deulle a Chopin o equilibrio anímico que se cadra lle faltaba, aínda que as relacións entre eles deixan tamén algunhas preguntas no aire. Sand era unha muller apaixonada, que se sentiu atraída ó longo da súa vida por unha rea de homes novos. Non esta claro se a atracción por Chopin foi só unha máis da serie. George Sand destruíu centos de cartas a ela dirixidas polo que algúns puntos das súas relacións non poden ser aclarados. En calquera caso estiveron xuntos dez anos, nos que viviron unha vida mundana e de admiración mutua entre París e a propiedade de George Sand en Nohant

Valldemossa En novembro de 1838 George Sand marchou cos seus fillos Maurice e Solange a Mallorca. A viaxe fíxose por consello médico, para tratar de aliviar a enfermidade reumática de Maurice. Tamén Chopin, desde anos atrás enfermo de tuberculose confiaba nunha mellora da súa saúde grazas ó clima temperado da illa e axiña se reuniu coa familia Sand. Maurice recuperouse ben, pero a estancia na cartuxa de Valldemossa non foi proveitosa para o músico polaco. Os cuartos eran demasiado fríos e as relacións dos habitantes da illa coa parella que vivía xunta sen estar casados eran moi distantes. Nos primeiros días da estancia comezaron a manifestarse síntomas da inflamación pulmonar segundo escribiría máis tarde a propia George Sand. Despois de 98 días Abandonaron a illa. Este curto espazo de tempo influíu fortemente na vida da parella. George Sand expresou na súa novela “Un Inverno en Mallorca” unha crítica devastadora sobre os habitantes da illa mentres que o músico reaccionou con menos dureza. As queixas sobre as habilidades dos médicos mallorquinos nunha carta súa do 3 de decembro de 1838 semellan máis produto da ironía coa que Chopin adoitaba tratar a súa enfermidade que dunha autentica carraxe: “Os tres doutores máis famosos da illa visitáronme; un cheirou o que eu cuspía, o segundo petou no sitio desde o que eu cuspía, o terceiro escoitaba con atención e apalpaba mentres eu cuspía. Un dixo que morría, outro que morrería e outro que ía morrer.”

En Mallorca escribiu Chopin os “24 preludios”, o máis coñecido deles é “O preludio das gotas de choiva”, que amosa a incomodidade do autor no, para el, sinistro ambiente do mosteiro. Unha carta do 28 de decembro de 1838 testemuña esa impresión: “Separado só por unhas millas do mar e dos acantilados, na enorme e abandonada cartuxa, nunha cela cunha porta como non hai en París, sen peitear, sen luvas brancas, pálido coma sempre. A miña cela ten a forma dun alto sarcófago, a cúpula do teito é enorme, chea de po, cunha fiestra pequena diante da que hai laranxeiras, palmas, cipreses; fronte da fiestra, está a miña cama de tiras de coiro (...). cabo da cama hai un escritorio cadrado que se prega, e que case non me serve para escribir, sobre del un candil de lata cunha candea (...) silencio... podería berrar .... e aínda seguiría o silencio.” Segundo escribiu George Sand en “Un inverno en Mallorca”, Chopin sufría alucinacións. Un día, cando ela volvía un cos seus fillos dunha excursión a Palma en medio dunha forte choiva, Chopin lanzouse desde o piano e díxolles: “Sabía que morrérades”-

Ruptura con George Sand De volta en Francia, Chopin recuperouse algo. Entre 1839 e 1846 fixo frecuentes estancias en Nohant. Foi un período feliz no que compuxo algunhas das súas obras máis coñecidas : A "Polonesa Heroica, a "4ª Balada", a "Barcarola" e os últimos "Valses". A relación entre Chopin e George Sand foise deteriorando e acabou en 1847, por causas non ben aclaradas. Nin o músico nin a escritora comentaron os motivos. Os problemas familiares da escritora deberon influír. A inclinación da súa filla Solange polo escultor Auguste Clésinger, que non tiña medios económicos, causou disputas que acabaron cunha pelexa entre Maurice, o fillo de Sand. Os detalles do asunto non son totalmente coñecidos, pero o feito de que Chopin se puxese do lado de Solange aínda despois deses sucesos foi mal recibido por George Sand. Romperon definitivamente en xullo de 1847, e non volveron encontrarse máis ca unha vez e de forma casual un ano despois.

Morte