A batalla de Porto de Bois foi un conflito bélico que tivo lugar na primavera de 1371 en Porto de Bois (O Mato, Palas de Rei), no marco das guerras fernandinas, a guerra sucesoria á Coroa de Castela entre Fernando I de Portugal (bisneto de Sancho IV de Castela) e Henrique II de Castela (fillo ilexítimo de Afonso XI de Castela) tras a morte do rei Pedro I de Castela.

Historia Fernando Ruiz de Castro (irmán de Xoana de Castro, muller de Pedro I) era partidario de Fernando I. Despois da sinatura do Tratado de Alcoutim o 31 de marzo de 1371, Fernando Ruiz de Castro retirou as súas tropas desde Lugo cara a Santiago de Compostela para xuntarse con outros leais. Henrique II mandou tras del as tropas de Pedro Ruiz Sarmiento, adiantado maior do Reino de Galicia, e mailas de Pedro Manrique, o adiantado maior de Castela. No seu avance arrasaran antes O Castro de Caldelas, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.

Segundo o historiador Francisco Rodríguez foi decisiva na batalla a presenza de compañías libres, exércitos mercenarios liderados por Bertrand du Guesclin, condestable de Castela. Eran famosos pola sona de despiadados nas pillaxes dos botíns e por ser decisivos na súa achega na batalla.

A batalla tivo lugar nun val estratéxico, preto do río Pambre e da ruta francesa a Santiago. A superioridade numérica e a maior preparación guerreira do bando foráneo puido decantar a vitoria.

Tras a derrota, Fernando Ruiz de Castro exiliouse en Portugal até a sinatura do Tratado de Santarém en 1373, e entón houbo marchar a Inglaterra e Aquitania. Faleceu en Baiona en 1377. Non se coñece onde está a súa tumba pero historiadores castelanistas crearon unha suposta inscrición que pon "aquí xace a lealdade de España". Esta frase é irreal xa que tanto o concepto de España non existía na época así como o líder da resistencia galega foi exiliado e expulsado por ser el o responsable da loita ante o bando invasor castelán.

Memoria En 2024 a asociación Artábria organizou unha xornada conmemorativa, cunha ruta guiada por Marcos Abalde.

Notas

Categoría:1371 Porto Categoría:Batallas do século XIV Categoría:Século XIV en Galicia Categoría:Artigos sen imaxes Categoría:Batallas do Reino de Galicia Categoría:Batallas do Reino de Portugal Categoría:Batallas da Coroa de Castela Categoría:Historia medieval de Galicia