Zakaria "Zaka" Eddahchouri, nado en Papendrecht (Holanda Meridional, Países Baixos) o 11 de maio de 2000, é un futbolista neerlandés de orixe marroquí, que xoga como dianteiro ou centrocampista ofensivo no Deportivo da Coruña, da Primeira División.

Traxectoria

Comezos e vida persoal Naceu na cidade neerlandesa de Papendrecht, na provincia de Holanda Meridional, no seo dunha familia de orixe marroquí, sendo o máis vello de tres irmáns. Creceu sendo afeccionado ao Feyenoord. Comezou a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do VV Papendrecht, ocupando a posición de extremo esquerdo e máis tarde ingresou na canteira do Feyenoord. Xogou en Rotterdam ata os 14 anos, cando as chegadas de Orkun Kökcü e Lion Kalentjev o deixaron sen espazo no equipo. A continuación pasou polas categorías inferiores do Spartaan'20 e do Go Ahead Eagles, onde completou a súa formación.

Go Ahead Eagles O 3 de maio de 2019 debutou co primeiro equipo do Go Ahead Eagles na Eerste Divisie, a segunda categoría do fútbol neerlandés, da man do adestrador John Stegeman. Foi na derrota por 2-0 diante do  FC Den Bosch da derradeira xornada de liga. Subiu definitivamente ao primeiro equipo na tempada 2020/21, na que disputou un total de 22 encontros, incluído un partido da Copa Neerlandesa no que marcou o seu primeiro gol como profesional (ante o Goes (fútbol)), conseguindo o ascenso á Eredivisie ás ordes de Kees van Wonderen. Debutou na máxima categoría do fútbol dos Países Baixos o 27 de novembro de 2021, nun partido contra o Willem II, no que substituíu no minuto 71 a Martijn Berden. Con todo, foi o seu único partido esa campaña, debido á dura competencia no equipo.

Koninklijke HFC Para a tempada 2022/23 fichou polo Koninklijke HFC, da Tweede Divisie (terceira división), coa intención de gañar experiencia e minutos. Reconvertido na posición de dianteiro centro a petición do adestrador Gertjan Tamerus, conseguiu 16 goles en 31 partidos co club de Haarlem, sendo o quinto máximo goleador da categoría e atraendo o interese de clubs de maior nivel.

Telstar En xullo de 2023 regresou á Eerste Divisie, ao fichar polo Telstar, asinando un contrato por unha tempada con opción a outra. Debutou co club na primeira xornada de liga, unha derrota por 1-0 ante o Jong PSV. Marcou o seu primeiro gol na categoría no segunda xornada, o 18 de agosto, nunha derrota na casa por 3-2 ante o Cambuur. O 17 de novembro conseguiu un triplete no triunfo  por 1-4 sobre o Den Bosch no estadio De Vliert. Repetiu tres goles nun mesmo partido en decembro contra o Helmond Sport (3-0), pechando a campaña cun total de 14 goles en 27 partidos de liga.

Continuou como máximo artilleiro do club e da liga na primeira metade da tempada 2024/25, con 17 goles en 23 partidos, ata que o 30 de xaneiro de 2025 se anunciou a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, que o adquiriu por unha cantidade que roldou os 250.000 euros. Asinou un contrato co club galego por tres anos e medio.

Deportivo da Coruña Debutou co club galego só tres días despois da súa fichaxe, na vitoria por 1-0 sobre o Eibar en Ipurua, partido no que substituíu nos 20 minutos finais a Barbero. Unha semana despois xogou o seu primeiro encontro como titular, ante o Almería en Riazor, e no minuto 19 marcou o gol que inaugurou o marcador. Foi titular na maioría de partidos restantes, e marcou tres goles máis. A mediados de maio sufriu un accidente no paseo marítimo da Coruña, ao caer ás rochas na zona coñecida como Os Pelamios, dunha altura de cinco metros, tendo que ser rescatado polos servizos de emerxencias e trasladado ao hospital CHUAC. O club informou de que non sufrira feridas graves e que a súa vida non corría perigo, aínda que si lle impediu xogar os dous últimos partidos da tempada. Pechou a campaña cun total de 16 partidos e 4 goles co Dépor.

Foi titular nos tres primeiros partidos da tempada 2025/26 e na quinta xornada anotou un triplete ante o Mirandés. Nos seguintes meses alternou no once inicial co italiano Samuele Mulattieri, ata que no treito final da tempada ambos perderon o posto de titular ante o camerunés Bil Nsongo, subido dende o Fabril. Con todo, foi o máximo goleador do equipo na tempada, cun total de 13 dianas, e marcou dous importantes goles nas xornadas 38 e 40, ante Leganés e Andorra respectivamente, que contribuíron de xeito decisivo ao ascenso do equipo á Primeira División ao remate da tempada.

Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 2026/27 contra o Elche en Riazor, substituíndo na segunda metade a Bil Nsongo.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesGo Ahead Eagles2018/19Eerste Divisie1000102019/20Eerste Divisie5010602020/21Eerste Divisie210112212021/22Eredivisie100010Total club28021301Koninklijke2022/23Tweede Divisie3016103116Telstar2023/24Eerste Divisie27141028142024/25Eerste Divisie2317202517Total club5031305331Deportivo da Coruña2024/25Segunda164001642025/26Segunda3612313913Total club5216315517Total carreira124516113052 Notas

Categoría:Nados en Holanda Meridional Categoría:Nados en 2000 Categoría:Neerlandeses de ascendencia marroquí Categoría:Futbolistas dos Países Baixos Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Go Ahead Eagles Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña