O Corralón da Gaiteira, tamén coñecido como Corralón da Palloza, foi un recinto deportivo situado na Coruña, que foi utilizado para diferentes competicións entre finais do século XIX e comezos do XX. Acolleu probas ciclistas, concursos hípicos e competicións de atletismo e tiro ao pombo, e foi o escenario dos primeiros partidos de fútbol disputados na cidade. O Deportivo da Coruña disputou neste campo case todos os partidos dos seus primeiros dous anos de vida.
Historia O Corralón da Gaiteira era un terreo duns 18 000 metros cadrados situado na cidade da Coruña, a carón do río Monelos (límite entre os concellos da Coruña e Oza) e a poucos metros da Fábrica de Tabacos, ocupando parte do que hoxe son as rúas Ramón y Cajal, Novoa Santos e Pastor Díaz. O lugar era utilizado como zona de descanso para o gando que se descargaba no porto da Coruña. En 1892, sendo propiedade do empresario Nicolás María del Río, foi o escenario dunha grande exposición e unha feira de gando. Máis tarde foi herdado polo fillo de Nicolás del Río, Eduardo del Río, e comezou a acoller numerosas probas deportivas, funcionando como velódromo e organizándose nel concursos hípicos.
En 1894 xogouse no Corralón o primeiro partido de fútbol do que se ten constancia na Coruña e que enfrontou a membros do British Lawn Tennis Club con membros do Sporting Club coruñés. En 1906 disputou neste terreo o primeiro partido da súa historia do Deportivo da Sala Calvet (actual Deportivo da Coruña), que derrotou o Corunna por 2-1. O Corralón foi o escenario de case todos os partidos do Deportivo durante os seus dous primeiros anos de vida, ata que en 1909 foi inaugurado o campo de Riazor, e foi o terreo no que se disputaron as primeiras edicións do Campionato de Galicia e Asturias organizado pola Liga de Amigos. Máis tarde acolleu probas atléticas e competicións de tiro ao pombo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Campos de fútbol da provincia da Coruña Categoría:Deportivo da Coruña