A avenida das Camelias é unha vía urbana da cidade de Vigo. Comeza na praza do Rei e discorre paralela ao litoral vigués pola ladeira intermedia até confluír coa rúa de López Mora. Atravesa as históricas parroquias viguesas de Freixeiro e Santa María de Vigo. Ten unha extensión de 1,9 km. Recibe ese nome polos camelios plantados na década de 1960 ao longo do seu percorrido.
Historia A avenida das Camelias foi proxectada na década de 1940 como unha circunvalación litoral, tal e como contemplaran diferentes planos urbanísticos como os de Antonio Palacios.
Finalmente construíuse en 1963 e denominada como avenida da Circunvalación, nun contexto de gran crecemento poboacional, desenvolvemento industrial e extensión horizontal da urbe. Porén, este nome non terminou de se aceptar entre a veciñanza, e en lugar dese nome foise popularizando paseniñamente a denominación de avenida de Beatriz. A razón desa denominación popular extraoficial foi a aparición de até cinco pintadas e grafittis ao longo da avenida con esa denominación. O propio escritor Álvaro Cunqueiro fixo referencia a ditas pintadas no xornal vigués Envés. Posteriormente, malia a eliminación das pintadas, instalouse unha placa de mármore co mesmo nome, o de avenida de Beatriz. O uso acadou tal aceptación que era o nome non oficial o que aparecía nos mapas de rueiros ou no correo postal dos veciños.
Finalmente en 1965 o alcalde José Ramón Fontán decidiu plantar ducias de camelios e mudar o nome da avenida á denominación contemporánea.
Morfoloxía e urbanismo A avenida de Camelias é unha das rúas máis longas de Vigo, e percorre a ladeira intermedia da cidade, a media altura entre o monte do Castro e a ribeira da ría de Vigo. Así, segue un traxecto sinuoso bordeando a ría de Vigo, sen apenas rúas perpendiculares por mor da diferenza de altitude pola forte pendente, agás pequenos ruelos, a miúdo con escadas, ascensores e elevadores que tratan de salvar o desnivel.
Posúe entre dous e un carril por sentido, un carril bici e beirarrúas grandes con camelias plantadas durante o seu percorrido.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Camelia Plan Palacios
Camelias