García de Caamaño de Mendoza, nado en Galicia no século XV e finado en Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), en xaneiro de 1540, foi un nobre e militar galego. Era fillo de García de Caamaño o Fermoso, señor de Vilagarcía, e da súa segunda muller, Inés de Mendoza e Soutomaior.

Traxectoria Participou na conquista de Granada como capitán dos Reis Católicos. En 1478 herdou os patrimonios do seu pai, entre os cales estaban os lugares e portos de Vilagarcía, Rubiáns, Vista Alegre, Arealonga e Barrantes, e o 4 de febreiro de 1535 o rei Carlos I concedeulle o título de I Señor da Casa de Rubiáns. En 1508 solventou amigablemente o preito que a súa liñaxe mantiña co mosteiro de San Martín Pinario.

Contraeu matrimonio con Costanza Sánchez de Bendaña, filla de Vasco Guillelmes, rexedor de Noia, e de Clara Oanes, irmá do bispo Diego de Muros I, do cal naceron sete fillos. Entre eles o primoxénito García Rodríguez de Caamaño (o seu sucesor), Álvaro de Soutomaior (que recibiu as casas de Vista Alegre e Barrantes) e Rodrigo de Mendoza, abade de Teberga.

García de Caamaño outorgou o seu última disposición o 31 de decembro de 1539 e faleceu nos primeiros días do mes de xaneiro de 1540. Foi soterrado, ao igual que a súa esposa, na capela maior da nova conventual franciscana da vila de Noia, cuxo traslado eles mesmos costearan.

Notas

Categoría:Nados en Galicia Categoría:Nados no século XV Categoría:Finados en 1540 Categoría:Nobres de Galicia do século XV Categoría:Nobres de Galicia do século XVI