Víctor Blanco Rodríguez, nado en Campaña (Valga) o 27 de febreiro de 1946, é un empresario e dirixente deportivo galego-arxentino, que exerceu como presidente do Racing Club entre 2013 e 2024. É un dos presidentes con máis éxito da historia do club, co que conquistou un total de sete títulos, entre eles dúas ligas de Primeira División e unha Copa Suramericana.
Fóra do fútbol, os seus negocios están vencellados principalmente á hostalaría, xestionando varios restaurantes, locais de entretemento e hoteis, como o emblemático Hotel Savoy de Buenos Aires.
Traxectoria
Mundo empresarial Nacido na parroquia de Campaña, no concello pontevedrés de Valga, aos cinco anos de idade emigrou xunto aos seus pais á Arxentina. Acabou de criarse no barrio de Barracas, en Buenos Aires e comezou a traballar mentres estudaba secundaria, sendo empregado na compañía alimenticia Bagley. Máis tarde adentrouse no mundo da hostalaría e mercou o seu primeiro restaurante, ao que seguiron outros negocios do mesmo eido. Dono de varios restaurantes e establecementos de espectáculos de tango, é tamén accionista maioritario de Fagral, empresa que xestiona o emblemático Hotel Savoy de Buenos Aires, e lidera VBR Group.
Como dirixente de fútbol
Deportivo Español Na década de 1980 foi directivo do Deportivo Español, club fundado por emigrantes galegos coma el, e presidido naquel entón polo ordense Francisco Ríos Seoane. Durante esta etapa o club viviu os anos máis gloriosos da súa historia e conseguiu o ascenso á Primeira División.
Presidente do Racing Club (2013-2024)
Primeiros anos O seu vencello co Racing Club comezou na infancia, como afeccionado do equipo de Avellaneda Asiduo ao Cilindro, en 1967 viu en directo no estadio Centenario de Montevideo o histórico gol do Chango Cárdenas contra o Celtic de Glasgow, co que o equipo arxentino se coroou como campón da Copa Intercontinental. Non foi ata 2009 cando coñeceu a varios directivos do club a través da súa propia filla Bárbara, días despois de que esta saíse ao terreo de xogo con Marisa Andino para homenaxear a Guillermo Francella, que viña de gañar o Óscar por El secreto de sus ojos. Ao ano seguinte sufragou parte da fichaxe de Gabriel Hauche e trabou amizade co presidente Rodolfo Molina, ao que acompañou como vicepresidente segundo nas eleccións de 2011.
Tras as dimisións de Cogorno e Molina en 2013, Blanco asumiu o cargo de presidente o 28 de setembro. Unha das súas primeiras medidas foi contratar a Reinaldo Merlo como adestrador do equipo de Primeira División, un técnico con experiencia no club, xa que o levara a gañar o campionato en 2001. Tras salvar o equipo do descenso e conseguir 30 puntos no torneo, Merlo acabou renunciando ao seu posto por mor dun mal inicio da seguinet campaña. Trala marcha de Mostaza, Blanco ofreceulle a Diego Cocca o posto de adestrador. Tamén conseguiu o regreso de Diego Milito, xogador histórico do club. Con Cocca no banco e Milito como líder sobre o campo, o 14 de decembro de 2014 o Racing Club coroouse campión do Campionato de Primeira División despois de 13 anos. Ese mesmo día, Blanco gañou as eleccións, e foi reelixido como presidente da institución ata 2017.
Tras a marcha de Cocca, o presidente Blanco contratou un técnico da casa, Facundo Sava, antigo xogador do club. Despois de obter malos resultados e dunha campaña irregular, Sava foi despedido e a continuación pasaron polo banco Claudio Úbeda e Ricardo Zielinski.
Tras reunirse con varios candidatos, o presidente optou polo regreso de Diego Cocca, o que elevou as expectativas entre a afección. Ademais, a dirección decidiu renovar o Cilindro con iluminación LED e unha instalación de son segundo as esixencias da CONMEBOL, melloras que se inauguraron en febreiro de 2017. Ese mesmo ano, Víctor Blanco foi elixido secretario xeral da AFA.
Diego Cocca dimitiu en novembro de 2017, tras algunhas decisións técnicas e problemas internos por diferenzas tácticas e directivas, sumadas á eliminación en cuartos de final da Copa Suramericana de 2017 ante o Libertad paraguaio e á derrota ante Independiente por 0-1 no clásico de Avellaneda disputado no Cilindro. O presidente aceptou a súa dimisión e comezou a procura dun novo adestrador.
Os anos dourados En xaneiro de 2018, Blanco sorprendeu ao fútbol arxentino ao contratar como director deportivo a Diego Milito, ídolo do club nos últimos anos. Isto influíu na chegada do novo adestrador, Eduardo Coudet, así como nas fichaxes de Alejandro Donatti, Nery Domínguez, Neri Cardozo, Leonardo Sigali e o regreso ao club de dous grandes xogadores que vestiran anteriormente a camiseta branca e azul: Ricardo Centurión e Gustavo Bou. En 2019, tras solicitar a devolución dos papeis do Predio Tita Mattiussi, conseguiu o seu obxectivo e obtivo as escrituras deste recinto deportivo, que foran comisadas durante a quebra de 1999.
Con Coudet como técnico e Lisandro López como xogador de referencia, o 31 de marzo de 2019, o Racing coroouse campión de liga por segunda vez no seu mandato, converténdose así Blanco no primeiro presidente en acadar dous títulos dende Carlos Paillot na década de 1950.
A finais de novembro de 2019, o Chacho Coudet anunciou que non continuaría no club tralo remate da tempada. O 14 de decembro de 2019, no último partido de Coudet, o Racing conquistou a primeira e última edición do Trofeo de Campións, e Sebastián Becaccece foi anunciado como novo técnico.
Segundo mandato A finais de 2020 celebráronse eleccións no club, saíndo Blanco reelixido con máis do 70 por cento de apoio dos socios. Tras unha campaña irregular, con disputas internas co directivo Adrián Fernández, coa dura derrota ante Boca Juniors na Copa Libertadores e a saída de Diego Milito da secretaría do club, o adestrador Beccacece anunciou que tampouco seguiría á fronte do equipo.
En xaneiro de 2021 chegaron ao Racing Rubén Oscar Capria e Juan Antonio Pizzi, como director deportivo e adestrador respectivamente.
Tres meses despois, en marzo, Racing perdeu de maneira estrepitosa na edición de 2019 da Supercopa Arxentina, adiada por mor da Pandemia de COVID-19, caendo por 5-0 ante River Plate, o que desatou o enfado da afección.
Nos seguintes meses o equipo logrou mellorar o seu rendemento, e acabou subcampión da Copa da liga Profesional de 2021, tras perder a final contra o Colón de Santa Fe por 3-0. No receso invernal dese ano produciuse a volta do seu xenro, o futbolista Lisandro López (tras o seu paso breve pola Major League Soccer) e a partida dun dos alicerces e referentes do club, o chileno Marcelo Díaz (tras non chegar a un acordo pola renovación do seu contrato). Tralo regreso ás competicións, o rendemento do equipo seguiu sendo moi irregular, quedando rapidamente eliminado da Copa Libertadores fronte ao São Paulo. No campionato doméstico o equipo demostrou un nivel de xogo moi inferior ao dos anos anteriores. A derrota por 1-0 no Clásico de Avellaneda supuxo o despedimento de Pizzi como adestrador, sendo substituído de xeito interino por Claudio Úbeda.
O 17 de agosto realizou unhas polémicas declaracións na radio, afirmando que "ao seareiro nas etapas complicadas custáballe poñer a camiseta do Racing e que hoxe en día o facía con orgullo". Estas palabras enfadaron a unha parte da afección e dalgúns exfutbolistas como Ezequiel Videla, Maximiliano Estévez ou Hugo Lamadrid, que lle responderon en redes sociais. O descontento creceu o 22 de setembro de 2021, cando o Racing foi eliminado en oitavos de final da Copa da Arxentina ante Godoy Cruz Antonio Tomba. O domingo 3 de outubro produciuse o regreso da afección do Racing ao Cilindro de Avellaneda (baleiro dende o inicio da pandemia de COVID-19), para un partido ante o Estudiantes de La Plata. Nos últimos minutos de encontro, a afección do club mostrou o seu descontento coas decisións e polémicas declaracións do presidente Blanco, aplaudindo ao seu exsecretario de Deportes e ídolo contemporáneo Diego Milito.
Ante o mal rendemento do corpo técnico interino, Blanco contratou a finais de outubro de 2021 a un novo adestrador para reverter a situación, Fernando Gago, que chegou acompañado por Federico Insúa.
Retorno dos logros deportivos Nos primeiros meses do 2022 o equipo sufriu unha depuración no cadro de xogadores: o seu xenro Lisandro López decidiu emigrar ao Club Atlético Sarmiento de Junín para estar preto da súa familia, Darío Cvitanich retornou ao seu club de orixe, Banfield, mentres que Ignacio Piatti colgou as botas. Pola súa parte, realizáronse as incorporacións de Gabriel Hauche, que emprendía a súa terceira etapa en Racing, Facundo Mura e Edwin Cardona.
No campionato de liga, despois dunha dura loita ata a última xornada con Boca Juniors, o Racing acabou subcampión. Malia quedar segundo na liga, o Racing rematou no primeiro lugar da táboa xeral da tempada 2022, con 80 puntos, sendo o mellor equipo arxentino do ano e clasificándose así para a primeira edición da Supercopa Intercontinental, que se disputaría en 2023 en Abu Zabi. No Trofeo de Campións LPF 2022, o Racing derrotou nas semifinais a Tigre e na final a Boca Juniors, coroándose campión.
Xa en Abu Zabi, o club presidido por Víctor Blanco converteuse no primeiro campión da Supercopa Internacional, ao derrotar por 2-1 de novo a Boca Juniors. O 15 de xuño de 2023 o Racing acadou os 90.000 socios, o número máis alto da súa historia. Na Copa Libertadores de 2023 o equipo branco e celeste chegou aos cuartos de final, onde se enfrontou outra vez ao Boca Juniors. O resultado foi de empate tanto na ida como na volta, pero a quenda de penaltis decantou a balanza a favor dos xeneizes.
Días despois, o Racing caeu por 5-3 ante o Huracán e a finais de setembro, perdeu tamén contra o Independiente no Clásico de Avellaneda, por 2-0. Nas bancadas escoitáronse insultos cara á directiva, Rubén Capria (director) e Fernando Gago, que acabaron dimitindo sen dar ningunha explicación. Días despois confirmouse que o quedaba a cargo dos adestradores Ezequiel Videla e Sebastián Grazzini. En decembro o equipo quedou eliminado tamén na Copa da Liga, ao caer ante Rosario Central, e uns días despois renunciaron os técnicos Videla e Grazzini.
O 18 de decembro confirmouse a chegada de Gustavo Costas como novo director técnico do Racing.
Campión da Copa Suramericana Para a tempada 2024, o Racing converteuse no club arxentino que máis fichaxes realizou: Facundo Cambeses, German Conti, Agustín García Basso, Marco Di Cesare, Bruno Zuculini, Santiago Sosa (cedido), Adrián Martínez, Santiago Solari, Maximiliano Salas (cedido) e Agustín Urzi (cedido).
En xaneiro, a banda de hard rock La Renga realizou unha serie de actuacións no Cilindro de Avellaneda, sendo estes os primeiros concertos durante o mandato de Víctor Blanco. O 22 de xaneiro, o vicepresidente segundo, Miguel Jiménez, dimitiu do seu cargo, deixando o consello de administración. Ademais, concluíronse as renovacións da iluminación do estadio con luces LED intelixentes.
O 16 de abril o club finalizou a súa participación na Copa da Liga Profesional, quedando eliminado na fase de grupos a pesar de loitar ata o final pola clasificación. O 20 de abril tivo lugar o segundo concerto no Cilindro baixo a súa dirección, coa actuación do rapeiro Wos. O 2 de maio o Racing quedou eliminado nos oitavos de final da Copa Arxentina ante o Talleres Remedios, club da segunda división do fútbol arxentino.
O 22 de agosto de 2024 Diego Milito anunciou que participaría nas eleccións á presidencia que terían lugar en decembro. Blanco mantivo encontros co exfutbolista, tratando de acadar unha unidade. pero non o conseguiu. Milito presentouse como candidato á presidencia nas listas de Racing Sueña e Víctor Blanco fíxoo como vicepresidente primeiro na candidatura encabezada por Christian Devia (Racing Gana), ata entón secretario xeral do club.
O 23 de novembro o Racing gañou a Copa Suramericana tras vencer por 3-1 ao Cruzeiro brasileiro na final disputada no estadio General Pablo Rojas de Asunción.