A seguridade alimentaria ou seguranza alimentaria é un obxectivo prioritario que se marcou a Unión Europea en 2002 para garanti-lo dereito á protección á saúde dos consumidores.
Desde 2019, a Organización Mundial da Saúde celebra o 7 de xuño o Día Mundial da Inocuidade dos Alimentos, co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia da prevención e detección das enfermidades de orixe alimentaria. O devandito organismo estima que uns 600 millóns de persoas enferman cada ano de enfermidades transmitidas por alimentos, que ocasionan unhas 420.000 mortes anuais.
Orixe do concepto A necesidade dunha nova perspectiva no control da salubridade dos alimentos xorde a raíz das crises alimentarias dos anos noventa (dioxinas nos ovos belgas, febre aftosa no gando e, sobre todo, a crise das vacas tolas ou encefalopatía esponxiforme bovina). Estes gravísimos problemas de saúde pública puxeron de manifesto que o control oficial dos alimentos, baseado na inspección das industrias que os elaboraban, dos establecementos que os poñían á venda e dos propios produtos alimenticios no mercado, non abondaba para garanti-la súa aptitude para o consumo.
O estudo en profundidade destas crises alimentarias e das causas que as fixeron posibles demostrou que a seguridade alimentaria dependía simultaneamente tanto dos controis veterinarios sobre a fabricación e servizo dos alimentos e da hixiene na súa manipulación, como da alimentación e saúde do gando, da protección e benestar dos animais ou os controis e tratamentos fitosanitarios realizados sobre os cultivos ou da policía sanitaria.
Unha segunda consecuencia, non menos importante, foi constata-la crecente desconfianza dos consumidores nos controis oficiais sobre os alimentos e nos controis que se esperaba que fixeran as industrias alimentarias, desconfianza que non parecía estar exenta de motivos.
miniatura|dereita|Diversos tipos de carne
En conclusión, a experiencia demostrou que era imprescindible adoptar novas e definitivas medidas encamiñadas a garantir que non se comercializaran alimentos que non fosen seguros, para o que debían desenvolverse sistemas que identificasen e permitisen afrontar e controlar de forma eficaz os problemas de seguridade alimentaria. E que había que compaxinar aspectos aparentemente tan contraditorios como o libre mercado e o lícito beneficio das empresas co dereito á saúde das persoas.
Facíase necesaria unha nova estratexia que impuxese a seguridade alimentaria como obxectivo prioritario común ós distintos ámbitos das competencias comunitarias: a política agraria, o desenvolvemento rural, o medio ambiente, a organización dos mercados, a protección dos consumidores e a saúde pública. Este novo enfoque global e harmonizado, que involucra decisións políticas, económicas, sociais e sanitarias, é o que pretende recolle-la expresión “da granxa á mesa”.
Libro Branco sobre a Seguridade Alimentaria Para senta-las bases desta nova concepción e do novo marco político e legal que implicaba poñelo en marcha, a Comisión Europea publicou en xaneiro de 2002 o Libro Branco sobre a seguridade alimentaria, que marca os obxectivos e prazos da actualización e refundición da lexislación europea sobre todas estas cuestións.
O primeiro paso foi a publicación do Regulamento CE nº 178/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, de 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria (DOCE L 31, 1.02.2002) .
O Regulamento aplícase a tódalas etapas da produción, transformación e distribución de alimentos e de pensos, pero non á produción primaria para uso privado nin á preparación, manipulación ou almacenamento domésticos de alimentos para consumo propio.
Finalmente, polo de agora, a publicación en abril de 2004 do chamado Paquete de Hixiene Regulamentos CE nº 852/2004, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios; nº 853/2004, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal; e nº 854/2004, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ó consumo humano (DOCE L 139, de 30.04.2004, modificados por DOCE L 226, de 26.06.2004) conforma o novo marco normativo para a produción de alimentos e a seguridade alimentaria no ámbito da Unión Europea.
Principios da lexislación alimentaria O Regulamento 178/2002 establece e desenvolve os seguintes principios ós que deberá cinguirse a futura lexislación alimentaria:
A cadea alimentaria A cadea alimentaria debe considerarse como un continuo desde a granxa á mesa, e regularse cun carácter integrador e harmonizador.
Deberá contemplar tódalas etapas da produción, transformación e distribución de alimentos, incluíndo calquera das fases, desde a produción primaria dun alimento ou a súa importación, inclusive, ata o seu almacenamento, transporte, venda ou subministración ó consumidor final, tamén inclusive. Deberá considerar tamén tódalas fases da produción, importación, almacenamento, distribución e venda de pensos para a alimentación dos animais destinados á produción de alimentos. Só se exclúe o ámbito do consumo privado.
2. A análise do risco miniatura|Cultivo de salmonella, un dos contaminantes máis habituais nos alimentos.
A análise do risco debe se-lo fundamento esencial da política de seguridade alimentaria, diferenciándoa da xestión –pública ou privada- dese posible risco.
Debe diferenciarse, a estes efectos, entre risco e perigo: Risco é a ponderación da probabilidade dun efecto prexudicial para a saúde e da gravidade dese efecto, como consecuencia dun factor de perigo. Perigo é calquera axente biolóxico, químico ou físico presente nun alimento ou nun pienso, ou toda condición biolóxica, química ou física dos mesmos que poida causar un efecto prexudicial para a saúde.
A análise do risco é un proceso secuencial formado polas seguintes tres fases que, aínda directamente interrelacionadas, deben afrontarse por separado: A determinación do risco é o estudo baseado en fundamentos científicos que debe identificar todos e cada un dos factores de perigo posibles en cada caso, debe caracterizalo e debe determina-la gravidade dos seus efectos, segundo a exposición e poboación afectada. A xestión do risco é o proceso, tamén baseado en fundamentos científicos e probados, no que se sopesan as alternativas e se seleccionan as opcións adecuadas para a súa prevención e control. A comunicación do risco, finalmente, é o necesario intercambio, ó longo de tódolos procesos anteriores, de toda a información e opinións en relación cos factores de perigo e os riscos, e outros posibles factores relacionados, que se debe establecer entre os responsables políticos, económicos e científicos cos consumidores, as empresas alimentarias, a comunidade científica e outras partes interesadas. Parte fundamental desta comunicación é a explicación pública e transparente dos resultados da determinación do risco e as motivacións das decisións adoptadas polas Administracións sobre a xestión do risco.
Todo o proceso de decisións do que vai depende-la lexislación alimentaria e as decisións adoptadas en cada caso deberá estar baseado en argumentos científicos e na independencia das institucións e organismos que deban protexe-los intereses do consumidor.
3. Responsabilidades da empresa alimentaria 250px|esquerda|Fabricación industrial de alimentos.
Son os explotadores das empresas alimentarias os responsables de asegurar e garantir, en tódalas etapas da produción, transformación e distribución que teñan lugar nas empresas baixo o seu control, que tódolos alimentos ou os pensos cumpren os requisitos da lexislación alimentaria pertinente en cada caso. Para iso deberán verificar que se cumpren eses requisitos mediante os seus programas de autocontrol que deberán deseñar e implantar na súa actividade.
Enténdese por explotador de empresa alimentaria o responsable de toda empresa pública ou privada que leve a cabo calquera actividade relacionada con calquera das etapas de produción, transformación ou distribución de alimentos, teña ou non ánimo de lucro.
Pola súa banda, as Administracións controlarán as empresas alimentarias e verificarán que cumpran a lexislación alimentaria en tódalas fases da súa actividade, mediante o sistema de controis oficiais. Tamén velará por que se garanta o dereito á información ó público sobre a inocuidade ou os riscos dos alimentos. Resérvase o dereito de regula-las medidas e as sancións aplicables ás infraccións da lexislación alimentaria, que, en calquera caso, deberán ser efectivas, proporcionadas e disuasorias.
4. Rastrexabilidade Resulta fundamental para a seguridade alimentaria garanti-la rastrexabilidade dos produtos alimenticios en tódalas etapas da cadea alimentaria.
miniatura|A rastrexabilidade dos alimentos baséase na identificación inequívoca de tódolos produtos alimenticios e do seu fabricante ou importador.
Enténdese por rastrexabilidade a posibilidade de atopar e segui-lo camiño seguido, a través de tódalas etapas de produción, transformación e distribución de alimentos, de pensos, de animais destinados á produción de alimentos o de substancias destinadas a ser incorporadas en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo.
Este sistema debe permiti-la localización inmediata e completa dun alimento en caso de problemas de seguridade alimentaria e a identificación da orixe e do destino, co fin de poder proceder a retiradas específicas e precisas dos produtos afectados, ou ben informa-los consumidores ou os funcionarios encargados do control oficial, garantindo a eficacia das medidas e evitando calquera perturbación innecesaria.
5. Principio de precaución Pode darse o caso de que se sospeite dun alimento a posibilidade de que teña efectos nocivos para a saúde pero que, tras haber avaliado a información dispoñible sobre o posible risco, siga existindo incerteza científica. É dicir: non se pode demostra-lo risco pero tampouco asegurar que o alimento sexa seguro.
Nesta situación, pola supremacía do dereito á protección da saúde, estará xustificada a adopción de determinadas medidas cautelares de xestión do risco en espera de dispor de información científica adicional que permita unha determinación do risco máis exhaustiva, momento no que se ratificarán ou suspenderán aquelas medidas cautelares.
Evidentemente, estas medidas provisionais serán proporcionadas ó risco estimado e deberán ser revisadas nun prazo de tempo razoable, en función da natureza do risco observado e da información científica necesaria para aclara-la incerteza.
6. Os intereses dos consumidores Toda a política comunitaria debe asegurar un nivel elevado de protección da vida e da saúde das persoas. Os intereses dos consumidores deben estar permanentemente garantidos.
Ademais, os cidadáns teñen dereito tamén a recibir en todo caso unha información clara e precisa dos riscos que poidan presenta-los alimentos e da xestión que as empresas e a Administración fagan para previlos e controlalos, de modo que as autoridades públicas deberán adoptar, dun modo aberto e transparente, as medidas necesarias para informa-lo público cando existan motivos razoables para sospeitar que un alimento pode presentar un risco para a saúde.
Alimentos seguros e non seguros miniatura|200px
En xeral, considérase seguro un alimento cando sexa conforme ás disposicións específicas da lexislación alimentaria que regulen a inocuidade dos alimentos, no tocante á súa orixe, elaboración, etiquetaxe, almacenamento, distribución e comercialización ata o consumidor final. Pola contra, considérase que un alimento non é seguro cando sexa nocivo para a saúde ou cando non sexa apto para o consumo humano. Evidentemente, está prohibida a posta no mercado de alimentos que non sexan seguros.