Cristina Segura Graíño nada en Madrid o 30 de xaneiro de 1942 é unha profesora de historia medieval xubilada, feminista e investigadora en historia das mulleres. Participou a finais dos anos 80 na fundación do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid.

As súas investigacións centráronse, en boa medida, na valoración das fontes literarias para a construción da historia, abrindo novas posibilidades de investigación e sempre desde os principios da historia social.

Traxectoria Cristina Segura Graíño estudou Filosofía e Letras na sección de Historia da Universidade Complutense de Madrid. Despois de rematar a carreira, comezou traballar como profesora axudante na mesma facultade. Realizou a súa tese de doutoramento en 1972 baixo a dirección de Julio González González, co título Repoblación de Almería tras la conquista de los Reyes Católicos. Ata ese ano, os estudos de Historia estaban vinculados a cursos comúns dentro da Facultade de Filosofía e Letras. A modificación do Plan de estudos de 1972 deu lugar á remodelación institucional e de grao, creando a Facultade de Xeografía e Historia e en 1975 os distintos departamentos de especialización de estudos.

Docencia e investigación Nesta nova facultade, a finais dos anos 70, Cristina Segura comezou a realizar estudos, investigar e organizar grupos de traballo sobre a situación das mulleres na Idade Media. A súa dedicación e interese por esta materia, da que foi pioneira, converteuse na súa liña de traballo, ao tempo que inicia novos campos de investigación relacionados con esta etapa histórica.

Durante o curso 1988-1989 contribuíu á fundación do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, cuxo obxectivo principal era a xeración e difusión do pensamento feminista e dos estudos de xénero mediante a creación e mantemento de equipos científicos interdisciplinares de investigación. En 1995 fíxose cargo da Área de Publicacións e nese mesmo ano foi nomeada directora, cargo que ocuparía durante dous anos.

Foi vicedecana de Investigación e Estudos de Posgrao da Facultade de Xeografía e Historia entre 2005-2009, sendo Carlos Berzosa o reitor da Universidade Complutense de Madrid naquel tempo.

Segura Graíño, obtivo a Cátedra de Historia Medieval da Universidade Complutense de Madrid en 2007. Ao longo da súa traxectoria profesional foi docente en diversas universidades españolas e europeas. Impartiu cursos como Historia das Mulleres na Idade Media, e mestrados como o máster Erasmus Mundos, o Joint European Máster en Women and Gender Studies, o máster en Investigación Feminista (sendo coordinadora en 2009-2010), mestrado xénero e diversidade, Mestrado Interfacultade en Axentes Sociais en Igualdade de Xénero, etc.

Foi directora da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade Complutense de Madrid (2009-2011), directora do Grupo de Investigación Fontes Literarias para a Historia da Muller en España, que daría lugar a un seminario permanente. Colaborou na elaboración do Dicionario Biográfico Español da Real Academia da Historia con diversas entradas, principalmente sobre mulleres, como Beatriz Galindo.

Cristina Segura, seguindo coas súas investigacións, expuxo preguntas convidando a reflexionar acerca dos motivos da ausencia das mulleres na historia, formulando como tema a debater a cuestión de se a historia das mulleres é tamén historia social.Nesta mesma liña, en 2004 con motivo dunhas xornadas da Universidade pública de Navarra Las mujeres en la historia reciente, jornadas de la Universidad pública de Navarra, declarou que o problema fundamental era que non se tiña en conta ás mulleres nos diversos ensinos. Explicou que "Non é que as mulleres non acheguen nestas materias, o que ocorre é que non se destaca e non se valora. Os ensinos que se imparten son desde os homes e non desde as mulleres, coma se non existisen".

Dentro dos temas de estudo na historia social, considerou algúns sobre os que índa non se daba moita información dentro desta disciplina. Así foi como, preocupada polas relacións das persoas no medio ambiente no que vivían, desenvolveu durante 4 anos o Proxecto ao Plan Sectorial de Estudos de Mulleres e de Xénero do III Plan Nacional de I+D co título de «Acciones y actitudes de las Mujeres frente al medio ambiente. Perspectivas Históricas y Proyecciones de Futuro». Froito deste proxecto realizáronse varias publicacións e levaron a cabo tres reunións científicas na Universidade Complutense de Madridː Encuentros I: Mujeres y espacios urbanos (2000), Simposio Internacional Mujeres y Ecología: Perspectivas Histórico-filosóficas (2001) que deu orixe ao libro Mujeres y ecologíaː historia, pensamiento, sociedad e Mujeres y Espacios Urbanos. Historia y Realidad Actual (2002). Con este traballo de reivindicación ecofeminista expuxo a conveniencia de iniciar unha historia das actitudes medioambientais e das prácticas produtivas das mulleres na Idade Media. Todo iso levaría á reflexión sobre os problemas que expón facer Historia do Medio Ambiente ou Historia Ecolóxica.

Ao longo da súa traxectoria investigadora contribueu a visibilizar o papel silenciado das mulleres na Idade Media. Cristina Segura, preocupada pola historia das mulleres, destaca a importancia dos espazos domésticos como lugares moi produtivos, onde as mulleres realizaban os traballos fundamentais para a vida e sen os que a sociedade non puidese avanzar.Sempre defendeu que as denominadas tarefas domésticas son un traballo non remunerado e desenvolvido no ámbito privado.

Activismo No seo da Universidade Complutense, concretamente no Departamento de Historia Medieval, creou xunto con outras compañeiras a Asociación Cultural Al-Mudayna a finais dos anos 80. "Reivindicar unha Historia científica de Madrid na Idade Media e difundir a realidade social das Mulleres a través da súa Historia" foi o labor da asociación. Promoveron numerosos seminarios, cursos e coloquios. Levaron a cabo programas de investigación e estudos sobre a Historia da Comunidade de Madrid con especial interese na Vila de Madrid e sobre a Historia das Mulleres. Tamén trataron a temática relixiosa. Estes estudos plásmanse en numerosas publicacións monográficas, actas de congresos e documentación de carácter inédito.

Foi tesoureira da Asociación de Historia Social (AHS), creada no ano 1990 en Madrid, cos fins fundacionais de promover e contribuír a desenvolver os estudos de Historia Social en España.

Presidiu desde 1998 e até 2002 a Asociación Española de Investigación de Historia das Mulleres (AEIHM), constituída para contribuír a incorporar a historia das mulleres e do xénero no ensino e a divulgación da historia en todos os niveis educativos. Participou en numerosas actividades organizadas pola asociación: coloquios internacionais, presentacións de libros, seminarios e congresos, tratando temas como o mecenado feminino, as mulleres e o poder, a representación, construción e Interpretación da imaxe visual das Mulleres, a historia das mulleres nas sociedades preindustriales e nas guerras, entre outros.

En 2011 formou parte da VII Xornada anual de ADIM (Asociación para o Diálogo Interreligioso da Comunidade de Madrid). Nesa ocasión, o tema de debate versou sobre A muller nas relixións. Cristina Segura falou do papel das mulleres na Idade Media e como na sociedade anterior ao concilio de Trento, as mulleres atopaban un espazo de liberdade nos mosteiros e nos conventos. Nos beaterios - beguinatos en Europa- vivíase unha relixiosidade non regrada, fóra da lei. Nestes espazos as mulleres cultivaban a experiencia co divino e á vez contribuían ás necesidades da sociedade. As emparedadas vivían expresamente a conexión coa divindade. Argumentou como nin os textos sacros nin algunhas tradicións xustifican a marxinación á que foron sometidas historicamente.

Participou no Terceiro ciclo cultural Jaca Jacobea 2011, organizado pola asociación Jaca Jacobea, cuxo fin primordial é o de traballar para a conservación, defensa e revitalización do Camiño Xacobeo. Cristina Segura, deu a conferencia titulada En la Edad Media las mujeres también hicieron el Camino de Santiago. Nela, Cristina Segura presentou a idea que radicaba en que "o Camiño era un pretexto para abandonar os espazos domésticos e poder realizar unha viaxe, a pesar dos riscos que entrañaba, libres da tutela masculina".

Xubilada no ano 2012, continúa a súa actividade impartindo clases de historia de España, participando en debates e conferencias en universidades e outras institucións.

Aínda que a súa especialidade é a Idade Media, tamén colaborou noutros debates e conferencias relativas á situación das mulleres na historia máis recente. Defende que para terminar coas diferenzas entre mulleres e homes, é necesaria a transformación da sociedade tendo un papel fundamental o ensino e as persoas dedicadas á educación, cuxa responsabilidade radica en transmitir valores de igualdade. Tamén participou en 2014 na aula de historia "O papel das mulleres republicanas", organizado polas Asembleas Cidadás Somos Máis conxuntamente co Club de Amigos da Unesco de Madrid (CAUM).

Pertence á Sociedade Española de Historia da Construción, creada nos anos 90 coa intención de contribuír a potenciar e difundir os traballos correspondentes a esta materia e facilitar os contactos entre as persoas que se interesen por este ámbito do coñecemento en España, tanto desde o punto de vista académico, profesional ou por interese persoal.

Premios e recoñecementos O Concello de Alcalá la Real (Xaén) fíxolle unha homenaxe en 2010, no VIII Congreso de Estudos de Fronteira, editando o libro Cristina Segura Graiño: Biobibliografía, coa relación de todas as súas publicacións até esa data.

Cristina Segura Graíño xubilouse no ano 2012, xunto a Alicia Alonso Sagaseta de Ilurdo, Mercedes Guinea Bo, María Viltoria López-Cordón Cortezo, José Luís Martínez Sanz e José Manuel Roldán Hervás. A Universidade Complutense de Madrid realizou un acto-homenaxe conxunta por ese motivo.

A Universidade de Huelva publicou a obra colectiva Impulsando a historia desde la historia de las mujeres. La estela de Cristina Segura (2012), na que participaron 33 historiadoras e 9 historiadores con traballos enmarcados no panorama historiográfico das liñas de investigación sobre a historia das mulleres, realizando así a súa homenaxe á profesora Cristina Segura Graíño como unha das pioneiras da historia das mulleres en España.

Cristina Segura Graíño é autora de numerosas publicacións sobre Historia das Mulleres, metodoloxía e historiografía feminista.

Obra (escolma)

Libros

Los espacios femeninos en el Madrid medieval. Asociación Cultural Almudayna. Colección Laya. Madrid, 2016. La querella de las mujeres. XII: Las mujeres sabias se querellan. Asociación Cultural Almudayna. Colección Quere-Ya. Madrid, 2013. Estudios de Frontera en Alcalá la Real. Su incidencia en mi obra. VIII Estudios de Frontera. Mujeres y fronteras, Jaén, 2011. Deputación Provincial de Xaén. La querella de las mujeres. III: La Querella de las mujeres antecedente de la polémica feminista. Asociación Cultural Almudayna. Colección Quere-Ya. Madrid, 2011. La querella de las mujeres. Vol. X: Algunos textos relacionados con la Querella. Asociación Cultural Almudayna. Colección Quere-Ya. Sevilla, 2011. Feminismo y misoginia en la literatura española. Fuentes literarias para la Historia de las Mujeres. Colección Mujeres. Ed. Narcea, 2001.

Capítulos de libros

"Actividades económicas de las mujeres musulmanas en la frontera", en IX Encuentros de Frontera. Economía, sociedad y Derecho en la Frontera. Homenaje al profesor Emilio Molina López. Jaén, 2014. Deputación Provincial de Xaén. "Las mujeres medievales: perspectivas historiográficas", en Las mujeres en la Edad Media (M.I. del Val e J.F. Jiménez, eds.), Murcia, 2013