Hania Rani, nada Hanna Raniszewska en Gdańsk o 5 de setembro de 1990, é unha pianista, compositora e cantante polaca.

Traxectoria Estudou música na Escola de Música Feliks Nowowiejski de Gdańsk e na Universidade de Música Fryderyk Chopin de Varsovia.

Crea música experimental baixo o pseudónimo artístico de Hania Rani. Xunto a violonchelista Dobrawa Czocher, creou o proxecto de música clásica Ciechowski clasicamente (Ciechowski klasycznie) e en 2015 gravou o álbum titulado Biała Flag con arranxos clásicos das cancións de Czocher. En 2017, fundou o dúo "Tęskno" con Joanna Longić. En novembro de 2018, a banda lanzou o álbum Mi e ese mesmo ano recibiu o Premio Artístico da Cidade de Toruń Grzegorz Ciechowski. Este mesmo álbum foi nomeado aos premios polacos Fryderyk na súa edición de 2019, na categoría Debut fonográfico do ano.

En 2019, gañou a enquisa "Sanki" organizada polo xornal Gazeta Wyborcza, sobre as novas caras máis interesantes da música polaca.

Foi o 5 de abril de 2019 cando deu comezo á súa carreira en solitario lanzando o seu álbum debut baixo o título Esja.

En 2019, este primeiro traballo foi galardoado co premio Fryderyk nas seguintes categorías: Álbum alternativo do ano, Nova interpretación (con Mela Koteluk pola canción "Odledz (versión para piano)", Debut fonográfico do ano e Compositor do ano (ex aequo co dúo de compositores Dawid Podsiadło e Olek Świerkot). Tamén foi nomeada na categoría de Produtor do ano. En paralelo, o álbum Home, lanzado en 2020, converteuse no álbum do ano na enquisa do medio editorial Gazeta Wyborcza.

A partir do ano 2020 a súa música comezou empregarse en longametraxes polacas, como Jak najdalej stąd (2020), Śniegu już nigdy nie będzie (2021), Inni ludzie (2021) e Śubuk (2022).

No seu terceiro álbum de estudio Music for Film and Theatre, publicado en 2021, inclúense composicións da banda sonora da película de Jak najdalej stąd (Eu nunca choro), a cal lle valeu a consecución dun premio individual no 45.º Festival de Longametraxes Polacos de Gdynia.

Colaborou coa poeta Krystyna Miłobędzka no seu libro You from Me, publicado en 2022, acompañando coas súas composicións a lectura dos poemas da autora nun CD asociado ao libro.

Na commemoración do 80 aniversario do lenvantamento do gueto de Varsovia, o 18 de abril de 2023 estreou a súa composición Para Josima, no POLIN Muzeum Historii Żydów Polskich. Foi interpretada pola Orquestra Sinfónica de Varsovia, baixo a batuta de Anna Duczmal-Mróz. A peza está inspirada na música escrita e interpretada no gueto de Varsovia pola pianista e compositora adolescente Josima Feldschuh.

Influencias O seu estilo pode ser definido como de experimental, tendo en conta que bebe de influencias da música tradicional polaca e dunha forte presenza da música islandesa, segundo ela mesma afirma. Así mesmo, compositores como Yann Tiersen, Agnes Obel, Nils Frahm ou Ólafur Arnalds, entre outros, son algúns profesionais fonte da súa inspiración.

Discografía

Álbums

Esja. Publicado o 5 de abril de 2019. Gondwana Records. Formato: descarga dixital, CD, LP. Home. Publicado o 29 de maio de 2020. Gondwana Records. Formato: descarga dixital, CD, LP. Music for Film and Theatre. Publicado o 18 de xuño de 2021. Gondwana Records. Formato: descarga dixital, CD, LP. Inner Symphonies (con Dobrawa Czocher). Publicado o 15 de outubro de 2021. Deutsche Grammophon.Formato: descarga dixital, CD, LP. On Giacometti. Publicado o 27 de febreiro de 2023. Formato: descarga dixital, CD, LP. Ghosts. Publicado o 6 de outubro de 2023. Gondwana Records. Formato: descarga dixital, CD, LP. Nostalgia. Publicado o 27 de setembro de 2024. Gondwana Records. Formato: descarga dixital, CD, LP.

Premios e recoñecementos

2019: Premio Fryderyk por Esja, nas seguintes categorías: Álbum alternativo do ano, Nova interpretación (con Mela Koteluk pola canción "Odledz (versión para piano)", Debut fonográfico do ano e Compositor do ano (ex aequo co dúo de compositores Dawid Podsiadło e Olek Świerkot). 2020: álbum do ano na enquisa do medio editorial Gazeta Wyborcza por Home. 2023: Premio Polityka's Passport na categoría de «música popular». 2024: Premio Fryderyk en dúas categorías: Artista do Ano e Produtora do Ano.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas http://haniarani.com/ https://www.gondwanarecords.com/artists/hania-rani 

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Pianistas Categoría:Nados en Gdańsk Categoría:Compositores de Polonia