A batalla de Germania Prima foi un acontecemento militar que tivo lugar no verán do ano 407. Formou parte da invasión e saqueo da Galia levado a cabo por alanos, vándalos e suevos entre os anos 407 e 409.

Localización Descoñécese o lugar exacto da batalla, aínda que se sabe con certeza que tivo lugar no norte da Galia. Estímase que as posibles localizacións son os arredores de Bononia (Boulogne-sur-Mer) no contexto do desembarco de Constantino de Britania ou algún punto da provincia de Xermania Primeira, Germania Prima, no marco da recuperación polos romanos de Augusta Treverorum (Tréveris) e o val do Ródano.

Desenvolvemento Durante a Noitevella do ano 406, un conglomerado de pobos bárbaros cruzou repentinamente o Rin e entrou na diocese da Galia a través da provincia de Germania Prima. Despois dividíronse en varios grupos e estenderon a destrución por varias cidades. A única resposta romana veu do usurpador Constantino de Britania, que cruzou ao continente e conseguiu que se unisen a el tropas galas.

Constantino trasladouse da costa norte ao Rin, onde reuniu máis tropas e renovou acordos cos foederati da ribeira dereita do río. Despois de asegurar a fronteira, o seu exército chegou no verán á provincia de Germania Prima, o lugar por onde entraran os invasores e preto do cal se atopaba Augusta Treverorum, a capital da prefectura. Alí enfrontouse a eles, como Zósimo rexistrou brevemente na súa obra Nova Historia:

...os romanos enfrontáronse nunha forte batalla da que saíron triunfantes despois de acoitelar á maioría dos bárbaros, mais, como non perseguiron aos que fuxían (pois se así fose teríanos exterminado a todos nun masacre xeral), permitíronlles, unha vez que se recuperaran do revés e despois de congregar un gran número de bárbaros, estar en posición de loitar de novo.

A vitoria permitiulle a Constantino recuperar as principais cidades ao longo do Rin, incluída a capital xa mencionada. Tamén lle abriu o camiño para continuar cara ao val do Ródano, que acabaría controlando, ata Arelate (Arles), onde estableceu o seu cuartel xeral.

Notas

Categoría:Batallas do século V Categoría:407 Categoría:Batallas dos suevos Categoría:Batallas do Imperio Romano