A síndrome XXXY ou síndrome 48,XXXY é unha condición xenética caracterizada por unha aneuploidía dos cromosomas sexuais, onde os individuos afectados teñen dous cromosomas X extra e un cariotipo 48,XXXY en todas as súas células. A presenza dun cromosoma Y cun xene SRY funcional causa a expresión de xenes que determinan a masculinidade. A causa disto, a síndrome XXXY só afecta a machos. Os dous cromosomas X adicionais en homes coa síndrome XXXY causan que teñan 48 cromosomas, en vez dos 46 normais. Hai unha ampla variedade de síntomas asociados con esta síndrome, incluíndo problemas cognitivos e de comportamento, taurodontismo e infertilidade. Esta síndrome normalmente hérdase por medio dunha mutación nova nun dos gametos dos proxenitores, xa que os afectados por ela son normalmente infértiles. Estímase que a síndrome XXXY afecta a 1 de cada 50.000 varóns nacidos.
Signos e síntomas
Os síntomas da síndrome 48,XXXY son similares aos da síndrome de Klinefelter, aínda que estes adoitan ser máis graves na síndrome 48,XXXY. Igual que na síndrome de Klinefelter, a presenza de cromosomas X adicionais afecta ao sistema reprodutor masculino, pode causar anormalidades e afectar ao desenvolvemento cognitivo. Cando se comparan os 47,XXY cos 48,XXXY, nestes últimos hai un maior risco de malformacions conxénitas e máis problemas médicos.
Reprodutivos As persoas con síndrome XXXY poden ter disxenesia testicular e hipogonadismo hipergonadotrófico, (baixa produción de esteroides sexuais como a testosterona). A disxenesia testicular é unha condición na cal un macho ten unha perda completa ou incompleta da espermatoxénese, de tal xeito que produce niveis moi baixos de espermatozoides ou ningún espermatozoide en absoluto. Isto ten como resultado a infertilidade.
Físicos
Os machos con 48,XXXY poden ter unha estatura na media ou máis alta, o cal se fai máis aparente nos adultos. O dismorfismo facial é común en machos con 48,XXXY e pode incluír o aumento da separación entre os ollos (hipertelorismo), pregamentos cutáneos na pálpebra superior (epicantos), abertura das pálpebras inclinada cara a arriba e pálpebras caídas. Outras características físicas son: dedo maimiño dobrado para dentro contra o cuarto dedo (clinodactilia), lúnula das uñas curta, pés planos, hipermobilidade das articulacións (hiperextensibilidade) e cóbados prominentes con cubitus varus de modo que o brazo queda máis pegado ao corpo. Entre as características musculoesqueléticas están: dislocación do cóbado conxénita e capacidade limitada do pé para xirar cara a dentro mentres se camiña e despois de tocar terra. O micropene é outro síntoma común desta síndorme.
Os individuos afectados tenden a desenvolver taurodontismo (cámara pulpar das pezas dentais grande e próxima á raíz), que adoita presentarse en etapas temperás da vida e pode ser un indicador temperán da síndrome. Tamén teñen tendencia á displasia de cadeiras e outras anormalidades das articulacións. Os síntomas que se poden presentar nun individuo varían debido a diferentes deficiencias nos andróxenos, e tamén se alteran coa idade. Os rapaces prepubescentes con síndrome XXXY poden non diferir en aparencia física dos nenos sen a síndrome. Isto débese probablemente a que os niveis de andróxenos non son distintos entre os rapaces prepubescentes, pero empeza a notarse a diferenza a medida que progresa a puberdade. Os que presentan a síndrome tamén poden ter unha distribución feminina do tecido adiposo e poden ter xinecomastia (desenvolvemento de mamas). A estatura alta é máis probable que apareza na adolescencia, cando os niveis de andróxenos empezan a diferir entre os que teñen a síndrome e os que non.
Cognitivos e do desenvolvemento Os efectos neurolóxicos crese que son máis graves a medida que se incrementa o número de cromosomas X; polo tsnto, un macho 48,XXXY é máis probable que teña síntomas máis graves que un macho con síndrome de Klinefelter. Os atrasos no desenvolvemento son comúns en toda a infancia. Os síntomas esperados son: atrasos na fala, atrasos motores e hipotonía (falta de ton muscular), tamén coñecido como síndrome do bebé flexible. Os individuos con síndrome XXXY mostran problemas cognitivos e de comportamento.
Os pacientes mostran caracteristicamente un comportamento adaptativo alterado, que é a capacidade de demostrar habilidades esenciais para a vida diaria, como habilidades sociais, na vida en comunidade, uso funcional ou académico de habilidades e autocoidado. Tamén tañen rendementos significativamente inferiores que as persoas XXYY e XXY nos dominios das habilidades para a vida diaria e a comunicación. Isto significa que demostran tipicamente pouca capacidade nos dominios do autocoidado, habilidades sociais, seguridade, aplicación de habilidades académicas e responsabilidade.
As persoas con esta síndrome tamén experimentan síntomas como ansiedade, comportamentos obsesivo-compulsivos, comportamentos disregulacionais e inmadureza emocional. Teñen un CI (ou IQ) entre 40–60, cando o CI medio é de 95–110. Tamén presentan discapacidades de aprendizaxe baseadas na linguaxe que poden afectar a súa comunicación cos outros. Tenden a mostrar menos comportamentos externalizadores e internalizadores que os que teñen a síndrome 48,XXYY, o cal pode ter un efecto positivo no seu funcionamento social. Poden ter tamén unha maior vulnerabilidade ás características autistas. Os cambios en testosterona así como os déficits de andróxenos poden contribuír aos comportamentos sociais destes individuos, os cales póñenos en maior risco de ter características autistas.
Causa
A causa do 48,XXXY pode ser a non-disxunción durante a formación dos espermatozoides paternos ou dos ovocitos maternos. O escenario máis probable para a existencia desta aneuploidía é que cada proxenitor (materno e paterno) contribúa igualmente a el, ao teren o óvulo un XX (debería ser X) e o espermatozoide XY (debería ser ou X ou Y).
No caso no que só o espermatozoide sexa a causa xenética da síndrome 48,XXXY, este debería conter dous cromosomas X e un Y. Isto orixinaríase por dous episodios de non-disxunción na espermatoxénese, nas divisións meióticas I e II. O cromosoma X duplicado do espermatozoide non conseguiría separarse na meiose I nin na II e os cromosomas X e Y deberían estar no mesmo espermatozoide. Despois, o espermatozoide XXY fecundaría un ovocito normal X dando un cigoto XXXY.
No caso no que só o ovocito sexa a causa xenética da síndrome, este contería tres cromosomas X. Isto orixinaríase por dous episodios de non-disxunción durante a ovoxénese. Na meiose I ambos os conxuntos de cromosomas X duplicados non se separarían. Despois, na meiose II un conxunto de cromosomas X non se separaría e o outro conxunto separaríase dando un ovocito XXX. Un espermatozoide normal con Y que fecunde o ovocito XXX daría lugar a un cigoto XXXY.
Mecanismo Os cromosomas X adicionais, que son característicos desta condición, están asociados cunha deficiencia de andróxenos. Isto causa a redución ou ausencia da inhibición de retroalimentación da glándula pituitaria ao elevar os niveis de gonadotropinas.
Diagnose A diagnose do 48,XXXY faise normalmente por medio dun cariotipo estándar, que é unha análise do conxunto completo de cromosomas dun individuo.
Outra maneira de diagnosticalo é por micromatriz cromosómica que mostra a presenza de cromosomas X extra. A micromatriz cromosómica (CMA ou chromosomal microarray) utilízase para detectar segmentos cromosómicos extra ou ausentes ou cromosomas completos. A micromatiz cromosómica usa tests baseados en microchips para analizar moitos cachos de ADN. Os machos con 48,XXXY poden diagnosticarse tamén na infancia ou adultez observando os diversos síntomas e a súa gravidade. O rango de idade na diagnose débese probablemente a que a XXXY é unha síndrome rara, e non causa fenotipos tan extremos coma outras variantes da síndrome de Klinefelter, como a XXXXY.
O test de diagnóstico pode facerse tamén a partir de mostras sanguíneas. Poden se indicaivos desta síndrome os niveis elevados de hormona estimulante dos folículos (FSH) e hormona luteinizante (LH), e niveis baixos de testosterona.
Xestión
Tratamento Existe tratamento para os diversos síntomas asociados coa síndrome XXXY. A terapia con testosterona, na que se administran doses de testosterona de forma regular, mellora algúns síntomas físicos e psicolóxicos. Porén, esta terapia foi tamén asociada con efectos laterais negativos: empeoramento do comportamento e osteoporose. Non a todos os individuos se lle pode aplicar a terapia de testosterona, xa que os mellores resultados adoitan conseguirse cando as doses comezan a administrarse ao inicio da puberdade, e estes individuos a miúdo son diagnosticados nunha idade posterior ou nunca. A terapia de testosterona non ten efectos positivos sobre a fertilidade.
Debería considerarse o fenotipo psicolóxico do paciente porque estas carterísticas afectan a idoneidade dos tratamentos. Cando se colle cedo, o taurodontismo pode ser tratado con intervencións na canle da raíz da peza dental e adoita ter éxito. Pódese facer un planeamento axeitado para evitar o taurodontismo, mais esta síndrome debe diagnosticarse cedo, o cal non é común. O taurodontismo detéctase a miúdo como síntoma da síndrome XXXY antes de que se desenvolvan outras características, e pode ser un indicador temperán dela. Son comúns os tratamentos cirúrxicos para corrixir problemas nas articulacións, como a displasia de cadeiras, e normalmente teñen éxito xunto con fisioterapia.
O paciente pode tamén seguir unha terapia para falar. Isto axúdaos a comprender e producir unha linguaxe máis complexa. Os que teñen a síndrome adoitan ter atrasos na fala máis graves.
Como a hipotonía é común nesta síndrome, a terapia física pode tamén ser unha axuda. Esta terapia axuda a desenvolver o ton muscular e a incrementar o equilibrio e a coordinación.
Calidade da vida Nos casos leves as persoas con síndrome XXXY poden levar unha vida relativamene boa. Poden ter dificultades para comunicarse cos demais debido aos seus déficits de linguaxe. Estes déficits poden facer que establecer lazos con outras persoas sexa difícil, pero as relacións plenas con outras persoas son posibles. Aqueles que teñen puntuacións máis altas no funcionamento adaptativo é probale que teñan unha mellor calidade de vida porque poden ser independentes.
Asesoramento xenético Como a síndrome se debe a un episodio de non-disxunción cromosómica, o risco de rocorrencia non é alto comparado coa poboación xeral. Non hai probas que indiquen que a non-disxunción ocorre con maior frecuencia nunha determinada familia.
Notas
Outros artigos Síndrome de Klinefelter 48,XXXX 48,XXYY 49,XXXXY 46,XX/46,XY
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Aneuploidías dos cromosomas sexuais Categoría:Síndromes Categoría:Variacións intersexuais