Ordoño IV, fillo de Afonso IV e da raíña Oneca Sánchez de Pamplona, e pai de Bermudo II, foi rei de Galiza entre os anos 958 e 960.

Traxectoria Após a expulsión de Sancho I o Craso, foi coroado rei en Santiago de Compostela, igrexa a prol da cal despachou varios documentos. Chegou ao trono co apoio da nobreza galega, en especial o do bispo Rosendo de Celanova, e do conde de Castela Fernán González.

Reinou nun período turbulento do Reino de Galiza marcado polo enfrontamento entre irreconciliables faccións nobiliarias galegas, castelás, asturianas ou da Terra de Foris. A imposibilidade de poñer orde nesta caótica situación granxeoulle unha pésima fama reflectida nas crónicas cristiás e musulmás. Determinada historiografía coñéceo como Ordoño IV o Mao.

No 958 casou con Urraca Fernández, filla do conde de Castela e viúva de Ordoño III, coa que tivo dous fillos, Bermudo e García. Este casamento, que procuraba o achegamento á nobreza castelá determinou o descontento de parte da nobreza galega.

Os fracasos na gobernación propiciaron que os mesmos que o apoiaran, entre eles San Rosendo, optasen pola volta de Sancho, no ano 959. Sancho entrou en Zamora co apoio das tropas musulmáns do califa Al-Hakam II. Ordoño refuxiouse en Castela até que Fernán González foi feito prisioneiro polo rei de Navarra García Sánchez. Finalmente acudiu a Córdoba a solicitar a axuda militar do califa cordobés. Segundo o tratado acadado, Ordoño compometíase a non levantarse contra o islam e a entregar do seu fillo García como refén. Porén, apercibido Sancho, apresurouse a enviar tamén unha embaixada a Córdoba ofrecendo a súa vasalaxe. O monarca andalusí aviuse a recoñecer a Sancho como monarca a condición de que este desmantelase certas fortalezas próximas ao seu territorio. Ordoño faleceu pouco despois (no 962 ou 963) en circunstancias non esclarecidas.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Lista de reis de Galicia Lista de monarcas de León

Categoría:Reis de Galicia Categoría:Reis de León Categoría:Finados en 960