O declive cognitivo asociado ao cancro, coñecido polas súas siglas en inglés como CRCD (cancer-related cognitive decline) ou CRCI (cancer-related cognitive impairment), refírese ás dificultades cognitivas que experimenta a poboación oncolóxica por mor do cancro ou relacionadas cos seus tratamentos. Inicialmente, estas dificultades estudáronse no marco dos efectos secundarios da quimioterapia, polo que este cadro tamén se coñece como chemofog ou chemobrain.
Presentación clínica Esta cadro afecta tanto aquelas persoas con cancros no sistema nervioso central coma con outros tipos de cancro (mama, pulmón, colon...). A prevalencia do CRCD é alta, estímase que afecta a 1 de cada 3 pacientes, aínda que a súa porcentaxe varía segundo a medida de avaliación. Neste aspecto, os estudos que se basean en cuestionarios de queixas cognitivas ofrecen unha porcentaxe superior a aqueles que realizan unha avaliación con probas neuropsicolóxicas. Os pacientes adóitanse queixar de problemas de memoria, atención, velocidade de procesamento e funcións executivas e obteñen un menos rendemento en probas que avalían estes dominios. Na mesma liña, os estudos de neuroimaxe atoparon cambios na estrutura de certas rexións cerebrais e no funcionamento de diferentes redes neuronais de pacientes oncolóxicos. As dificultades cognitivas poden estar presentes no momento do diagnóstico, incrementarse cos diferentes tratamentos oncolóxicos (quimioterapia, radioterapia, terapia hormonal, inmunoterapia...) e manterse un tempo despois de finalizalos, aínda que o máis habitual é que estes problemas se resolvan durante o primeiro ano tras rematar a quimioterapia. Porén, é importante ter en conta que existen diferentes perfís de declive cognitivo e cursos atendendo a varios factores (características dos tratamentos oncolóxicos -tipo, réxime, dose...-, características persoais -idade, reserva cognitiva, factores xenéticos...- e outras condicións asociadas -síntomas ansioso-depresivos, problemas para durmir, fatiga...).
Aínda que estas dificultades normalmente teñen un carácter agudo e transitorio, teñen un importante impacto negativo na calidade desta poboación, condicionando o seu funcionamento persoal, laboral e social e o seu curso médico.
Etiloxía miniatura A existencia do CRCD foi amplamente debatida e moitas veces identificouse como unha reacción ou adaptación emocional ao proceso oncolóxico, desacreditando as queixas do/as pacientes. Así e todo, existen numerosos estudos que poñen de manifesto diferentes factores etiolóxicos que poden dar lugar a estas dificultades cognitivas. Entre elas, cómpre destacar a resposta de inflamación do sistema inmunitario ao cancro e aos seus tratamentos, danos no ADN, alteracións nos sistemas de neurotransmisión e neuroendocrinos e de plasticidade cerebral, neurotoxicidade dos tratamentos, morte neuronal... Outros factores persoais e condicións clínicas asociadas antes comentadas tamén poden estar implicadas na aparición e mantemento do CRCD.
Intervención As guías clínicas actuais recomendan diferentes tipos de intervención para o/as pacientes que presentan queixas cognitivas. En primeiro lugar, debería ofrecerse unha sesión de psicoeducación para informar dos problemas cognitivos que poden aparecer durante o proceso oncolóxico. Ademais, sería recomendable realizar unha avaliación neuropsiclóxica para coñecer o perfil cognitivo do/a paciente e ofrecer unha intervención de rehabilitación cognitiva combinada con adestramento cognitivo online. Outras intervención recomendadas para o CRCD son o exercicio físico, o mindfulness ou o ioga, así como atender a outros factores, como a sintomatoloxía ansioso-depresiva ou o insomio-, que poden estar agravando estas dificultades e o seu impacto.
Notas
Categoría:Cognición Categoría:Doenzas neurolóxicas