O Partido Socialista Obreiro Español (en castelán, Partido Socialista Obrero Español ou PSOE) é o principal partido político socialdemócrata de España, fundado co propósito de promover os intereses da clase traballadora mediante a organización sindical e a representación política. Orixinalmente asentado na ideoloxía marxista, o PSOE evolucionou cara a unha forza socialdemócrata moderada que, tras o remate da ditadura franquista, puxo a énfase na gobernanza parlamentaria, a expansión do Estado de benestar e a integración europea. Baixo a dirección de líderes como Felipe González, acadou amplas maiorías nas eleccións de 1982 e 1986, impulsando reformas de modernización, promovendo a permanencia de España na OTAN malia a oposición interna e facilitando a entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea en 1986, o que favoreceu o crecemento económico, aínda que tamén puxo de manifesto determinadas vulnerabilidades fiscais.
Os gobernos posteriores, encabezados por José Luis Rodríguez Zapatero e polo actual secretario xeral, Pedro Sánchez, no poder desde 2018 mediante coalicións en minoría, priorizaron a aprobación de lexislación progresista en ámbitos como os dereitos laborais, a igualdade de xénero e a autonomía territorial. Porén, dependeron do apoio de partidos independentistas nun contexto de parlamentos fragmentados, obtendo 121 escanos nas eleccións xerais de 2023.
Entre os aspectos máis definitorios da traxectoria do partido figuran diversas controversias relacionadas coa corrupción, entre elas as operacións dos GAL contra ETA durante a década de 1980, o caso da malversación dos fondos dos ERE en Andalucía, que afectou centos de millóns de euros, e as investigacións máis recentes sobre presuntas irregularidades na adxudicación de contratos públicos que implican altos cargos da contorna de Pedro Sánchez. Estes episodios puxeron de relevo os retos do partido en materia de rendición de contas e transparencia na gobernanza, malia a súa capacidade para manter un apoio electoral significativo.
miniatura|Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE.
Historia Orixes O PSOE foi o segundo partido socialista e obreiro que se fundou no mundo (só o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) se fundara con anterioridade), concretamente o 2 de maio de 1879 xúntanse de forma clandestina para fundalo un pequeno núcleo de intelectuais e obreiros (na súa maioría tipógrafos) encabezados por Pablo Iglesias, o 20 de xullo aprobou o seu primeiro programa nunha asemblea na que participaron 40 persoas. El Socialista, o seu órgano de difusión apareceu en 1886, celebrou o seu primeiro Congreso en Barcelona en 1888. En 1903 organizáronse as Juventudes Socialistas de España. Conseguiu representación parlamentaria por primeira vez nas eleccións do 8 de maio de 1910, cando a Conxunción Republicano-Socialista permitiulle a Pablo Iglesias obter 40.899 sufraxios e o título de deputado a Cortes.«El desarrollo de la organización socialista (1879-1921)». Plana web oficial del PSOE Foi reelixido en 1914, en vésperas do asasinato de Jean Jaurés, con 21.956 sufraxios, esta vez presentándose por Oviedo. O 9 de abril de 1916 repetiu escano con 18.054 sufraxios. O 24 de febreiro de 1918 Iglesias obtivo 27.694 votos, e por primeira vez estivo acompañado por outros socialistas: Julián Besteiro, Andrés Saborit, Francisco Largo Caballero, Daniel Anguiano e Indalecio Prieto, perseguidos en 1917 pola súa participación nunha folga xeral revolucionaria.
Estivo presente na vida pública española dende os seus comezos, cunha participación directa na loita revolucionaria contra o réxime da Restauración, caso da folga revolucionaria de ferroviarios de 1917, afogada en Biscaia, Asturias e Madrid.
Coma tódolos partidos socialistas marxistas europeos, o PSOE viuse sacudido pola chamada crise das Internacionais, que emerxeu durante a primeira guerra mundialPaul Heywood Marxism and the Failure of Organised Socialism in Spain, 1879-1936. Cambridge University Press , pp. 26-27 e que acabou separando a comunistas e socialistas en partidos diferentes e confrontados entre eles. En 1919, o Congreso do PSOE estudou a posibilidade de abandonar a II Internacional (socialista) e integrarse na nova Internacional Comunista, ou III Internacional, liderada polo Partido Comunista da Unión Soviética e posta en marcha por Vladimir Lenin. Nese ano, 1919, o PSOE contaba con 42.000 militantes.
Ante a división existente entre os delegados, o Congreso acordou esperar á seguinte reunión da II Internacional para tomar unha decisión. Desconforme coa decisión, a Federación de Juventudes Socialistas, rama xuvenil que aglutinaba ós elementos máis radicais do partido, decidiu escindirse do PSOE, adherirse á III Internacional e constituír a súa sección española co nome de Partido Comunista Español, en 1920.
Ese mesmo ano, un novo Congreso Extraordinario aprobaba o ingreso condicionado do PSOE na III Internacional, e resolvía enviar unha delegación formada por Fernando de los Ríos e Daniel Anguiano á Unión Soviética, para estudar o terreo. Ó seu regreso, De los Ríos desaconsellou o sometemento do PSOE á órbita comunista, na mentres que Anguiano pronunciouse en prol. A propia Internacional Comunista, pola súa parte, rexeitou as condicións do PSOE para o seu ingreso, e urxiulle a aceptar as 21 Condicións estándar. Neste contexto, o Partido Socialista acordou, nun terceiro Congreso Extraordinario, manterse á marxe da III Internacional.
Un sector minoritario (no que se encontraba a nova Federación Nacional de Juventudes Socialistas), partidario de ingresar sen dilacións no Komintern, anunciou a súa escisión do PSOE e a fundación do Partido Comunista Obrero Español, que se fusionou co Partido Comunista Español no Partido Comunista de España, único partido español adherido ó Komintern en 1921.
A ditadura de Primo de Rivera e a II República
Así mesmo, o PSOE foi o único partido ó que se lle permitiu permanecer na legalidade durante a ditadura do Xeneral Miguel Primo de Rivera, pois aínda que Pablo Iglesias asina o 13 de setembro de 1923 o manifesto contra a ditadura, como presidente do partido e da UXT, produciuse unha división no seu seo ante a actitude que debía manterse fronte ao réxime militar. Por un lado, Largo Caballero e Saborit eran partidarios dunha certa colaboración para permitir o funcionamento do sindicato, mentres que Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos eran contrarios a esa colaboración. A crise finalizou coa dimisión da Comisión Executiva de Prieto tras o nomeamento de Largo Caballero como Conselleiro de Estado de Primo de Rivera.
Coa chegada da II República o PSOE que se presentara ás eleccións en coalición cos republicanos e conseguira 115 deputados forma parte do goberno no primeiro bienio, o denominado republicano-socialista cun total de tres ministros: Francisco Largo Caballero, Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos. Durante o segundo bienio ou bienio negro, algúns dirixentes do partido involúcranse nos sucesos revolucionarios de Asturias, coñecidos como Revolución de 1934 e xa non volvería ó goberno ata despois de comezada a guerra civil, ó ser nomeado en setembro Largo Caballero o primeiro presidente do goberno socialista da historia de España. No ano 1936 contaba con 60.000 afiliados.
Baixo os auspicios do partido, vótase no 1931 a favor da participación das mulleres como electoras, postura defendida por Clara Campoamor en contra de parte dos seus propios compañeiros, que defendían un atraso en dita concesión de voto debido á influencia da igrexa nas mulleres.
O PSOE durante o franquismo O PSOE foi ilegalizado durante o período posterior á guerra civil española, como o foron todos os demais partidos e organizacións políticas a excepción dos pertencentes ó denominado Movemento Nacional (o partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS e o seu sindicato vertical, a Central Nacional Sindicalista), os militantes e dirixentes que sobreviviron á guerra e permaneceron en España sufriron a represión ou permaneceron no silencio mentres o PSOE mantiña a súa estrutura no exilio.
En 1942 reorganizouse no interior con 300 comités locais nos penais e campos de concentración. En 1944 formouse a primeira Comisión Executiva no interior detida catro meses despois. Ata 1953, as seis executivas do interior foron desmanteladas pola policía e presos os seus dirixentes, ano no que era asasinado o Presidente, Tomás Centeno, na sede da Dirección Xeral de Seguridade, hoxe sede do Goberno da Comunidade de Madrid. En xeral en España, o PSOE tivo unha actividade clandestina moi inferior á do PCE, e practicamente inexistente en moitos territorios como foi o caso de Galicia.
Tras a transición á democracia A renovación ideolóxica e política iniciada a comezos dos setenta e culminada no Congreso de Suresnes en 1974, que se impuxo ao PSOE do exilio que dirixía Rodolfo Llopis o PSOE do interior dirixido por Felipe González e unha nova xeración de socialistas, co apoio e a solidariedade da Internacional Socialista, puxo ó PSOE en condicións de ser protagonista activo da transición e lle permitiu converterse no primeiro partido da oposición nas primeiras eleccións democráticas de 1977. O apoio obtido polos socialistas e por quen propoñían un proceso materialmente constituínte, evitou que se impuxeran os que pretendían as reformas das institucións da ditadura. O PSOE, coas súas propias achegas e con algunha expresa renuncia dalgúns dos seus postulados sensibles en prol do acordo colectivo, contribuíu decisivamente a alcanzar o consenso do que xurdiría a actual Constitución española de 1978. Dende a oposición cooperou no desenvolvemento inicial da mesma, e articulou unha alternativa política da que se nutrirían moitos dos seus futuros proxectos.
Tras o intento golpista do 23 de febreiro de 1981 o PSOE asumiu, dende a oposición, o liderado alternativo de goberno, contribuíndo decisivamente á estabilidade política, á consolidación da transición, ó afianzamento da democracia, fortalecendo así as expectativas de troco.
O PSOE no goberno Nas eleccións de 1982 o PSOE conseguiu máis de 10 millóns de votos e maioría absoluta, Felipe González asumiu a presidencia do goberno e durante catro lexislaturas, as dúas primeiras con maioría absoluta, o PSOE gobernou España, chegando a gobernar consecutivamente case 14 anos dos primeiros 26 anos de normalidade democrática. Atesourou ó longo dese período un inmenso caudal político que lle permitiu transformar o país nos máis diversos campos, por medio da súa xestión en concellos, comunidades autónomas e no goberno de España. O goberno do PSOE asegurou a estabilidade democrática, en risco tras o intento de golpe de Estado de 1981, consagrou definitivamente a hexemonía do poder civil e integrou España na Comunidade Económica Europea en 1986.
Pero en 1996 perdería as eleccións debido ao esgotamento e ás acusacións de corrupción e guerra sucia dos GAL contra ETA.
En 1997, Felipe González renuncia á secretaría xeral e é relevado por Joaquín Almunia. Nas primarias do 24 de abril de 1998, Joaquín Almunia, candidato oficial perde fronte a Josep Borrell, máis carismático, que ten que renunciar debido ás presións dos medios e da dirección do partido e a problemas de saúde.
Nas eleccións do 12 de marzo de 2000, o Partido Popular volve a gañar as eleccións, esta vez por maioría absoluta. Ese mesmo día, Joaquín Almunia presenta a súa dimisión. No 35 congreso, celebrado do 21 ao 23 de xullo de 2000 é elixido secretario xeral José Luis Rodríguez Zapatero.
Liderado de José Luis Rodríguez Zapatero (2000-2012) Baixo o liderado de José Luis Rodríguez Zapatero, o PSOE recuperou terreo electoral fronte ao PP, superándoo nas eleccións autonómicas e municipais de 2003 e gañando as eleccións xerais de 2004 con maioría simple, así como as europeas do mesmo ano. As citadas eleccións xerais coincidiron cos días sucesivos aos atentados do 11 de marzo e a criticada xestión do PP dos mesmos.