O Partido Nacional Escocés (en , en , ou tamén coñecido como SNP) é un partido político escocés de carácter nacionalista, independentista e socialdemócrata. O Partido Nacional Escocés apoia e fai campaña a prol da independencia de Escocia dentro da Unión Europea, cunha plataforma baseada no nacionalismo cívico. O Partido Nacional Escocés é o terceiro meirande partido político do Reino Unido, logo do Partido Laborista e o Partido Conservador, e é o meirande partido político de Escocia, onde ten a maioría dos asentos do Parlamento escocés e 44 dos 59 escanos escoceses na Cámara dos Comúns de Westminster. A líder do Partido Nacional Escocés é Nicola Sturgeon, quen exerce como Primeiro ministro de Escocia dende o 20 de novembro de 2014.
Historia Fundouse en 1934 trala fusión do Partido Nacional de Escocia co Partido Escocés, tendo como primeiros presidentes nunha presidencia conxunta a James Graham, 6º duque de Montrose e a Cunninghame Graham. O primeiro secretario xeral do partido foi Alexander MacEwen. Douglas Young, que foi líder do Partido Nacional Escocés entre 1942 e 1945, fixo campaña en contra do recrutamento obrigatorio e as súas actividades foron vilipendiadas por menoscabar o esforzo de guerra británico contra as potencias do Eixe. Young foi encarcerado por negarse a ser recrutado.
O SNP gañou por primeira vez un escano parlamentario polo distrito de Motherwell en 1945, pero o deputado Robert McIntyre perdeu o asento nas eleccións xerais tres meses despois. Despois conseguiron un escano en 1967, cando Winnie Ewing foi o gañador por sorpresa no distrito de Hamilton, feudo laborista. Isto deu protagonismo nacional ao SNP, levando á creación da Comisión Kilbrandon.
O partido logrou unha gran subida de votos nas eleccións xerais de outubro de 1974, obtendo case un terzo dos votos en Escocia e metendo 11 deputados en Westminster. Con todo, o partido experimentou unha gran caída nas eleccións xerais de 1979, seguida dunha nova caída nas eleccións de 1983. O éxito das eleccións xerais de outubro de 1974 non se superou ata as eleccións xerais de 2015.
Nas eleccións ao Parlamento escocés de 2007, o SNP foi o maior partido obtendo 47 escanos (superando ao Partido Laborista Escocés con 46 escanos) e Alex Salmond converteuse no primeiro ministro escocés. O Partido Verde Escocés apoiou a elección de Salmond como primeiro ministro e os seus posteriores nomeamentos de ministros, a cambio da presentación anticipada do proxecto de lei sobre o cambio climático e o nomeamento dun deputado verde para presidir unha comisión parlamentaria.
En maio de 2011, o SNP gañou a maioría absoluta no Parlamento escocés con 69 escanos. Isto foi un logro significativo, xa que o sistema de membro adicional usado nas eleccións ao Parlamento escocés foi deseñado especificamente para evitar que un partido obtivese maioría absoluta. Con este resultado o SNP promoveu a realización do referendo de independencia de Escocia de 2014. Tras unha dura campaña gañou o "non" á independencia cun resultado de 55-45% e o primeiro ministro Alex Salmond dimitiu.
Con todo, a perda do referendo non afectou aos resultados electorais do partido. Nas eleccións xerais do Reino Unido de maio de 2015, o partido agora liderado pola sucesora de Salmond, Nicola Sturgeon, pasou de ocupar seis escanos na Cámara dos Comúns a 56, a maioría deles a costa do Partido Laborista. Todas excepto tres das cincuenta e nove circunscricións do país elixiron un candidato do SNP.
Nas eleccións ao Parlamento escocés de 2016, o SNP perdeu 6 escanos, perdendo a súa maioría absoluta, pero conservando o goberno, por terceiro mandato consecutivo. Nas eleccións xerais do Reino Unido de 2017, o SNP tivo uns resultados inferiores aos esperados e perdeu 21 escanos, reducíndose o número de deputados en Westminster a 35. A situación de bloqueo ocasionada polo proceso do Brexit, levou a novas eleccións en decembro de 2019 e o SNP volveu lograr un dos seus mellores resultados, ao gañar 48 dos 59 escanos correspondentes a Escocia.
Evolución do voto Eleccións ao Parlamento Escocés AnoLíderPorcentaxe distritosPorcentaxe membro adicionalRepresentantesDiferenza1999Alex Salmond28.7%27.3%35 parlamentarios -2003John Swinney23.7%20.9%27 parlamentarios▼ 82007Alex Salmond32.9%31.0%47 parlamentarios▲ 10201145.4%44.0%69 parlamentarios▲ 222016Nicola Sturgeon46.5%41.7%63 parlamentarios▼ 6
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Brand, Jack, The National Movement in Scotland, Routledge e Kegan Paul, 1978 Brand, Jack, 'Scotland', in Watson, Michael (ed.), Contemporary Minority Nationalism, Routledge, 1990 Winnie Ewing, Michael Russell, Stop the World; The Autobiography of Winnie Ewing Birlinn, 2004 Richard J. Finlay, Independent and Free: Scottish Politics and the Origins of the Scottish National Party 1918–1945, John Donald Publishers, 1994 Hanham, H.J., Scottish Nationalism, Harvard University Press, 1969 Christopher Harvie, Scotland and Nationalism: Scottish Society and Politics 1707 to the Present, Routledge (4th edition), 2004 Gerry Hassan (ed.), The Modern SNP: From Protest to Power, Edinburgh University Press, 2009, Lynch, Peter, SNP: The History of the Scottish National Party, Welsh Academic Press, 2002 John MacCormick, The Flag in the Wind: The Story of the National Movement in Scotland, Victor Gollancz Ltd, 1955 Mitchell, James, Strategies for Self-government: The Campaigns for a Scottish Parliament, Polygon, 1996 Mitchell, James, Bennie, Lynn e Johns, Rob, The Scottish National Party: Transition to Power, Oxford University Press, 2011, Mitchell, James e Hassan, Gerry (eds), Scottish National Party Leaders, Biteback, 2016. Jim Sillars, Scotland: the Case for Optimism, Polygon, 1986 William Wolfe, Scotland Lives: the Quest for Independence, Reprographia, 1973
Ligazóns externas Páxina oficial da formación