Aristeas de Proconeso (en grego antigo Αριστέας, Aristeas), foi un poeta épico grego nativo de Proconeso, fillo de Caistrobio ou Democares, e que probabelmente viviu no século -VII. Unha tradición considérao contemporáneo e mestre de Homero no século -IX ou -VIII. Traxectoria Segundo Suídas floreceu na época de Creso de Lidia e Ciro II o Grande de Persia, e outros relatos sitúano no século -VIII. Escribiu un poema épico chamado τὰ ̓Αριμάσπεια (tà Arimáspeia), mencionado por numerosos autores e con algúns versos reproducidos por Lonxino e Xoán Tzetzes. Nesta historia, relatou a súa prodixiosa viaxe ao país dos isedóns, a onde foi para aprender sobre as rexións máis ao norte, habitadas polos arimaspos, homes que só tiñan un ollo, os grifóns que gardaban o ouro, e os hiperbóreos, nunha viaxe que duraría sete anos, acompañado polo deus Apolo. Cando rematou de escribir o poema desapareceu. Parece seguro que acompañou varias expedicións gregas cando exploraron o Mar Negro, e viaxou ao territorio dos escitas e de alí ao dos isedóns. No poema relatou as súas experiencias. Dicíase que tiña a facultade de estar en dous lugares á vez e de viaxar en espírito, mentres o seu corpo agardaba o regreso da súa alma en voo. Algúns viaxeiros explicaron ao chegar á cidade que atoparan a Aristeas no camiño, e que se dirixía cara a Cícico, mentres que outros o viran todo o día na ágora. Heródoto di que era un personaxe capaz de morrer varias veces, desaparecer e reaparecer nun lugar afastado, e que morreu no taller dun bataneiro, que pechou o local e foi avisar á súa familia. Cando os seus amigos foron buscar o seu cadáver, viron que desaparecera. Ao mesmo tempo, un home que chegou de Artace dixo que o atopara nesa cidade e que estivera falando con el.

Aristeas foi un divulgador do culto a Apolo, e a súa vida ten semellanzas coa figura de Ábaris, un sacerdote hiperbóreo. Tras unha "segunda morte" apareceu na cidade de Metaponto, para ordenar aos seus habitantes que dedicasen un altar a Apolo e, dito isto, desapareceu rapidamente. Os metapontinos enviaron unha embaixada a Delfos para lle preguntar ao deus que significaba a aparición. A Pitia ordenoulles que prestasen atención ao que lles dixera, porque había ser moi bo para eles, e seguiron o consello de Aristeas.

Ademais do seu famoso poema, atribúeselle unha Teogonía en prosa, cuxo contido se descoñece. Tampouco sabemos moito sobre os oráculos pronunciados por Aristeas, pero atopouse unha peza de bronce que os metapontinos erixiran na ágora da cidade para conmemorar a visita de Apolo e o seu profeta. Desta figura proviña un ruxido ou unha voz que provocaba o delirio místico dos adiviños da cidade. Os pitagóricos tiñan un grande interese na figura de Aristeas e considerábano un mestre ou discípulo de Pitágoras. Dise que reapareceu 340 anos despois da súa morte. Notas

Categoría:Nados no século -VII Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Finados no século -VI Categoría:Escritores en lingua grega antiga Categoría:Épica Categoría:Personalidades de Proconeso na Antigüidade