O Ruhr, tamén coñecida como Área do Ruhr, ás veces Distrito do Ruhr, Rexión do Ruhr ou Val do Ruhr, é unha área urbana policéntrica de Renania do Norte-Westfalia, Alemaña. Cunha densidade de poboación de 1.160/km2 e unha poboación de máis de 5 millóns (2017), é a área urbana máis grande de Alemaña e a terceira da Unión Europea. Consta de varias grandes cidades bordeadas polos ríos Ruhr ao sur, Rin ao oeste e Lippe ao norte. Considérase parte da rexión metropolitana Rin-Ruhr, de máis de 10 millóns de persoas, que é a terceira máis grande de Europa Occidental, só por detrás de Londres e París.

As cidades do Ruhr son, de oeste a leste: Duisburgo, Oberhausen, Bottrop, Mülheim an der Ruhr, Essen, Gelsenkirchen, Bochum, Herne, Hagen, Dortmund, Hamm e os distritos de Wesel, Recklinghausen, Unna e Ennepe-Kreis. As cidades máis poboadas son Dortmund (cunha poboación aproximada de 612 065), Essen (uns 583 000) e Duisburgo (uns 497 000).

Na Idade Media, a Hellweg era unha importante ruta comercial dende a rexión do Baixo Rin ata as montañas do bosque de Teutoburgo. As cidades máis importantes da rexión, dende Duisburg ata a cidade imperial de Dortmund, concentrábanse ao longo da Hellweg dende Renania ata Westfalia. Dende o século XIX, estas cidades creceron xuntas nun gran complexo cunha vasta paisaxe industrial, habitada por uns 7,3 millóns de persoas (incluíndo Düsseldorf e Wuppertal, grandes cidades que están preto pero que oficialmente non forman parte da rexión do Ruhr).

A rexión do Ruhr non ten centro administrativo; cada cidade da zona ten a súa propia administración, aínda que existe unha institución supracomunitaria da Asociación Rexional do Ruhr  en Essen. En 2010, a rexión do Ruhr foi unha das Capitais Europeas da Cultura.

Notas

Categoría:Ruhr Categoría:Rexións de Alemaña Categoría:Áreas metropolitanas Categoría:Renania do Norte-Westfalia