Os sucesos de Montejurra tiveron lugar o 9 de maio de 1976, nos inicios da Transición española, durante os actos políticos que tradicionalmente acompañaban o vía crucis anual que desde 1939 os carlistas levaban a cabo no monte navarro de Montejurra, en memoria dos requetés mortos na guerra civil.
No transcurso da romaría, os homes da Comuñón Tradicionalista de Sixto de Borbón Parma, irmán do pretendente carlista Carlos Hugo e enfrontado a el, co apoio do denominado búnker franquista, que aínda controlaba os resortes do Estado, prepararon unha operación violenta contra o Partido Carlista e os seguidores de Carlos Hugo para recuperar os actos para o tradicionalismo e promover a "entronización" de Sixto como líder do carlismo.
Nesa operación, coñecida como Operación Reconquista, na que tomaron parte tamén mercenarios neofascistas italianos e arxentinos, algúns partidarios de Sixto de Borbón abriron fogo contra os participantes na romaría. Resultaron mortos Ricardo García Pellejero e Aniano Jiménez Santos, e houbo varios feridos.
Os responsábeis das mortes foron identificados, pero grazas á Lei de Amnistía de 1977, quedaron en liberdade ese mesmo ano.Os carlistas piden a desclasificación dos documentos oficiais sobre Montejurra 76 , cuartopoder, 8 de maio de 2016. En 2003 a xustiza española recoñeceu aos dous asasinados a condición de "vítimas do terrorismo".Sentenza da Audiencia Nacional na que se lles recoñece a Aniano Jiménez Santos e Ricardo García Pellejero a condición de vítimas do terrorismo (en formato zip)
Antecedentes O carlismo, coa súa milicia, o Requeté, participara activamente na sublevación contra a Segunda República e contribuíra á vitoria franquista na guerra civil. Mais a morte sen sucesión directa do pretendente Alfonso Carlos de Borbón e o Decreto de Unificación minguaran o movemento, que, en situación de semiclandestinidade, se fora dividindo en diversos grupos en función das súas afinidades dinásticas e da súa postura fronte ao réxime. Os partidarios de Xavier de Borbón Parma, nomeado por Alfonso Carlos o seu sucesor como rexente ata que se dilucidase quen tiña maior dereito á coroa de España, estaban liderados por Manuel Fal Conde e, en declaracións do propio Franco, eran un «grupo de integristas (...) apartados desde a primeira hora do Movemento».
Desde a súa aparición en España en 1958, o primoxénito de Xavier, Carlos Hugo de Borbón-Parma, aspiraría a ser nomeado por Franco futuro rei segundo o establecido na Lei de Sucesión na Xefatura do Estado, presentándose como defensor dos principios do «18 de Xullo», ao tempo que os carlistas xavieristas mudaban a súa estratexia fronte ao réxime, pasando da confrontación inicial a unha colaboración que escenificaron en diversas ocasións nos actos de Montejurra.
Porén, ao mesmo tempo, e durante os cambios que se producían na Igrexa na década de 1960 a raíz do Concilio Vaticano II, aparecera un «neocarlismo» progresista promovido polos mozos que integraban a secretaría de Carlos Hugo, que finalmente, tras a expulsión de España da familia Borbón-Parma en 1968, desembocaría nunha fórmula de socialismo autoxestionario e un programa federalista, democrático e aconfesional, ante a perplexidade de diversas personalidades carlistas, que consideraban que o novo Partido Carlista fixera tabula rasa do pensamento e da historia do carlismo, ameazando con facer desaparecer o movemento.
En 1975, tras a abdicación de Xavier de Borbón Parma no seu fillo Carlos Hugo, que amparara estes cambios ideolóxicos, especialmente a raíz da súa expulsión do país, o enfrontamento interno do carlismo era insalvábel. O antigo delegado nacional de Requetés, José Arturo Márquez de Prado, iniciara contactos con Sixto Enrique de Borbón, partidario do ideario tradicionalista, e finalmente este aceptou poñerse á fronte dunha nova Comuñón Tradicionalista, que, tras se facer sen dificultade cos actos carlistas do Quintillo (Sevilla) o 26 de abril de 1976, propoñíase apoderarse tamén dos célebres actos de Montejurra, cuxo número de participantes descendera de case cen mil na década de 1960 a menos de dez mil a comezos dos 70.
Convocatoria dos actos de Montejurra de 1976 En España reinaba un ambiente de grande crispación política. O primeiro goberno da monarquía, presidido por Carlos Arias Navarro, estaba somido na inoperancia ante as resistencias deste para avanzar na reforma política. A conflitividade social e laboral ía en aumento e, en marzo, tiveran lugar os denominados sucesos de Vitoria, que se saldaran con cinco traballadores mortos.
O Partido Carlista dirixido por Carlos Hugo era daquela membro da Coordinación Democrática, máis coñecida como a Plataxunta. A súa sección vasca, o Partido Carlista de Euskadi, convocara en outubro de 1975 as forzas de esquerda para dialogar sobre a necesidade de «unha unidade nacional e antifascista» e esixindo o fin da ditadura e o «dereito de autodeterminación de Euskadi». Asistiron, ademais do Partido Carlista, CECO, CONE, ETA (ramas militar e político-militar), EAS, LAB, LAIA, ICR, ETA VI, ORT, PCE, PSOE, PTE, UGT e USO. O MCE non asistiu por problemas de enlace.
Para a subida anual a Montejurra o 9 de maio de 1976, desde o Mosteiro de Irache, o Partido Carlista convidara a unha vintena de partidos e organizacións políticas da esquerda (PCE, PSUC, PTE, ORT, MCE, PSP, PSOE...) co lema "Unha cita para o pobo".
Pola súa banda, a Comuñón Tradicionalista de Sixto de Borbón fixera unha convocatoria paralela. Para tal efecto, a Irmandade do Vía Crucis e a Xunta da Irmandade de Terzos de Requetés publicaran en El Pensamiento Navarro diversos chamamentos para que acudisen á romaría os excombatentes e os seus fillos, «a nova mocidade de combatentes, requetés e tradicionalistas», afirmando que os actos do 9 de maio en Estella estarían presididos, como os do Quintillo, por don Sixto.
A dobre romaría convocárase para o domingo 9 de maio. Aínda que o carácter do acto sería fundamentalmente político, como en ocasións anteriores solicitouse permiso para a celebración dun vía crucis durante a subida ao monte, na cimeira do cal tería lugar a misa anual celebrada desde 1939. O acto foi autorizado polo goberno ao considerar o ministro de Gobernación, Manuel Fraga, que a prohibición podería ser máis negativa ca a súa celebración.
O complot Desde os sectores do carlismo partidarios de continuar co tradicionalismo, pertencentes ao denominado búnker, promovíase a lideranza de Sixto de Borbón Parma, irmán do pretendente carlista Carlos Hugo, para neutralizar a facción socialista do carlismo. Algunhas fontes afirman que o complot foi organizado polos aparatos de seguridade do Estado, a través da denominada Operación Reconquista. O xeneral da Garda Civil José Antonio Sáenz de Santa María, na data dos sucesos xefe do Estado Maior da Garda Civil e persoa moi relevante durante a Transición, antes de morrer, revelou que foi o propio Estado o que, ante a evolución do carlismo, tratou de crear un "contrapoder" arredor da figura de Sixto de Borbón, por medio do servizo de intelixencia SECED, creado polo almirante Carrero Blanco (substituído en 1977 polo CESID, actual CNI), e da Garda Civil (de acordo co testemuño do xeneral Sáenz de Santa María, o director da Garda Civil manifestaríalle que o plan era coñecido e aprobado polo ministro de Gobernación Manuel FragaManuel Fraga e Montejurra 1976, máis de 35 anos de loita , Deia, 16 de xaneiro de 2012. e polo presidente Arias Navarro).
Ademais de altos cargos dos corpos de seguridade do Estado, como o xeral Ángel Campano, director da Garda Civil (no cuxo despacho se xestou a operación), e o xeral Salvador Bujanda, subdirector xeral do mesmo corpo, na conspiración estiveron implicados tamén Antonio María de Oriol y Urquijo, daquela presidente do Consello de Estado, Juan María de Araluce, presidente da Deputación Provincial de Guipúscoa, e José Ruiz de Gordoa, gobernador civil de Navarra:[http://www.elmundo.es/2001/05/06/espana/991175.html Montejurra-76: crime de Estado sen castigo], reportaxe do xornal El Mundo, 6 de maio de 2001.
Para reforzar a suposta lideranza de Sixto de Borbón, organizouse un operativo que non só levou a membros da facción ultradereitista do carlismo, Comuñón Tradicionalista, de toda España, senón tamén a elementos de Guerrilleros de Cristo Rey, falangistas, militantes de Unión Nacional Española (UNE) —o partido de Fernández de la Mora— e un comando integrado por máis de vinte mercenarios italianos e arxentinos de ideoloxía ultra (entre os que se atopaba tamén o francés Jean Pierre Cherid, que falecería en 1984 nunha acción dos GAL, cando colocaba unha bomba nos baixos do vehículo dun dirixente etarra) acudisen á romaría e atacasen os participantes nela. Os mercenarios foron pagos por axentes do SECED ou por dirixentes dos Guerrilleros de Cristo Rey que os contrataran. Uns días antes, o gobernador civil de Navarra, José Ruiz de Gordoa, reservou 20 habitacións no hotel Irache de Estella, para que se aloxasen Sixto de Borbón e a súa escolta.
O mércores 5 de maio, Sixto de Borbón acudiu a Estella e comeu co alcalde franquista da localidade, Julio Ros. Dous días despois, un grupo armado de partidarios seus subiu a Montejurra e acampou na súa cimeira, de forma que cando ao día seguinte (sábado 8 de maio) algúns partidarios de Carlos Hugo subiron ao cumio do monte, non puideron acceder a el e foron cominados a non tentar acceder á parte alta ao día seguinte.
Os incidentes Os incidentes tiveron lugar primeiro na parte baixa do monte, onde se produciu un enfrontamento entre os seguidores de Sixto, que querían subir ao monte, e os de Carlos Hugo, que se negaban a deixalos pasar. Os primeiros, uniformados, berraban «¡Montejurra, rojo no!», «¡Viva Cristo Rey!», mentres que os partidarios de Carlos Hugo respondían «¡Carlos Hugo, libertad!», «¡No pasaréis!». Tras os insultos, comezou unha pelexa con porras e paus, ante a actitude pasiva da Garda Civil, que se achaba a pouca distancia. A pelexa culminou cun disparo efectuado polo requeté onubense José Luis Marín García-Verde, coñecido como o home da gabardina, resultando ferido Aniano Jiménez Santos, militante da Hermandad Obrera de Acción Católica, que morrería varios días despois. Posteriormente ocorreron novos incidentes na cimeira do monte, cando os sixtinos trataron de impedir o acceso ao cumio aos seguidores de Carlos Hugo. Alí faleceu Ricardo García Pellejero, membro do Movemento Comunista de España, por un disparo efectuado, segundo González Calleja, por Francisco Carreras García-Mauriño, que se atopaba no alto do monte xunto con Márquez de Prado.
Eses crimes executáronse en presenza e coa colaboración das forzas de seguridade, sen que fosen detidos os autores nin requisadas as armas empregadas. Algúns dos participantes na confrontación foron relacionados coa Operación Gladio e coa trama de terrorismo de Estado que posteriormente orixinaría os GAL. Rodolfo Eduardo Almirón, exmembro da Triple A arxentina que posteriormente sería xefe de seguridade de Alianza Popular e escolta persoal de Manuel Fraga durante os últimos anos da década de 1970 e primeiros anos da década de 1980, e Stefano Delle Chiaie,Un home 'clave' na conexión entre servizos secretos españois e a guerra 'sucia' contra ETA El País, 30 de marzo de 1987 terrorista de ultradereita italiano con vínculos coa organización anticomunista da OTAN, Gladio, estaban presentes en Montejurra ese día.
Segundo afirmou José Arturo Márquez de Prado, un dos principais tradicionalistas sixtinos que dirixiu a operación de Montejurra, tamén houbo membros de ETA que acompañaron os integrantes do Partido Carlista de Carlos Hugo, recibindo os carlistas partidarios de Sixto de Borbón ráfagas de metralleta. Ademais, a secretaría de prensa da Comuñón Tradicionalista proporcionou a Cifra a seguinte versión dos feitos: