O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra é un arquivo galego de titularidade estatal e xestión transferida dende 1989 a Galicia. Depende orgánicamente da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Pontevedra e, funcionalmente, da Subdirección Xeral de Arquivos, dentro da Secretaría Xeral de Cultura. Actualmente, custodia máis de 11 quilómetros de documentos, procedente de todos os eidos e sectores da provincia de Pontevedra. Presta servizo ao público, á administración e aos investigadores.

Localización O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra ten a súa sede nun edificio histórico, a Casa dos Fonseca, situado no número 4 do Paseo de Colón, entre A Moureira e o Ensanche, no centro de Pontevedra.

Historia Foi en 1931 cando a administración xeral do Estado decidiu crear os arquivos históricos provinciais. O Arquivo Histórico de Pontevedra ten a súa orixe no Decreto de 12 de novembro de 1931 do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes sobre réxime e denominación dos Arquivos Históricos de Protocolos e Históricos Provinciais. O arquiveiro da Delegación de Facenda e director da Biblioteca Pública Provincial, Enrique Fernández-Villamil, procedeu a dar os primeiros pasos para a súa creación. O Arquivo foi constituído como tal en 1932, cando o padroado reitor celebrou a súa primeira reunión, e empezou a recibir fondos a partir de 1934. Nese ano ingresou o primeiro protocolo no Arquivo, que se situou nun local provisional cedido pola Delegación Provincial de Facenda.

Debido á falta de espazo na súa sede provisional inicial o Arquivo Histórico trasladouse en 1940 ao Instituto Nacional de Ensino Medio. Este cambio permitiu a incorporación de case todos os antigos protocolos notariais da provincia, algúns fondos particulares e o arquivo municipal de Tui.

En 1955 o Ministerio de Educación adquiriu a Casa dos Fonseca, onde o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra trasladou a súa sede definitiva en 1960, logo de adaptar este edificio histórico para tal fin, sendo a directora Raquel Lesteiro. O histórico edificio acolleu tamén até 1987 a Biblioteca Pública de Pontevedra.

En 1985 o Arquivo Histórico de Pontevedra foi declarado Ben de Interese Cultural.

En abril de 2024 o Goberno de España licitou o proxecto para a reforma do edificio conventual e o traslado do Arquivo ao antigo convento de San Francisco, situado no centro histórico de Pontevedra, debido á falta de espazo na Casa dos Fonseca. O estudio de arquitectura Aybar e Mateos deseñou a rehabilitación, cuxo proxecto definitivo se presentará en 2025 para licitar as obras en 2026. Os arquitectos Camila Aybar e Juan José Mateos buscan adaptar o edificio ao seu novo uso mantendo o seu carácter e evitando cambios na súa imaxe exterior. As principais intervencións céntranse no patio e os forxados, reorganizando os espazos desordenados e mellorando a súa funcionalidade. A entrada principal trasladarase á rúa Pasantería e a praza da Estrela. O interior reorganizarase para aumentar a superficie útil en máis dun 25%, mediante novos forxados e unha planta adicional, sen afectar a fachada. O edificio dividirase en dúas zonas: unha pública cara ao oeste, xunto ao novo acceso, e outra reservada ao leste, xunto á igrexa gótica de San Francisco. O patio converterase no corazón organizativo do conxunto.

Obxectivos e funcións O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra encárgase de recoller, organizar, conservar e difundir a documentación xerada por organismos e institucións públicas ou privadas no eido provincial no exercicio das súas funcións e é ademais o lugar onde se conservan devanditos fondos documentais para servir de apoio á xestión administrativa, á información, á investigación e á cultura.

O arquivo responde á tipoloxía de arquivo intermedio e histórico e administrativo e o ámbito territorial que abrangue é o da provincia de Pontevedra. Forma parte do Sistema de Arquivos de Galicia e do Sistema Estatal de Arquivos.

Fondos documentais O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra ten unha dimensión cultural fundamental, xa que conserva documentos históricos de gran valor. O arquivo garda ademais documentos que rexistran as accións de institucións e persoas, achegando non só información, senón tamén evidencias legais que reflicten os dereitos e obrigas dos cidadáns. Os seus fondos inclúen máis de 8.000 libros e máis de 30.000 caixas e cartapacios, ocupando máis de 4.500 metros lineais de andeis, os cales están completamente cheos dende 2007 e non poden ampliarse. Ademais, conta cunha biblioteca auxiliar. En total o arquivo conserva case 69.000 documentos, cuxos exemplares máis antigos datan do século XIV.

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra conserva dous tipos de fondos: os de carácter público, xerados por diversas Administracións locais e provinciais, e os de carácter privado, creados e recompilados por persoas físicas ou xurídicas no transcurso das súas actividades.

O arquivo alberga documentos antigos que datan do século XIV, en concreto un rexistro da Encomenda de Beade da Orde de San Xoán de Xerusalén. Entre os seus fondos atópase tamén unha bula papal de Inocencio II do ano 1694, que aínda conserva o seu selo colgante de chumbo.

Outros valiosos documentos inclúen os Libros de Foros de 1572 e 1577, así como o Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752, tratado polo Centro Nacional de Restauración. Entre os fondos atópase tamén documentación de antigos órganos do Movemento, como a Sección Femenina, Frente de Juventudes e o Auxilio Social.

Edificio A sede do Arquivo Histórico Provincial atópase na Casa dos Fonseca, un edificio neoclásico salientable pola súa arquitectura e as dúas esfinxes de pedra que flanquean a súa entrada. Construída entre 1909 e 1910 por encargo do empresario Eulogio Fonseca, a casa inicialmente albergou a loxa masónica Marco Aurelio. Conñecida como A Dórica, foi residencia de Eulogio Fonseca até a súa muerte en 1924 e logo do seu fillo Luis Fonseca, converténdose nn centro de encontro da sociedade da época antes de ser vendida por mor dos altos custos de mantemento.

En 1955, o Ministerio de Educación Nacional adquiriu o edificio e, a partir de 1960, converteuse na sede do Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Provinciais. Logo das reformas realizadas entre 1993 e 1996, o edificio quedou exclusivamente como sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Salienta polo seu pórtico de oito columnas toscanas e un frontón triangular cunha fiestra semicircular, reflexo do simbolismo masónico.

A Casa dos Fonseca é unha representación do estilo neoclásico con elementos de eclecticismo e historicismo, evocando templos clásicos como a Igrexa de Madeleine de París. A estrutura inclúe dous andares e un ático, cunha notable sala nobre detrás do frontispicio empregada orixinalmente para reunións masónicas. A entrada do edificio, adornada con esfinxes e altas palmeiras canarias, xunto coas columnas e grifóns alados, simboliza a protección e o dominio de sabedoría, características que subliñan o seu valor arquitectónico e cultural.

Notas

Categoría:Historia de Pontevedra Categoría:Cultura en Pontevedra Categoría:Bens de Interese Cultural de Pontevedra