Jesús Salvador García Vázquez, coñecido como Fletita e Suso Salvador, nado en Becerreá en 1902, foi un tenor e político galego.

Traxectoria Fillo de Jesús García Rodríguez e Otilia Vázquez. Estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, sen rematar a carreira. Marchou a Madrid onde iniciou a carreira de cantante. Discípulo de Miguel Fleta, era coñecido como Fletita. Debutou en 1927 e actuou no Teatro Principal de Lugo en marzo.La Provincia, 4-3-1927, p. 2. Viaxou a Italia para ampliar estudos. De regreso a Madrid continou os estudos con Iribarne. Actuou en Bordeos, Berlín e Barcelona.I.B.E.R.O., número especial 1948, p. 36-37. Tamén utilizou como nome artístico o apellido García-Iró.

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 26 de xullo e ingresou no Depósito de Becerreá. Trasladado ao Cárcere de Lugo o 13 de decembro. Foi procesado na causa 190/37 xunto co seu irmán Luis García Vázquez, Abel Valcárcel Puente, Emilio Núñez Cabana, Ricardo García Santín, Isidro Gómez Gerbolés, Pedro Gutiérrez Gutiérrez, Nicomedes Lamas Díaz, José González Rivero, José María Fátima Ben-Alí, José M. Freijo López, Nicolás Freijo López e José Poy Arrojo, foron xulgados en consello de guerra o 16 de febreiro de 1938; Jesús Salvador foi condenado a pena de morte polo delito de rebelión, pero conmutáronlle a pena pola de reclusión perpetua. En decembro de 1938 abríronlle expediente de responsabilidade civil,BOP Lugo, 14-1-1939, p. 1. e foi condenado ao pago dunha multa de 100 pesetas o 1 de xullo de 1940. O 6 de setembro de 1939 foi trasladado á Prision Provincial de Las Palmas de Gran Canaria de onde saíu en liberdade provisional en marzo de 1944.BOE, 20-3-1944, p. 2317. Na cadea fixo amizade con Henry Torrès.I.B.E.R.O., número especial 1948, p. 36-37. O 11 de abril de 1945 concedéronlle a liberdade definitiva.

Retomou a súa carreira como tenor en 1945 facendo varias actuacións por Galicia usando o nome artístico Suso Salvador.El Progreso, 30-10-1945, p. 2.Ciudad, 12-11-1945, p. 2. Tamén actuou en Santander en agosto de 1946.Ciudad. 19-8-1946, p. 7. Domiciliado en Pontevedra, en 1946 o xulgado de instrución da cidade abríulle a causa 381/46 por estafa;El Correo Gallego, 20-2-1947, p. 2. nunha requisitoria de marzo de 1947 solicítase a súa comparecencia ante o xulgado.BOP Lugo, 2-4-1947, p. 1. Marchou a Francia, onde foi acollido por Henry Torrès, e deu un concerto na Salle Gaveau de París.I.B.E.R.O., número especial 1948, p. 36-37.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Expediente procesual de Jesús Salvador García Vázquez, "Fletita" Ficha en Represión franquista en Lugo Peza separada de responsabilidade civil contra Camilo García González, David Cercedo Fernández, Pedro Gutiérrez Gutiérrez e outros Fletita, de la Paramount a la cárcel

Categoría:Tenores de Galicia Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Exilio galego Categoría:Galegos de Francia Categoría:Nados en Becerreá Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en ano descoñecido