Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (tamén coñecida como ESF Galicia ou ESF) é unha ONGD galega que forma parte da federación nacional Enxeñería Sen Fronteiras (España). Traballan nos servizos básicos que serven para asegurar dereitos humanos, especialmente os que están máis influídos pola tecnoloxía. En concreto, traballan na promoción do dereito á auga, á alimentación, á enerxía e á información e comunicacións, cun enfoque de tecnoloxía para o desenvolvemento humano. Baséanse no voluntariado como motor da asociación, sendo moitas das iniciativas propostas por eles.
As tres liñas de traballo principais están en Galicia, Honduras e Mozambique, realizando diferentes intervencións e proxectos en cada un destes lugares. En Galicia destacan os seus bancos de reciclaxe electrónica con software libre, o programa Hackers Sen Fronteiras, o programa Mulleres Tecnólogas para o Ben Común e a súa colaboración coas universidades e outras asociacións galegas. O programa máis destacado fóra de Galicia é o Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, onde os voluntarios residen uns meses en Honduras coñecendo o traballo que realiza ESF no país. Ademais, en Mozambique teñen un proxecto en colaboración con Augas de Galicia denominado AquaMoz, para axudar ás administracións de Mozambique na xestión dos recursos hídricos.
Historia A asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia fundouse en 1993 na Escola de Telecomunicación de Vigo, integrándose na Federación Española de Enxeñería Sen Fronteiras un tempo despois. Dous anos máis tarde, en 1995, inscribiuse no rexistro galego de asociación. A partir deste ano, a asociación foise ampliando en Galicia, fundándose as sedes de Lugo e A Coruña en 1996 e a de Santiago de Compostela en 2004. En 2017 conseguiron financiamento por primeira vez nun proxecto en solitario da Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento. Nese mesmo ano inauguraron o primeiro Banco de Reciclaxe, en Teo, seguido polos de Coruña e Vigo. En 2022 e 2024 creáronse os Bancos de Ames e Ferrol, respectivamente. No que concirne á educación secundaria, en 2021 comezaron a impartir faladoiros e obradoiros sobre os temas que se traballan na asociación, derivando na creación do programa Hackers Sen Fronteiras.
O primeiro proxecto internacional realizouse en Guatemala, no 1997, que sería seguido dende 2004 ata 2008 pola cooperación internacional no Salvador e ata 2007 nos campamentos de refuxiados saharauis en Alxeria. No 2004 tamén comezou o Programa de Coñecemento doutras Realidades. Dende 2006 ata 2010 traballaron con Nicaragua co desenvolvemento rural e a soberanía alimentaria. Este foi o último proxecto destacable cun país estranxeiro distinto a Mozambique e Honduras, xa que dende 2008 comezaron a traballar con cooperación internacional en Honduras e dende 2022 traballan en Mozambique na xestión dos recursos hídricos.
Proxectos en Galicia Bancos de reciclaxe electrónica con software libre Debido á gran cantidade de lixo electrónico que se xera cada ano, dende Enxeñería Sen Fronteiras crearon en 2020 os bancos de reciclaxe electrónica con software libre. Nestes bancos, voluntarios de ESF reparan ordenadores vellos e instalan sistemas operativos libres. Estes ordenadores adoitan ser doados por diferentes entidades que teñen a obriga de renovar os equipos informáticos. Entre estas entidades destacan as universidades galegas, coas que ESF colabora. O obxectivo dos bancos é apoiar o dereito a reparar, aprender sobre o uso e a instalación de software libre e a reparación de equipos informáticos e doar os ordenadores reparados a persoas con poucos recursos que os precisan.
Os bancos están distribuídos por Galicia, tanto en universidades como noutros centros. En concreto, atópanse en Coruña, Ames, Teo, Ferrol e Vigo.
Repairs Cafés Ademais dos bancos de reciclaxe, en Enxeñería Sen Fronteiras organizan os chamados Repairs Cafés, un movemento no que se prioriza amañar os aparellos en vez de tiralos e mercar substitutos. Nestes cafés pode participar toda a xente que queira, levando os seus obxectos, xa sexan electrónicos ou non (ordenadores, torradoras, mochilas...), e os voluntarios de ESF ensinaranlle como reparalo. Estes cafés non pretenden ser un lugar onde a xente leva os seus obxectos e volve con eles reparados, senón que é un sitio de aprendizaxe e conversa. En ESF realizan Repairs Cafés en moitos sitios de Galicia moitas veces ao ano.
Mulleres Tecnólogas para o Ben Común O programa Mulleres Tecnólogas para o Ben Común é un programa que comezou en 2021 e colabora co de Hackers Sen Fronteiras. A dinámica segue sendo ir a aulas de institutos a falar de tecnoloxía para o ben común, pero que neste caso só sexan alumnas e profesoras de universidade as que impartan os faladoiros, explicando as dificultades que tiveron por seren mulleres ao estudar unha enxeñería, contando a súa experiencia neste mundo e animando ás rapazas a estudar carreiras técnicas. Inda que o programa Hackers Sen Fronteiras tamén o dean mulleres e sexa impartido con perspectiva de xénero, neste caso destácanse as barreiras extra que teñen ás mulleres nestas disciplinas.
Hackers Sen Fronteiras Hackers Sen Fronteiras é un proxecto que comezou en 2022 no que diferentes voluntarios de ESF van dar faladoiros e obradoiros sobre tecnoloxía para o ben común a institutos e centros de formación profesional de Galicia. Hackers Sen Fronteiras conta ademais cunha rede de profesores aos que se lle dá apoio didáctico sobre como levar a tecnoloxía para o ben común ás aulas e cunha rede de alumnas de diferentes institutos onde descobren diferentes aplicacións éticas da tecnoloxía, creando nelas un interese pola enxeñaría e axudando deste xeito a diminuír a fenda de xénero nas disciplinas técnicas. Por último, contan cun concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común, no que o gañador recibe financiamento para o proxecto didáctico presentado, que ten que versar sobre un proxecto no que a tecnoloxía axude a mellorar o mundo.
Guía de Autodefensa Dixital A Guía de Autodefensa Dixital é un manual creado por diferentes voluntarios de ESF que explica diferentes consellos de ciberseguridade e seguridade da información. Ademais, detállanse alternativas libres e de código aberto ás aplicacións das grandes empresas. É unha guía apta para tódolos niveis de coñecemento, xa que inclúe dende conceptos básicos como os tipos de ciberataques e como evitalos ata explicacións avanzadas e técnicas sobre o funcionamento de diferentes protocolos.
Proxectos en Honduras Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades O Programa de Voluntariado Internacional de Coñecemento doutras Realidades, tamén coñecido como PCR (polo seu antigo nome, Programa de Coñecemento doutras Realidades), é un programa onde voluntarios viaxan a un país de traballo de ESF durante un período de tempo o suficientemente longo como para coñecer a realidade do lugar. As persoas voluntarias conviven cos nativos do país, vendo a súa cultura e dificultades, e axudando nalgunhas tarefas. O programa tivo numerosas edicións realizadas en diversos países, aínda que nos últimos anos ten lugar en Honduras, país no que ESF traballa activamente. Durante a estancia, a persoa voluntaria escribirá pequenos artigos a modo de diario comentando a súa experiencia e aprendizaxe. Á volta ao seu lugar de orixe, a persoa voluntaria ten que realizar diferentes actividades de sensibilización.
Un dos obxectivos do programa é que, durante os 2 meses de estancia, as persoas voluntarias traten cos problemas da pobreza e sexan conscientes das desigualdades entre o norte e o sur global, motivándose para mellorar a situación.
Para poder participar neste programa débese pasar por un proceso de selección, que inclúen o cumprimento das bases, requisitos valorables e o paso por entrevistas. Hai 3 prazas para poder realizar o PCR: a praza ordinaria, na que calquera persoa maior de idade pode presentarse; a praza para docentes de educación secundaria e FP e a praza para persoas do sector privado galego, tanto do eido tecnolóxico-enxeñeril como da economía social. Tras a selección, realízanse actividades de preparación cos candidatos, para que coñezan a cultura e hábitos do país ao que viaxarán.
Con data de comezo en 2004, o PCR realizouse en Ecuador, O Salvador, Honduras, Nicaragua, Perú e nos campamentos de refuxiados en Alxeria. Ata 2024, 67 persoas realizaron o PCR, sendo 42 delas mulleres, e as 25 restantes, homes.
Proxecto Mulleres bravas En colaboración con Amigas da Terra, ESF comezou co proxecto Mulleres bravas en 2021. Trátase dun programa onde se tece unha rede de mulleres marisqueiras hondureñas e galegas que comparten as súas experiencias e inquedanzas. As mulleres bravas hondureñas, que se non fose grazas ao programa estarían soas, axúdanse entre elas, realizando numerosas actividades, facendo a súa vida máis agradable e produtiva e conseguindo que se sintan cada día máis seguras delas mesmas. Neste proxecto, comentan entre elas os desafíos aos que se está enfrontando cada unha, sobre todo no que concirne ao cambio climático coa desaparición de moluscos, e crean novas ideas para cambiar o paradigma. Ademais, as mulleres hondureñas realizan visitas a Galicia para ver como traballan as marisqueiras galegas e compartir ideas e experiencias. Deste xeito, conséguese o apoderamento de todas estas mulleres, loitando polos seus dereitos nunha contorna machista e vivindo unha vida máis digna.
Programa de Promoción do Dereito Humano á Auga O programa de Promoción do Dereito Humano á Auga en Honduras, iniciado en 2008, céntrase en abordar a crecente ameaza a este dereito, especialmente na zona do Golfo de Fonseca, que é moi vulnerable ao cambio climático. Dende 2014, traballan en dous niveis: na administración local e no nivel comunitario e veciñal.
Con respecto á administración local, colaboran coa mancomunidade NASMAR para fortalecer as capacidades técnicas e promover a transparencia e participación cidadá na xestión da auga. Isto inclúe proxectos innovadores como a implementación de contadores de auga e o uso de enerxía solar para o bombeo, ademais de ferramentas para a planificación hídrica que consideran aspectos de xénero e resiliencia ante o cambio climático.
En relación co nivel comunitario e veciñal, dado que as comunidades adoitan asumir a responsabilidade de xestionar o abastecemento de auga potable, formaron unha alianza con AHJASA para capacitar a persoal técnico comunitario. Ademais, dende 2022, colaboran con CODDEFFAGOLF para abordar aspectos ambientais na xestión da auga a nivel comunitario.
Este enfoque integral busca fortalecer tanto a xestión local como a comunitaria para garantir o acceso á auga nun contexto onde as administracións públicas non prestan toda a axuda necesaria.
Programa de Dereito á Alimentación con enfoque de Soberanía Alimentaria O programa de Dereito á Alimentación con enfoque de Soberanía Alimentaria comezou en 2010, coa colaboración da asociación CODDEFFAGOLF. Céntrase na participación social, o desenvolvemento local, a protección da terra e a resiliencia ao cambio climático, abordando as ameazas que afectan aos ecosistemas da rexión, como a degradación dos mangleirais pola talla indiscriminada para proxectos de acuicultura, a salinidade de pozos debido ao bombeo excesivo pola agroindustria, as ameazas da extracción mineira e enerxética coa poboación exposta a prácticas abusivas e a contaminación de augas por vertidos industriais.