O atobá des pés vermellos (Sula sula) é unha grande ave mariña da familia dos mascatos, Sulidae. Os adultos sempre teñen os pés vermellos, pero a cor da plumaxe varía. Voan de maneira potente e áxil, aproveitando o vento para voaren máis eficientemente, pero son torpes no momento de engalar e aterrar. Aliméntanse capturando peixes voadores por riba a superficie do océano e realizando mergullos pouco profundos. Son abundantes nos trópicos, e reprodúcense en colonias en rexións costeiras, en illas especialmente afastadas como San Brandón en Mauricio (bancos de Cargados Carallos), e o arquipélago de Chagos (ao sur das Maldivas). Aínda que a súa poboación está decrecendo, a IUCN considéraa unha especie en preocupación menor. Enfróntase a ameazas como o cambio climático, a competición con pesquerías, trastornos causados polos humanos e especies invasoras.
Taxonomía
O atobá de pés vermello foi descrito formalmente polo naturalista sueco Carl Linné en 1766 na 12ª edición da súa obra Systema Naturae. Deulle daquela o nome binomial Pelecanus sula e describiuno baseándose nun espécime procedente de Barbados. O seu actual xénero Sula creouno o científico francés Mathurin Jacques Brisson en 1760. A palabra Sula vén do noruegués e significa mascato.
Hai tres subespecies:
S. s. sula (Linnaeus, 1766) – Caribe e illas do suroeste do Atlántico. S. s. rubripes Gould, 1838 – Océanos Pacífico e Índico tropicais. S. s. websteri Rothschild, 1898 – Pacífico central oriental.
Descrición É o membro máis pequeno da familia dos súlidos con seus 70 cm de lonxitude e cunha envergadura de 152 cm."Red-footed Booby". All About Birds. Cornell Lab of Ornithology. Consultado o 28 de maio de 2020. O peso medio de 490 adultos da illa Christmas nun estudo foi de 837 g.CRC Handbook of Avian Body Masses, 2ª edición de John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008), . Ten patas vermellas, e o bico e un papo na gorxa están coloreados de rosa e azul. Esta especie ten varios morfos. No morfo branco a plumaxe é principalmente branca (a cabeza a miúdo está tinguida de tons amarelados) e as plumas de voo son negras. O morfo branco de cola negra é similar, pero con cola negra, e pode confundirse doadamente cos atobás Sula granti e Sula dactylatra. O morfo marrón é en conxunto marrón. O morfo marrón de cola branca é similar, mais ten barriga, sobrecú e cola brancos. O morfo marrón de cabeza branca e cola branca ten un corpo, cola e cabeza principalmente brancos e ás e dorso marróns. Os morfos normalmente reprodúcense xuntos, pero na maioría das rexións predominan un ou dous morfos; por exemplo, nas illas Galápagos, a maioría pertencen ao morfo marrón, aínda que o morfo branco tamén está presente.
Os sexos son similares, e os individuos xoves son amarronados con ás máis escuras, e as patas rosadas claras, mentres que os polos están cubertos de penuxe branco denso.
Distribución
É unha especie espallada polos trópicos do Atlántico, Pacífico e Índico. No Atlántico, viven principalmente nas illas do Caribe. No Pacífico, as poboacións encóntranse nas illas Galápagos, principalmente na illa Genovesa e San Cristóbal, e no arquipélago de Hawai en Kauai. No océano Índico atópase en Aldabra, as Seychelles, Rodrigues, as Maldivas, o arquipélago de Chagos, as illas Cocos (Keeling) e na illa Christmas.
Foi erradicado dun gran número de illas debido á combinación da introdución de predadores e a predación humana, incluíndo as illas Glorioso, illa Asunción, Tikopia, illa Henderson, as illas Marquesas, as illas da Sociedade e a illa Desecheo. A especie é vagante en Sri Lanka, Nova Zelandia, e o Reino Unido.
Ecoloxía e comportamento
Reprodución
Esta especie reprodúcese en illas na maioría dos océanos tropicais. Cando están en época non reprodutora pasan a maioría do tempo no mar. No arquipélago de Chagos permanece preto da súa colonia reprodutora durante todo o ano, en vez de migrar. Nidifica en grandes colonias, poñendo un ovo azul nun niño de paus, que chocan ambos os adultos por 44–46 días. O niño é normalmente situado nunha árbore ou arbusto, pero raramente pode nidificar no chan. Pasan ata tres meses antes de que as crías fagan o seu primeiro voo, e cinco meses antes de que fagan voos longos.
As parellas permanecen xuntos durante varias tempadas. Realizan elaborados rituais de saúdo, entre eles un grallar áspero e a exhibición do macho da súa gorxa azul, e tamén inclúe danzas curtas.
Dieta Come principalmente peixes (como os peixes voadores Exocoetidae e os Gempylidae) e luras. Os estudos feitos en illa Christmas atoparon que a maioría dos peixes que comían eran de 6–15 cm de longo, cunha lonxitude máxima de 20 cm, e a maioría das luras son 6–10 cm, cunha lonxitude máxima de 15 cm. En Aldabra, a proporción de peixes e luras na dieta varía entre estacións; as luras supoñen o 21 % da dieta en masa na estación húmida e só o 1 % na estación seca. Xeralmente capturan as presas mergullándose no océano verticalmente desde alturas de 4 a 8 m, aínda que poden capturar no aire os peixes voadores, como se demostra en gravacións de cámaras de vídeo portadas polas propias aves. Viaxan centos de quilómetros desde terra para buscaren as súas presas e ás veces emprenden viaxes de varios días.
Predadores e parasitos Os atobás de pés vermellos adultos son cazados ás veces por cangrexos dos cocoteiros; os cangrexos usan as súas potentes pinzas para romperlles as ás ou collelos polas patas. Documentouse o caso dun atobá mentres durmía nunha póla baixa dunha árbore que foi atacado e matado por seis cangrexos dos cocoteiros en poucas horas, mentres que outro foi capturado despois de aterrar preto da entrada do tobo do cangrexo ao ser arrastrado dentro. As crías e ovos deste atobá son tamén atacados por varios predadores, incluíndo ratas, gatos, porcos, aves rapaces, e o paxaro estúrnido micronesio Aplonis opaca, aínda que os predadores mamíferos introducidos teñen un impacto limitado, xa que o atobá nidifica en árbores. Porén, o hábito do atobá de reproducirse en illas remotas pode ser unha adaptación para evitar a depredación; nas illas Galápagos, non nidifica en ningunha das illas habitadas polo buxato das Galápagos Buteo galapagoensis, mesmo cando teñen condicións axeitadas, e foi observado colonizando illas en canto o buxato é erradicado delas. Os humanos comen atobás adultos e crías; os atobás pican ás persoas que tratan de achegarse aos seus niños.
Entre os parasitos rexistrados nesta especie están a carracha Ornithodoros capensis nos niños e o piollo das plumas Pectino pygus nas plumas dos adultos.
Conservación A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) considera o atobá de pés vermellos especie en preocupación menor, aínda que a poboación mundial está decrecendo. A fase cálida (El Niño) de El Niño-Oscilación do sur en 1982 e 1983 afectou negativamente a súa reprodución na illa Christmas a medida que as maiores temperaturas da auga reducen as súas fontes de alimento. Onde adoitaban nidificar 6.000 parellas, só o fixeron 30 parellas en 1982 e unhas 60 parellas en 1983.
Galería
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Súlidos Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné