A roliña rabilonga (Oena capensis) é unha pequena pomba que vive na maior parte da África subsahariana, Madagascar e Arabia. É a única especie do xéneo Oena.

Taxonomía A roliña rabilonga é a única especie do xénero monotípico Oena. Está máis emparentado coas rolas do xénero Turtur, e algunhas probas filoxenéticas indican que Oena podería formar parte de Turtur.

En 1760 o zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson incluíu unha descrición da roliña rabilonga no sexto volume da súa obra Ornithologie baseándose nun espécime recollido preto do Cabo de Boa Esperanza en Suráfrica. Utilizou para ela o nome francés La tourterelle du Cap de Bonne Espérance e o latino Turtur capitis bonae spei. Os dous asteriscos (**) ao inicio da sección indican que Brisson baseou a súa descrición no exame dun espécime. Aínda que Brisson acuñou un nome latino para esta ave, este non está conforme co sistema de nomenclatura binomial vixente e non é recoñecido pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica. Cando en 1766 o naturalista sueco Carl Linné puxo ao día a súa obra Systema Naturae para a 12ª edición, engadiu 240 especies que describira previamente Brisson. Unha delas foi a roliña rabilonga, que situou xunto con outras pombas no xénero Columba. Linné incluíu unha breve descrición, acuñou o nome binomial Columba capensis e citou os traballos de Brisson. O termo específico capensis fai referencia ao Cabo de Boa Esperanza.

A roliña rabilonga está situada agora no xénero Oena, que foi creado polo naturalista inglés William Swainson en 1837. O nome do xénero procede do grego antigo oinas, que significa 'pombo'.

Subespecies Recoñécense dúas subespecies: O. c. capensis – Linnaeus, 1766: A subespecie nomeada, vive na África subsahariana, a Península Arábiga, sur de Israel, suroeste de Xordania e na illa de Socotra. O. c. aliena – Bangs, 1918: Vive en Madagascar. Os machos teñen píleos e partes superiores máis escuros, pescozos e peitos máis brancos, frontes negras máis estreitas e bandas faciais, e cobertoiras da parte inferior da cola grises. Ambos os sexos teñen rectrices con puntas redondas e tenden a ser máis pequenas que a subespecie nomeada.

Descrición É unha rola diminuta do tamaño dun pardal, duns 22 cm de lonxitude, unha envergadura de 28–33 cm e un peso de 40 g. Ten unha cola negra moi longa que se vai adelgazando, e o seu tamaño e forma fixeron que se comparase co periquito común. A plumaxe é maiormente gris, agás a barriga branca e as plumas primarias castañas que son visibles en voo.

O macho adulto ten un bico amarelo e vermello e face, gorxa e peito negros. A femia adulta carece de cor negra e ten un bico gris con base vermella. As aves novas teñen manchas escuras nas ás e ombreiros e polo demais lembran as femias.

A súa canción é un curto e tranquilo dobre huu, máis agudo na nota segunda máis longa ku-huuu, triste e repetido frecuentemente.

Distribución e hábitat

É unha ave reprodutora residente moi espallada na África subsahariana e Madagascar ampliando a súa distribución á Península Arábiga, sur de Israel e Xordania. Atópase en zonas case desérticas con acacias e arbustos. A roliña rabilonga ten tendencia a vagar fóra da súa area de distribución orixinal, e agora é rexistrada en países do sur de Asia. En Paquistán esta especie rexistrouse preto de augas costeiras en Paradise Point, Karachi en 2016. Na India, a especie observouse moitas veces preto do Santuario de Aves de Nalsarovar. miniatura|Macho buscando comida no Santuario de Aves de Nal Sarovar na India.

Comportamento

É bastante terrestre e xeralmente busca alimento en terreos abertos e beiras das estradas. Come case exclusivamente sementes diminutas, como as das herbas, ciperáceas e outras herbáceas. Non é gregaria e atópase soa ou en parellas, aínda que pode formar bandadas máis grandes nas pozas de auga. O seu voo é rápido con batidos entrecortados e unha tendencia a voar baixo.

Reprodución Constrúe un niño de paus nun arbusto.

Pon dous ovos brancos, que incuba durante 16 días da maneira típica das pombas; a femia choca pola noite e de mañanciña e o macho desde a metade da maña ata o final do serán.

Galería

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Roliña rabilonga (Namaqua dove) - Texto sobre a especie en The Atlas of Southern African Birds Roliña rabilonga (Namaqua dove) Guía estruturada das especies do sur de África

Categoría:Colúmbidos Categoría:Aves de Asia Categoría:Aves de África Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Taxons descritos por Linné