O Citizens' Council ("Consello de Cidadáns"), comunmente coñecido como o White Citizens' Council ("Consello de Cidadáns Brancos"), era unha rede asociada de organizacións supremacistas brancas nos Estados Unidos, concentradas no Sur.

Traxectoria O primeiro formouse o 11 de xullo de 1954. Após 1956, adoptou o nome de Citizens' Councils of America (Consello de Cidadáns de América). Con cerca de 60.000 membros, na súa maioría sureños, os Citizens' Councils fundáronse principalmente para oporse á integración racial das escolas públicas tras a decisión da Corte Suprema dos Estados Unidos en 1954 de que as escolas públicas segregadas eran inconstitucionais. Tamén se opuxeron aos esforzos para rexistrar votantes negros no Sur, onde a maioría dos negros foran privados dos seus dereitos desde finais do século XIX, e á integración de instalacións públicas durante as décadas de 1950 e 1960. Os seus membros utilizaron tácticas de intimidación que incluían boicots económicos, despedimentos, propaganda e ameazas e actos violentos contra activistas polos dereitos civís dos afroestadounidenses.

Na campaña das eleccións presidenciais de 1968 apoiaron a candidatura do abertamente racista futuro gobernador de Alabama, George Wallace, do Partido Independente Americano, que se opuña ao desmantelamento das Leis de Jim Crow de segregación racial e que obtivo a vitoria en cinco estados ex-confederados, o único candidato dun terceiro partido (nin demócrata nin republicano) que o lograría nunhas eleccións presidenciais desde a Segunda Guerra Mundial. Por esas datas o Citizens' Council chegou a alcanzar os douscentos cincuenta mil afiliados, presentando unha aparencia máis respectable que a do abertamente racista Ku Klux Klan.

Na década de 1970, tras a aprobación da lexislación federal sobre dereitos civís e a súa aplicación por parte do goberno federal, a influencia dos Councils' diminuíra considerablemente. As listas de correo dos Councils' e algúns dos membros da súa xunta integráronse na organización nacionalista branca Council of Conservative Citizens (Consello de Cidadáns Conservadores) con sede na cidade de St. Louis, Missouri, fundado en 1985.

Notas

Categoría:Racismo nos Estados Unidos de América