Avelino Pérez Rodríguez, nado na Terrachá (Entrimo) o 10 de outubro de 1899 e finado en Gusen o 5 de agosto de 1941, foi un refuxiado galego deportado aos campos de concentración nazis.
Traxectoria Emigrou a Madrid, traballando de camareiro nos coches-cama dos trens que facían o percorrido entre Madrid e París.
Nos inicios da guerra civil española integrouse nas Milicias Cívicas de Izquierda Republicana. Saíu de España xunto a centos de milleiros de republicanos nos primeiros meses de 1939, que acabaron encerrados nos campos de internamento franceses. Integrouse na Compañía de traballadores estranxeiros (CTE) número 86, no departamento dos Altos Alpes. Traballou en obras públicas como estradas, pontes, camiños etc. ao servizo do exército francés.
O 20 de xuño de 1940 foi capturado polo exército alemán, confinado no Stalag VIII C, en Zagan (Polonia). Máis tarde foi enviado ao Stalag XII D, en Tréveris (Alemaña). O 25 de xaneiro de 1941 entrou no campo de concentración de Mauthausen, en Austria, co número de prisioneiro 4 724. A viaxe ata o campo durou tres días. Viaxou xunto a outros 744 españois, dos que morreron arredor do 74 %.
Foi trasladado ao campo de concentración de Gusen en febreiro de 1941, asignándolle o número de prisioneiro 10 021. O 5 de agosto de 1941 rexistrouse a súa morte en Gusen, segundo o rexistro a causa do falecemento debeuse a unha broncopneumonía.
O 6 de marzo do 2020 a súa neta Rosa María Paz Pérez presentou no Consulado arxentino de Vigo unha denuncia en nome de Avelino para unila á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo. Ese mesmo día presentáronse outras seis denuncias en nome de todos os deportados da provincia de Ourense. O acto foi coordinado polo grupo de traballo de Ourense da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Vida persoal Casou en Entrimo con María Fernández e tiveron dúas fillas, Aurora e Emilia.
Recoñecementos Nun acto celebrado o 14 de setembro de 2019 en memoria das vítimas do réxime franquista na comarca de Baixa Limia, onde se xuntaron membros do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia e familiares das vítimas, inaugurouse un monólito na honra dos asasinados da comarca na curva de Fonteboa, no concello de Bande, entre os que se encontra Avelino Pérez Rodríguez.
De igual xeito, o 8 de maio de 2021 celebrouse unha homenaxe a Avelino Pérez e a outros tres deportados do concello de Entrimo: Abilio Álvarez Bernardo, Higinio Rodríguez Domínguez e Jaime Vázquez Estévez. O acto, organizado polo Concello de Entrimo e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, rematou coa inauguración dun monumento na honra dos deportados.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados en Entrimo Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Artigos creados co asistente para a creación de artigos Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Galegos de Madrid