Susan Stebbing, nada en North Finchley o 2 de decembro de 1885 e finada en Northwood o 11 de setembro de 1943, foi unha filósofa británica. Pertenceu á xeración da filosofía analítica da década de 1930, e foi unha das fundadoras da revista Analysis en 1933. Trátase da primeira muller en conseguir unha cátedra de Filosofía no Reino Unido, así como a primeira presidenta da organización secularista Humanists UK.

Traxectoria Susan Stebbing naceu en North Finchley (Middlesex), a máis nova dos seis fillos de Alfred Charles e Elizabeth Stebbing; quedou orfa nos seus primeiros anos.

Estudou na Escola de Rapazas James Allen de Dulwich até 1904, cando ingresou no Girton College de Cambridge para aprender Historia, aínda que naquela altura a Universidade de Cambridge non concedía títulos ás mulleres, nin as aceptaba nas mesmas condicións que o estudantado masculino. O seu interese pola filosofía principiou tras a lectura de Appearance and Reality, de F. H. Bradley, polo que participou nos exames de Ciencias Morais en 1908. En 1912, cursou un mestrado de Filosofía na Universidade de Londres, recibindo unha distinción. A súa tese de mestrado, Pragmatism and French Voluntarism, foi publicado posteriormente polo Girton College.

Entre 1911 e 1924, ensinou en diversas institucións. Foi profesora de Filosofía no King's College de Londres do 1913 ao 1915; nese mesmo ano, aceptou un traballo a tempo parcial no Bedford College, pasando a tempo completo do 1920 ao 1924. Tamén impartiu conferencias no Westfield College (1912-1920), no Girton College (1911-1914) e no Homerton College (1911-1914). Dende 1915 até o seu falecemento foi directora da Escola de Rapazas Kingsley Lodge de Hampstead.

En 1927, a Universidade de Londres nomeouna lectora de Filosofía. Obtivo o seu doutoramento en 1931. En 1933, converteuse na primeira catedrática de Filosofía do Reino Unido, un suceso que chegou a aparecer nos xornais. Entre 1931 e 1932, foi profesora visitante na Universidade Columbia. Neses mesmos anos, foi presidenta da Mind Association; tamén presidiu a Sociedade Aristotélica entre 1933 e 1934.

Stebbing foi discípula de William Ernest Johnson e, segundo John Wisdom, recibiu moita influencia de G. E. Moore. Tamén estableceu contacto co Círculo de Viena, sendo a primeira en invitar a Rudolf Carnap a impartir unha conferencia no Reino Unido.

Stebbing faleceu a causa dun cancro o 11 de setembro de 1943, no hospital Mount Vernon, en Northwood (Middlesex).

Publicacións Pragmatism and French Voluntarism (1914) A Modern Introduction to Logic (1930) Logical Positivism and Analysis (1933) Logic in Practice (1934) Imagination and Thinking (1936) Philosophy and the Physicists (1937) Thinking to Some Purpose (1939) Ideals and Illusions (1941) A Modern Elementary Logic (1943)

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Finados en 1943 Categoría:Nados en 1885 Categoría:Filósofos do Reino Unido Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Filósofos analíticos