O Imperio samánida (en persa سامانیان , romanizado Sāmāniyān) tamén coñecido como dinastía Samánida, emirato Samánida, ou simplemente como os samánidas, foi un imperio musulmán sunnita de cultura persa, gobernado por unha dinastía de orixe dehqan iraniana, dende o ano 819 até o 999. O imperio estaba centrado en Khorasán e Transoxiana, e na súa maior extensión incluía o nordeste de Irán e Asia Central.

Historia Catro irmáns: Nuh, Ahmad, Yahya e Ilyas, fundaron o estado samánida. Cada un deles gobernaba territorios baixo a soberanía abbasí. No 892, Ismail Samani uniu os samánidas baixo o seu goberno, poñendo así fin ao sistema feudal empregado polos samánidas. Tamén foi baixo o seu reinado que os samánidas se independizaron dos abasidas. Porén, en 945, o goberno caera baixo o control de facto da facción de militares turco-eslavos, e a autoridade da familia samánida converteuse en puramente simbólica.

O Imperio samánida forma parte do Intermezzo iraniano, que viu a creación dunha cultura e identidade persa que trouxo a fala e as tradicións iranianas ao redil do mundo islámico. Isto contribuíu posteriormente á formación da cultura turco-persa.

Os samánidas exerceron un intenso mecenado, o que favoreceu avances no coñecemento científico, nas artes, na filosofía e na literatura. Como resultado dese contexto cultural, atraeron a estudosos como Rudaki, Ferdowsi e Avicena. Durante o período samánida, Bukhara foi un centro cultural e político importante, que chegou a rivalizar con Bagdad.

Diversos estudosos sinalan que os samánidas contribuíron a revivir a lingua e a cultura persas en maior medida que os búíidas ou os saffáridas, mentres continuaban a usar o árabe nos eidos da ciencia e a relixión. Considerábanse descendentes do Imperio sasánida, unha filiación que empregaron como lexitimación histórica, política e cultural. Nun famoso edicto, atribuído aos gobernantes samánidas, afírmase que «nesta rexión a lingua é o persa, e os reis deste reino son reis persas».

Galería de imaxes Debido ás extensas escavacións realizadas en Nishapur, Irán, a mediados do século XX, a cerámica samánida está ben representada nas coleccións de arte islámica de todo o mundo. Estas cerámica, en gran parte de louza, presentan inscricións caligráficas de proverbios árabes ou decoracións figurativas coloridas. Os proverbios árabes adoitan falar dos valores da cultura "adab": hospitalidade, xenerosidade e modestia.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Imperio Samánida