Nataša Pirc Musar, nada en Liubliana, Eslovenia, o 9 de maio de 1968, é unha avogada, escritora e política eslovena, presidenta do seu país dende o 2022. Anteriormente foi comisionada de información (2004-2014), xornalista e presidenta da Cruz Vermella Eslovena (2015-2016).

Pirc Musar é especialmente coñecida polas súas sentenzas e libros sobre a liberdade de información, as súas opinións legais e os casos relevantes nos que traballou. Por exemplo, representou á primeira dama estadounidense Melania Trump, ó partido socialdemócrata esloveno e outros clientes destacados.

Pirc Musar é especialmente coñecida polas súas sentenzas e libros sobre a liberdade de información, as súas opinións legais e os casos relevantes nos que traballou. Por exemplo, representou á primeira dama estadounidense Melania Trump, ó partido socialdemócrata esloveno e outros clientes destacados.

Traxectoria Formación Pirc Musar estudou Dereito na Universidade de Ljubljana en 1992, baixo a supervisión de Marko Ilešič, futuro xuíz do Tribunal Europeo de Xustiza. En 1997, aprobou os exames oficiais. Posteriormente, traballou durante seis anos como xornalista e presentadora de telexornal na Radiotelevizija Slovenija. Tamén foi presentadora do programa de noticias 24UR na canle privada POP TV. En 2001, converteuse en xefa do departamento de comunicación corporativa do Aktiva Group, onde traballaba o seu esposo Aleš Musar.

Así mesmo, recibiu formación na CNN en Atlanta, Xeorxia. Logo, continuou os seus estudos durante dous semestres na Universidade de Salford, en Inglaterra, realizando prácticas na BBC, Granada TV, Sky News, Reuters TV e Border TV. En 2015, doutorouse pola Universidade de Viena cunha tese sobre o equilibrio entre o dereito á privacidade e a liberdade de información.

Carreira profesional En abril de 2003, Pirc Musar ingresou no Tribunal Supremo de Eslovenia como directora do seu Centro de Educación e Información. Entre 2004 e 2014, foi Comisionada para o Acceso á Información Pública. Ademais, dende marzo de 2011, exerceu como vicepresidenta do Corpo de Supervisión Conxunta da Europol, e como a súa presidenta de 2012 até 2014.

Tras rematar o seu mandado, fundou o seu propio bufete de avogados. En 2016, Rosana Lemut Strie asociouse con ela, polo que o despacho pasou a chamarse Pirc Musar & Lemut Strie. Representou a Melania Trump durante a primeira presidencia do seu esposo, entre outros clientes. Nos seus casos máis coñecidos representou ó partido Socialdemócratas e ó embaixador esloveno nos Estados Unidos, Stanislav Vidovič.

Entre 2010 e 2021, Pirc Musar foi escollida varias veces entre os dez avogados máis influentes do seu país. Cofundou a asociación OnaVe, que busca conectar mulleres do ámbito profesional para promover o seu coñecemento. Así mesmo, presidiu a Cruz Vermella Eslovena de 2015 a 2016.

Como escritora, Pirc Musar é coautora de seis libros sobre a liberade de información e a privacidade en esloveno, inglés e croata.

Carreira política O 23 de xuño de 2022 Pirc Musar anunciou a súa candidatura independente á presidencia de Eslovenia co gallo das eleccións presidenciais de 2022, programadas para o 23 de outubro dese mesmo ano. Foi a primeira en anunciar a súa candidatura, e recibiu o apoio dos antigos presidentes Milan Kučan e Danilo Türk.

O seu anuncio produciu especulacións sobre a súa relación con Marta Kos, vicepresidenta do partido gobernante, o Gibanje Svoboda, quen presentou a súa propia candidatura pouco despois. Pirc Musar e Kos afirmaban ser amigas, mais segundo os medios de comunicación deixaron de comunicarse entre elas. En setembro de 2022, Kos retirouse da campaña, co conseguinte aumento da tendencia de voto para Pirc Musar, que xa lideraba as enquisas. En outubro, quedou segunda durante a primeira rolda de votacións, ficando candidata para a segunda fase das eleccións, en novembro. O 13 de novembro Pirc Musar gañou fronte ó candidato do Partido Demócrata Esloveno, Anže Logar, converténdose así na primeira muller en presidir Eslovenia.

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade de Viena Categoría:Alumnos da Universidade de Liubliana Categoría:Nados en 1968 Categoría:Nados en Liubliana Categoría:Presidentes de Eslovenia