Rosa María Crujeiras Casais, nada en Artes (Ribeira) o 19 de febreiro de 1978, é unha matemática galega, catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa e foi a primeira reitora muller da Universidade de Santiago de Compostela.

Traxectoria Licenciouse en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela en 2001 e doutorouse en Estatística e Investigación Operativa no 2007 coa tese Contributions to Spectral Spatial Statistics, dirixida por Wenceslao González Manteiga. Realizou estadías predoutorais nos Estados Unidos e o Reino Unido. Tras un período posdoutoral no Servizo de Consultoría Estatística na USC, en 2008 obtivo outro contrato como investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain, en Bélxica. En xaneiro de 2009 retornou á USC como profesora interina de substitución, desenvolvendo a súa carreira académica nesta universidade. Investigadora do grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA). Dende setembro de 2021 ata 2025 foi Directora Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Foi membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española desde novembro do 2019 ata xaneiro de 2022. Desde 2016 é membro da comisión de seguimento do convenio bilateral entre o Instituto Galego de Estatística e a Universidade de Santiago de Compostela. É editora asociada do Journal of Nonparametric Statistics (revista de referencia en estatística non paramétrica) desde maio de 2019, e editora de números especiais en Environmetrics, Spatial Statistics e Journal of the Royal Statistical Society, Series C. Membro da comisión de selección da Oficina Nacional de Asesoramento Científico, (ONAC). É membro dos comités científicos dos institutos universitarios de investigación en matemáticas IAMAT2, da Universidade Pública de Navarra dende xaneiro de 2023, e IUMA da Universidade de Zaragoza, dende decembro de 2024. Participou en comisións de selección de persoal no Trinity College Dublin, Universidade de Durham, KU Leuven e Universidade de Luxemburgo.

Publicou en revistas de prestixio e alto impacto en estatística, de carácter metodolóxico como Journal of the American Statistical Association, Biometrics, Annals of Applied Statistics, Scandinavian Journal of Statistics, Electronic Journal of StatisticsouTest, Stochastic Environmental Research and Risk Assessment ou Journal of Statistical Software.

Reitora da Universidade En marzo de 2026 converteuse na primeira reitora muller da Universidade de Santiago de Compostela nos seus máis de 500 anos de historia ao gañar na segunda volta á candidata Maite Flores con 61, 6 dos votos. Foi nomeada oficialmente o 10 de abril.

Obras

Contributions to spectral spatial statistics: Phd dissertation (2007). [Santiago de Compostela]: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Universidade de Santiago de Compostela.  ISBN 978-84-9750-842-1. Manual de estadística básica para ciencias de la salud'' (2010). Con Pedro Faraldo Roca. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-934272-9-0.

Recoñecementos A súa traxectoria foi recoñecida co Premio al Talento Joven Científico Femenino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

En 2024, xunto coas profesoras María Alonso e Irène Gijbels, recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e da Fundación BBVA.

Notas

Categoría:Nados en Ribeira Categoría:Nados en 1978 Categoría:Matemáticos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Reitores da Universidade de Santiago de Compostela