Kobayashi Issa (小林一茶?), nado en Kashiwabara o 15 de xuño de 1763 e finado na mesma cidade o 5 de xaneiro de 1827 foi un escritor xaponés, nado como Kobayashi Nobuyuki e alcumado Yataro durante a súa mocidade.
Traxectoria Issa naceu na antiga provincia de Shinano. A súa familia dedicábase á agricultura, o cal era común no Xapón feudal do século XVIII. A súa nai morreu cando el tiña 3 anos e pasou a estar a cargo da súa avoa. Foi entón cando o pequeno coñeceu por vez primeira o haiku, da man dun poeta da aldea chamado Shinpo. Porén, o seu pai tardou pouco en contraer matrimonio de novo, un matrimonio infeliz. Os problemas coa súa madrastra non tardaron en aparecer, e tampouco as malleiras: Issa lembraría que o golpearan "máis de 100 veces nunha mesma noite". A situación fíxose aínda máis insoportable cando a súa madrastra deu a luz.
Á idade de 14 anos marchou á cidade de Edo, a actual Tokyo, enviado polo seu pai. Foi alí onde retomou o contacto co haiku. Os seus días alternábanse entre o seu traballo nun templo budista e os seus estudos cos poetas Mizoguchi Sogan e Norokuan Chikua, na escola de haiku Katsushika. O seu talento non tardou en saír á luz e Seibi Natsume converteuse no seu mecenas.
Por aquel entón Issa aínda non existía. Os seus poemas ían asinados cos pseudónimos Kobayashi Ikyo ou Nirokuan Kikumei. Foi en 1792 cando abandonou definitivamente o nome de Yataro e adoptou o nome literario de Issa. "Coa primavera / Yataro renaceu / convertido en Issa", reza un das súas haikus. Tras unha viaxe polo suroeste do Xapón en 1795, Issa publicou o seu poemario Tabishui.
Nos anos posteriores viviu en diferentes cidades, coñeceu Kyoto, Osaca, Matsuyama, Nagasaki e outras moitas. Pero aínda que a súa fama como poeta medraba, Issa foi pobre durante moitos anos, nos cales se viu obrigado a traballar duramente e a realizar frecuentes viaxes. Mesmo volveu nalgunha ocasión á súa terra natal.
En Kashiwabara o seu pai faleceu vítima da febre tifóidea. Os problemas volveron xurdir coa súa madrastra e o seu medio irmán, que lle impediron durante 13 anos herdar as propiedades que o seu pai sempre desexou que fosen para el. No Diario da morte do meu pai (1801) relata os preitos e os detalles da enfermidade do seu pai. Del di que, a pesar da enfermidade que lle devoraba, "sorría alegre a todo o que lle ofrecía veleno, e desprezaba ao que lle obrigaba a tomar medicamentos". O corpo foi incinerado de acordo cos ritos budistas, e Issa gardou os seus ósos.
Nos comezos de 1810 decidiu instalarse definitivamente na súa natal Kashiwabara e casou cunha moza da aldea. Tiña xa 50 anos pero non lle esperaba un retiro feliz; ao contrario, aquela foi a época máis terrible da súa vida. Durante a seguinte década viu morrer aos seus 4 fillos, e tamén á súa muller no parto do último deles. Volveu casar, xa con 62 anos, pero divorciouse aos poucos meses. Aínda casou por terceira vez. Entón a súa casa incendiouse, e volveu caer na máis absoluta pobreza.
Os últimos meses da súa vida pasounos nun almacén con piso de terra. Morreu no inverno de 1827, antes do nacemento da súa última filla.
Notas
Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Finados en 1827 Categoría:Nados en 1763 Categoría:Nados na prefectura de Nagano