Eric Fischl, nado o 9 de marzo de 1948 na cidade de Nova York, é un artista estadounidense. Está considerado un dos artistas máis destacados do noso tempo, cun estilo que se clasifica como realista e neoexpresionista.

Traxectoria Fischl naceu na cidade de Nova York, pero creceu nos suburbios de Long Island. A súa familia mudouse a Phoenix, Arizona, en 1967. A súa formación artística comezou no Phoenix College, onde estudou durante dous anos, e despois na Universidade Estatal de Arizona. Posteriormente estudou no California Institute of the Arts, en Valencia (California), onde obtivo o título de Bachelor of Fine Arts (grao en Belas Artes) en 1972.

Despois trasladouse a Chicago, onde traballou como conserxe no Museo de Arte Contemporánea. Posteriormente viviu no Canadá, onde impartiu clases no Nova Scotia College of Art and Design (NSCAD) en Halifax, Nova Escocia, de 1974 a 1978. Alí coñeceu á súa futura esposa, a pintora estadounidense April Gornik. En 1978 regresou a Nova York, onde viviu e traballou durante moitos anos, cun estudo situado en Tribeca. No ano 2000 instalouse coa súa muller en Sag Harbor, Long Island.

Obra Fischl adoita ser descrito como un pintor suburbano. A súa obra insírese na tradición realista estadounidense, con especial relación con Edward Hopper, aínda que se distancia dela nos temas que trata, como o voyeurismo. Entre as súas obras máis coñecidas están Sleepwalker (1979), que representa a un adolescente nunha piscina, nunha escena de carácter íntimo, e Bad Boy (1981), na que un rapaz observa a unha muller espida nunha postura suxestiva na cama, mentres saca a carteira dun bolso.

En 2002, colaborou co Museo Haus Esters en Krefeld (Alemaña), que transformou nunha vivenda, contratando dúas modelos que viviron alí durante uns días coma se fosen unha parella. Este proxecto xerou arredor de 2000 fotografías, procesadas dixitalmente e utilizadas como base para unha serie de pinturas

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Sitio web oficial

Categoría:Pintores dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1948 Categoría:Nados en Nova York