José Diz Rivas, nado en Sobrán (concello de Vilaxoán, integrado no de Vilagarcía de Arousa en 1913) en 1904 e finado en Odesa (RSFS de Rusia, Unión Soviética; hoxe Ucraína) o 22 de agosto de 1948, foi un mariñeiro galego deportado ós campos de traballo soviéticos.

Traxectoria Traballou como mariñeiro embarcado no Cabo San Agustín da compañía Ybarra y Cía, desempeñando labores de piloto. O buque, xunto coa súa tripulación, atopábase en Barcelona no momento da proclamación do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e foi requisado pola República tralo comezo da guerra civil española. Inicialmente utilizouse como cárcere mais incorporouse decontado a outros labores puramente bélicos. Armouse con metralladoras e demais artillaría en Sebastopol (RASS de Crimea, Unión Soviética) e estableceu unha liña de abastecemento continuado entre a República e os portos soviéticos do mar Negro, principalmente material de guerra, bordeando a costa africana e encuberto baixo un nome soviético.

A Unión Soviética incautou o barco destinándoo a fins do seu propio interese en 1939, consumado o triunfo do bando franquista na guerra civil española, permanecendo a tripulación confinada en territorio soviético. En 1941, co inicio da operación Barbarossa, José Diz, o igual que os demais republicanos confinados na Unión Soviética, recibiu a consideración de inimigo estranxeiro e foi enviado ós campos de traballo do Gulag, perecendo o 22 de agosto de 1948 en Odesa. miniatura|260px|O barco Cabo San Agustín.

Vida persoal Fillo de José Diz Rubianes, canteiro, e de Manuela Rivas Camba, ámbolos dous oriúndos de Sobrán. Tivo un irmán máis vello, Ramón, nado en 1897. Casou con Dolores Buceta Bello, con quen tivo tres fillos. A súa dona tramitou o expediente de declaración de falecemento do seu marido en 1956.

O seu tío paterno Manuel Diz Rubianes, presidente do Sindicato del Transporte Marítimo da CNT de Vilagarcía, foi executado o 15 de agosto de 1936. Seu irmán Ramón Diz Rivas, refuxiado da guerra civil española en Francia, foi apresado polo exército nazi trala caída de Francia na segunda guerra mundial e enviado ó campo de concentración de Mauthausen (Austria), perecendo finalmente no campo de Gusen o 27 de xaneiro de 1941, vítima do réxime nazi.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Nados en 1904 Categoría:Finados en 1948 Categoría:Finados en campos de traballo do Gulag