A Festa da Becerra (en ) é unha celebración que se realiza en Colmenar Viejo, na Comunidade de Madrid, o último sábado de xaneiro de cada ano (até o ano 2016 celebrábase o 2 de febreiro). Nesta festa, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, vinte e cinco becerras pasean polas rúas do concello até confluír na praza da vila.

Historia Segundo historiadores como Julio Caro Baroja, as orixes desta festa poden remontarse á civilización romana, onde os mozos se disfrazaban con peles de animais e cornamentas e corrían detrás das mulleres simbolizando así un intento de reanimar a fertilidade unha vez rematado o inverno.

Centrando a atención en Colmenar Viejo, as orixes desta celebración datan do século XIII, momento en que se consolidou o concello. Esta celebración, que amosa a tradición gandeira da cidade rememorando a tradición do traslado de reses, foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1986.

En 2016, convocouse unha consulta popular no concello para que os veciños decidisen en que data preferían que se celebrase a festa da becerra, podendo elixir entre o 2 de febreiro ou o último sábado de xaneiro. No proceso participaron 980 veciños, 704 dos cales votaron a prol do último sábado de xaneiro e 272 o 2 de febreiro.

Malia isto, e de xeito excepcional, en 2019 esta festa celebrouse o 2 de febreiro e non o último sábado de xaneiro tal e como se acordou na consulta municipal xa que ese ano cadrou en sábado. Esta decisión adoptouse tras unha reunión do alcalde Jorge García Díaz coa Asociación de Vaquilleros e Vaquilleras de Colmenar Viejo onde se abordou o tema dadas as especiais circunstancias do calendario.

Descrición do festexo Participan vinte e cinco figuras que percorren as rúas do municipio até confluír na praza do concello simulando ser becerras con nomes como Arrimadita ou Relamida. Cada becerra sae dunha vivenda e vai acompañada polo maioral, os vaqueiros e os taleigueiros, cada un cunha indumentaria particular, en moitos casos conservada de xeración en xeración.

Cada unha delas realiza un percorrido até chegar á praza da vila onde exhiben adornos e cores a través dun baile característico onde simulan embestir aos vaqueiros.

Trala exhibición, cada becerra volve ao lugar de saída e alí simúlase a súa morte con tres tiros de escopeta ao aire. Finalizado ese acto, metaforicamente bébese o sangue do animal morto, que en realidade é unha sangría limoada, que degustan todos os asistentes ao acto, ademais de rosquillas típicas dese día.

Recoñecementos O 23 de decembro de 1985 a Secretaría Xeral de Turismo aprobou unha resolución pola que se concedeu o título de Festa de interese turístico nacional á Festa da Becerra de Colmenar Viejo. Esta resolución publicouse no BOE o 14 de xaneiro de 1986.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Colmenar Viejo

Categoría:Colmenar Viejo Categoría:Festas de interese turístico nacional de España