Robert Zubrin, nado o 9 de abril de 1952, é un enxeñeiro aeroespacial estadounidense, autor e defensor da exploración humana de Marte. Tamén é defensor da superioridade dos Estados Unidos no espazo, escribindo que "no século XXI, a vitoria por terra, mar e aire virá grazas ao control do espazo" e que "se queremos a paz na Terra, necesitamos prepararnos para a guerra no espazo".

Zubrin e o seu compañeiro David Baker en Martin Marietta, foron os principais impulsores da proposta Marte directo, un artigo de investigación de 1990 co que se pretendía reducir custos e complexidade dunha misión a Marte. A idea clave era o uso da atmosfera marciana para producir osíxeno, auga e propelente para a estancia na superficie e o retorno á Terra. Unha versión modificada desta proposta foi adoptada máis tarde pola NASA como "deseño de referencia". Zubrin cuestiona o atraso e a razón custo/beneficio de establecer unha base ou unha avanzada en primeiro lugar nun asteroide ou outro programa semellante ao Apollo para o regreso á Lúa, xa que ningún destes escenarios é capaz de proporcionar osíxeno, auga e enerxía de maneira autónoma, a diferenza dunha misión a Marte.

Zubrin fundou a Sociedade de Marte en 1998 despois da decepción da falta de interese por parte do goberno na exploración marciana e tras o éxito do seu libro O caso de Marte (1996), así como da súa experiencia no liderado da Sociedade Nacional do Espazo. A Sociedade de Marte é unha organización internacional que defende o obxectivo dunha misión humana a Marte, a ser posible mediante financiamento privado.

Infancia Zubrin naceu en Brooklyn, Nova York o 9 de abril de 1952. Seu pai era descendente de inmigrantes rusos xudeus.

Traxectoria Zubrin veu concedida a súa primeira patente aos 20 anos, en 1972, para un xogo de xadrez de tres xogadores.

Zubrin ten un grao en matemáticas pola Universidade de Rochester (1974) e traballou como profesor de ciencias durante sete anos antes de ser enxeñeiro. Ten un máster en enxeñaría nuclear (1984), en aeronáutica e astronáutica (1986) e un doutoramento en enxeñaría nuclear (1992), todos pola Universidade de Washington. Desenvolveu unha serie de conceptos sobre propulsión e exploración espacial e é autor de preto de 200 artigos técnicos e divulgativos, así como de varios libros. É presidente tanto da Sociedade de Marte como de Pioneer Astronautics, unha compañía privada que leva a cabo investigación e desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais innovadoras. É coinventor dunha patente para un híbrido de aeroplano e foguete, e doutra patente para un sistema de proporción de osíxeno.

Os inventos de Zubrin inclúen o foguete nuclear de auga salgada e é coinventor, xunto con Dana Andrews, da vela magnética. É membro do Centro para Políticas de Seguridade.

Durante a súa traxectoria profesional, Zubrin foi membro do equipo de desenvolvemento de escenarios de Lockheed Martin encargado das estratexias de exploración espacial. Tamén foi "enxeñeiro senior coa compañía Martin Marietta Astronautics, traballando como líder no desenvolvemento de conceptos avanzados para misións interplanetarias". Durante o tempo que estivo en Martin Marietta plasmou ideas para unha nave dunha etapa ata órbita e desenvolveu o foguete Black Colt. Finalmente deixou a empresa para fundar Pioneer Rocketplane xunto con Mitchell Burnside Clapp, un enxeñeiro aeroespacial da Forza Aérea dos Estados Unidos, despois de percibir unha falta de interese das grandes empresas por reducir os custos de lanzamento. No seu libro Entrando no espazo: creando unha civilización espacial, Zubrin cómo tanto as grandes empresas como o goberno dos Estados Unidos fracasaron en reducir os custos de acceso ao espazo.

Zubrin fundou a Sociedade de Marte en 1998. Nos anos seguintes atraeu o interese do público sobre a posible colonización humana de Marte. O traballo da Sociedade de Marte foi suficientemente exitoso como para animar ao goberno a non cortar os fondos de varias misións marcianas.

Pioneer Astronautics En 1996 Zubrin fundou Pioneer Astronauticas (antes Pioneer Invention), unha compañía de investigación e desenvolvemento adicada a buscar tecnoloxías innovadoras para a exploración espacial e mellorar a vida na Terra. A compañía baseábase en contratos de investigación con pequenos negocios e atacou gran variedade de problemas relevantes para o espazo.

O 13 de xullo de 2020 Voyager Space Holdings anunciou a adquisición de Pioneer Astronautics.

Pioneer Energy En 2008 Zubrin fundou Pioneer Energy, unha firma adicada a investigación e desenvolvemente con sede en Lakewood, Colorado. O obxectivo da compañía é desenvolver sistemas móbiles de recuperación mellorada de petróleo (EOR, Enhanced Oil Recovery) que permitan EOR baseados en CO2 para grandes e pequenos produtores de petróleo nos Estados Unidos. A compañía desenvolveu tamén novos procesos para a fabricación de combustible sintético.

A ética da terraformación Zubrin é defensor dunha postura moderadamente antropocéntrica na ética da terraformación. As discusións sobre a ética da terraformación soen facer referencia a unha serie de debates públicos que Zubrin tivo co seu amigo Christopher McKay, que defende unha postura lixeiramente biocéntrica.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Sociedade de Marte

Categoría:Nados en 1952 Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Nova York