Dario Amodei , nado en San Francisco (California) en 1983, é un investigador e empresario estadounidense en intelixencia artificial. É cofundador e director executivo de Anthropic, a empresa responsábel da serie de modelos de linguaxe Claude. Anteriormente, foi vicepresidente de investigación en OpenAI.

Traxectoria

Primeiros anos É catro anos máis vello que a súa irmá, Daniela Amodei, tamén cofundadora de Anthropic. O seu pai era Riccardo Amodei, un artesán italiano do coiro. A súa nai, Elena Engel, é xudía-americana, nada en Chicago e traballou como xestora de proxectos para bibliotecas.

Formación Dario creceu en San Francisco, graduouse no instituto Lowell e comezou os seus estudos de posgrao en Caltech, onde traballou con Tom Tombrello como un dos estudantes de Física 11. Máis tarde trasladouse á Universidade Stanford, onde obtivo a súa licenciatura en física. Tamén ten un doutoramento en física pola Universidade de Princeton, onde estudou electrofisioloxía de circuítos neuronais. Foi investigador posdoutoral na Facultade de Medicina da Universidade de Stanford.

Carreira De novembro de 2014 a outubro de 2015 traballou en Baidu. Despois diso, traballou en Google e en 2016, Amodei uniuse a OpenAI.

En 2021 Dario Amodei e a súa irmá Daniela fundaron Anthropic xunto con outros antigos membros sénior de OpenAI. Os irmáns Amodei estiveron entre os que deixaron OpenAI debido a diferenzas de dirección.

En xullo de 2023 Amodei advertiu a un panel xudicial do Senado dos Estados Unidos sobre os perigos da IA, incluídos os riscos que supón para o desenvolvemento e o control de armamentos.

En novembro de 2023 o consello de administración da OpenAI contactou con Amodei para substituír Sam Altman e posibelmente fusionar as dúas empresas emerxentes. Amodei rexeitou ambas ofertas.

En outubro de 2024 Amodei publicou o ensaio Machines of Loving Grace ("Máquinas de amorosa graza"), no que especulaba sobre como a IA podería mellorar o benestar humano.

En 2025 a revista Time incluíu a Amodei na lista das 100 persoas máis influentes do mundo.

Notas

Véxase tamén

Intelixencia artificial Intelixencia artificial xeral

Categoría:Empresarios dos Estados Unidos de América

Categoría:Alumnos da Universidade de Princeton Categoría:Alumnos da Universidade Stanford Categoría:Nados en 1983