Carlos Garaikoetxea Urriza, nado en Pamplona o 2 de xuño de 1938 e finado na mesma cidade o 4 de maio de 2026, foi un político e avogado vasco. Foi o segundo Lehendakari do Goberno Vasco, polo Partido Nacionalista Vasco, trala instauración da democracia e o primeiro elixido trala promulgación do Estatuto de Gernika (1980-1985). Foi o fundador e presidente de Eusko Alkartasuna. Reside en Zarautz (Guipúscoa).

Traxectoria Naceu en Pamplona en 1938, no seo dunha familia de emigrantes do campo de condición humilde. Realizou os seus primeiros estudos no colexio iruñarra dos Escolapios. Licenciouse en Dereito e Económicas na Universidade de Deusto, viaxando posteriormente a Londres e a París co fin de ampliar a súa formación. Garaikoetxea non aprendeu éuscaro de neno, debido a que tan só o seu pai sabía falalo, e aprendeuno despois.

Trala súa volta a Euskadi traballou no sector privado, chegando a presidir a Cámara de Comercio e Industria de Navarra (1962-1972). Como representante desta institución, formou parte do Consello Foral de Navarra. Tralo seu paso polo Consello Foral, exerceu a avogacía até 1979, ó tempo en que ocupaba cargos no PNV, no que ingresou en 1975. Entre ese ano e 1980 foi dirixente do PNV en Navarra. En 1979 abandonou a avogacía para dedicarse a tempo completo á labor política. Entre 1977 e 1980 presidiu o máximo órgano do partido, o Euskadi Buru Batzar.

Nas eleccións municipais e forais de 1979 Garaikoetxea resultou elixido membro do Parlamento Foral de Navarra. En xuño dese mesmo ano foi nomeado presidente do Consello Xeral Vasco, substituíndo a Ramón Rubial. Trala aprobación do Estatuto de Guernica, foi elixido Lehendakari do Goberno Vasco en 1980, sendo reelixido en 1984 con 32 escanos. Un ano despois, foi substituído por José Antonio Ardanza por discrepancias coa dirección do seu partido.

Lehendakari do Goberno Vasco (1980-1985) O seu mandato caracterizouse pola construción do goberno e institucións autonómicas vascas. Así, tivo que despregar o estatuto. Entre as competencias asumidas atopábanse a orde pública, coa conseguinte creación dun corpo de policía autónoma (a Ertzaintza) en 1982, a creación do Servizo Vasco de Saúde (Osakidetza'') en 1981, ou a creación da radiotelevisión vasca, EiTB, cunha primeira emisión o 27 de decembro de 1982. Unha etapa que se caracterizou pola austeridade no gasto gobernamental, ou a consecución do Concerto Económico vasco en 1981.

Durante o seu mandato tamén abriuse a posibilidade de sindicación ós funcionarios do Goberno Vasco, un asunto que foi moi polémico no seu día.

Creación do EA En 1986, tras moitas desavinzas coa dirección do PNV en relación coa Lei de Territorios Históricos, que debía delimitar as competencias do Goberno Vasco e as das Deputacións Forais dos territorios históricos da CAV, a expulsión de toda a organización navarra ou a expulsión en Vitoria do que chegaría a ser primeiro presidente de EA Manuel Ibarrondo, separouse do PNV para fundar Eusko Alkartasuna o 17 de setembro, partido que presidiu até 1999 e polo que resultou elixido deputado do Parlamento Vasco nas eleccións autonómicas de 1986, de 1990, de 1994 e 1998 (últimas eleccións ás que concorreu como candidato). De 1987 a 1991 foi deputado no Parlamento Europeo. Entre 1990 e 1991 foi o presidente de Alianza Libre Europea.

En novembro de 1999 retirouse da política activa, cedendo o testemuño a unha nova xeración de políticos, entre eles ó seu fillo Carlos que seguiu os seus pasos políticos e profesionais sendo na actualidade tamén dirixente de EA e avogado.

Notas

Véxase tamén

Garaikoetxea Urriza, Carlos Categoría:Europarlamentarios do País Vasco Categoría:Europarlamentarios de ALE Categoría:Políticos do PNV Categoría:Políticos de Eusko Alkartasuna Categoría:Nados en Pamplona Categoría:Nados en 1938 Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Europarlamentarios de España (1984-1989) Categoría:Europarlamentarios de España (1989-1994)