Liciniano Sáez Hernando, nado en Tosantos, Burgos, en outubro de 1737 e finado en Santo Domingo de Silos o 23 de abril de 1809, foi un monxe beneditino moi recoñecido pola súa actividade como arquiveiro, paleógrafo e numismático, membro da Real Academa da Historia.
Traxectoria
Primeiros anos e inicio da carreira relixiosa Liciniano Sáez naceu na localidade burgalesa de Tosantos, onde foi bautizado co nome de Domingo Vítores o día 16 de outubro. Era fillo de Juana Hernando e de Francisco Sáez. Pasou a súa infancia en Tosantos e logo comezou en Belorado os seus estudos de Gramática.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 93-94."Liciniano Sáez Hernando". Historia Hispánica. Real Academia de la Historia (RAH.es).
O 3 de marzo de 1754 ingresou na orde de San Bieito no mosteiro de Santo Domingo de Silos, e o 21 de xullo dese mesmo ano tomou os hábitos. Nese momento cambiou o seu nome orixinal e escolleu no seu lugar o de Liciniano, «en lembranza daquel antigo monxe de Silos do século XI que arelaba a restauración deste mosteiro».Maté Sadornil, L. (1978). Páxina 94.
En 1757, xa como membro da congregación beneditina de Valladolid, foi enviado a estudar ao Colexio de Artes da abadía de Santo André da Veiga de Espiñareda,Maté Sadornil, L. (1978). Páxina 95. e posteriormente, en 1760, estudou Teoloxía no colexio de San Vicente da Universidade de Salamanca.Maté Sadornil, L. (1978). Páxina 96. Nesa cidade ordenouse primeiro diácono, o 7 de marzo de 1761, e logo sacerdote, o 19 de novembro dese mesmo ano.
Traxectoria como arquiveiro En 1762 unha doenza cardíaca —da que seguiu afectado toda a súa vida— fixo que tivese que abandonar Salamanca e volver ao seu mosteiro en Silos, onde en 1768 comezou a dedicarse aos labores de arquivamento, nun arquivo que pouco antes fora trasladado da planta baixa a outra superior, para a súa mellor conservación.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 97-98.
Só un ano despois, o 2 de maio de 1769, Sáez foi nomeado formalmente arquiveiro do mosteiro de Silos, o cal reorganizou en catro anos, ademais de copiar unha boa parte dos documentos que alí se conservaban. A sona acadada polo seu bo labor como arquiveiro e copista fixo que fose requirido en 1776 polo alcalde de Sepúlveda, Diego Gil de Gibaja, para se encargar tamén da ordenación do arquivo desa vila.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 97-100.
Entre 1777 e 1785 estivo destinado no priorato de San Frutos, en Carrascal del Río, un lugar afastado da sociedade e en cuxa soidade escribiu algunha das obras numismáticas que publicaría máis tarde.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 99-100.
Desde finais de marzo de 1786 ata a primavera de 1789 estivo en Pamplona, ordenando e copiando o Aquivo Real de Navarra por encarga da Deputación Provincial, un traballo que alcanzou os 29 volumes e que o ocupou ata o verán de 1790, con algunhas interrupcións polo seu delicado estado de saúde, que o obrigaron a pasar algunha tempada en Silos.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 100-104.
No mosteiro de Silos foi confirmado como arquiveiro o 12 de xuño de 1789, aínda que o seu nomeamento o mes seguinte como "compañeiro do prior de S. Frutos" o obrigou a abandonar novamente Silos.Maté Sadornil, L. (1978). Páxina 104.
O seu derradeiro destino como arquiveiro foi en Madrid, a onde se desprazou en xuño de 1790, para se facer cargo da ordenación do arquivo da condesa de Benavente e duquesa de Osuna, en cuxa casa residiu, un labor que o ocupou durante 16 anos.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 105-107. Nese mesmo ano, e logo novamente e 1797, solicitóuselle tamén a ordenación do arquivo do Cabido de Segovia, mais Sáez rexeitou o ofrecemento por falta de tempo.
Na capital ingresou na Real Academia da Historia, o 23 de abril de 1793 en condición de membro supernumerario e o 22 de xuño de 1804 como membro de número. Nesta institución formou parte das comisións encargadas de preparar a impresión das Partidas de Afonso X, que se levou a cabo en 1807, e da Crónica de Fernando IV, que non viu a luz ata 1860. Algunhas fontes tamén lle atribúen unha destacada participación no Diccionario de Antigüedades de Navarra, unha obra que non foi publicada ata 1840-1843, en catro volumes, a nome de José Yanguas y Miranda.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 108-109.
A obra non impresa de Frei Licinio Sáez, froito do seu labor como arquiveiro, sitúao como o máis sobranceiro paleógrafo español do século XVIII.
En 1806 regresou definitivamente ao mosteiro de Santo Domingo de Silos, onde finou tres anos máis tarde, o 23 de abril de 1809, aos 71 anos, debido a unha doenza urinaria de tipo infeccioso, e foi soterrado o día seguinte na Capela do Santo, dese mosteiro,Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 109-110. en fronte da sancristía.
Publicacións Toda a obra impresa de Sáez consiste en tratados sobre as moedas da época de Xoán II, Henrique III e Henrique IV, o que o converte tamén nun destacado numismático da época en España.Maté Sadornil, L. (1978). Páxinas 107-108.
Monografías numismáticas (1786). Apéndice a la crónica nuevamente impresa del señor rey Don Juan el II en que se da noticia de todas las monedas, de sus valores y del precio que tuvieron varios géneros en su reynado. Viuda de Ibarra, Madrid.
(1796). Demostración histórica del verdadero valor de todas las monedas que corrían en Castilla durante el reynado del señor Don Enrique III y de su correspondencia con las del señor Don Carlos IV. Benito Cano, Madrid.
(1805). Demostración histórica del verdadero valor de todas las monedas que corrían en Castilla durante el reynado del señor Don Enrique IV. Sancha, Madrid.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Maté Sadornil, L. (1978). "El Padre Liciniano Sáez, Archivero de la Cámara de Comptos Reales". En Revista Príncipe de Viana. 150-151. Páxinas 93-110.
Categoría:Nados en 1737 Categoría:Nados na provincia de Burgos Categoría:Finados en 1809 Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Numismáticos de España Categoría:Arquiveiros de España Categoría:Académicos da Real Academia da Historia Categoría:Paleografía Categoría:Beneditinos de España Categoría:Personalidades sen imaxes