Anne Claude Alice Dunand, coñecida despois do seu matrimonio como Anne Dufourmantelle, nada en París o 20 de marzo de 1964 e finada en Ramatuelle o 21 de xullo de 2017, foi unha psicanalista, filósofa, ensaista e académica francesa.

Traxectoria O seu pai era anglo-suízo e a súa nai francesa, teóloga e analista junguiana, ambos próximos a Ivan Illich. Anne Dufourmantelle pasou varios anos en España e América Central .

Doutorouse en filosofía cunha tese titulada La Vocation prophétique de la philosophie, realizada baixo a supervisión de Jean-François Marquet, na Universidade de París-Sorbonne en 1994 e graduouse na Universidade de Brown. Foi docente na École nationale supérieure d'architecture de Paris-La Villette, no Institut des hautes études en psychanalyse da École normale supérieure, na Universidade de Nova York e dirixiu a colección de ensaios "L’autre pensée" en Stock. Converteuse en psicanalista e membro do Círculo Freudiano despois de se formar con Serge Leclaire.

Traballou como editora para Calmann-Lévy no ámbito da filosofía e foi responsable de cincuenta libros publicados. Despois uniuse ao grupo Hachette e, máis tarde, á editorial Stock. A partir de 2007, colaborou no xornal Libération.

Anne Dufourmantelle morreu o 21 de xullo de 2017 mentres intentaba salvar o fillo dun amigo de se afogar na praia de Pampelonne.

Tivo tres nenos e foi parella, ata a súa morte, do escritor Frédéric Boyer. A súa filla Clara Ysé (cuxo pai é o seu ex-marido, o pintor Bruno Dufourmantelle, cuxo apelido usaba) rendiulle homenaxe en Libération. Con Bruno Dufourmantelle tiña tamén outro fillo e con Frédéric Boyer unha filla, Maud, nada en 2003.

Obra En 1998, Anne Dufourmantelle recibiu o Premio Raymond de Boyer de Sainte-Suzanne da Academia Francesa por La Vocation prophétique de la philosophie, traduciu ao francés Languages of Art: An Approach to a Theory of Symbol de de Nelson Goodman, e publicou o ensaio La Structure de comparution. En La Sauvagerie maternelle (2001), explorou o risco que un neno debe afrontar ao liberarse do vínculo coa súa nai, un vínculo que a nai desexa preservar inconscientemente. Desenvolveu a noción de "salvaxismo maternal" en 2011, en Éloge du risque, e propuxo que as paixóns negativas —que, segundo ela, se orixinan nunha dependencia inicial do salvaxismo— deberían ser benvidas en lugar de negadas, para superar os medos que as acompañan. En 2009, en En cas d'amour, psychopathologie de la vie amoureus, explorou as variacións do amor e o acontecemento do encontro entre o suxeito e a súa contraparte. En Intelligence du rêve (2012), achegouse a importancia dos soños.

En 2018 publicouse un libro póstumo co título Souviens-toi de ton avenir. Trátase dunha novela un grupo de guerreiros mongois do século XIV que pretendían chegar ao Pacífico a través da China e un grupo de historiadores congreados nunha libraría de París.

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade Brown Categoría:Profesores da Universidade de Nova York Categoría:Profesores da École Normale Supérieure

Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1964

Categoría:Finados en 2017