Mikhail Nikolayevich Tukhachevsky (en ruso: Михаил Николаевич Тухачевский), nado o 16 de febreiro de 1893 e finado o 12 de xuño de 1937, alcumado o Napoleón Vermello, foi un xeneral soviético que destacou entre 1918 e 1937 como oficial militar e teórico. Posteriormente foi executado durante os xuízos de Moscova de 1936-1938.

Serviu como oficial na primeira guerra mundial de 1914 - 1917 e na guerra civil rusa de 1917 - 1923, liderando a defensa do distrito de Moscova (1918), comandando forzas na fronte oriental (1918), comandando o Quinto Exército na reconquista de Siberia de mans de Alexander Kolchak e dirixindo as forzas cosacas contra Anton Denikin (1920). De 1920 a 1921 comandou a fronte occidental na guerra polaco-soviética. As forzas soviéticas baixo o seu mando repeleron con éxito as forzas polacas do oeste de Ucraína, facendo que regresasen a Polonia, pero o Exército Vermello sufriu unha derrota nos arredores de Varsovia, e a guerra rematou cunha derrota soviética. Tukhachevsky culpou a Iosif Stalin da súa derrota na batalla de Varsovia.

Máis tarde, serviu como Xefe do Estado Maior do Exército Vermello de 1925 a 1928, como asistente no Comisariado Popular de Defensa despois de 1934 e como comandante do Distrito Militar do Volga en 1937. Alcanzou o rango de Mariscal da Unión Soviética en 1935.

Como un dos principais defensores da modernización do armamento e a estrutura das forzas do exército soviéticos nas décadas de 1920 e 1930, converteuse nun elemento fundamental no desenvolvemento da aviación soviética e das forzas mecanizadas e aerotransportadas. Como teórico, foi unha forza impulsora do desenvolvemento soviético da teoría das operacións profundas nas décadas de 1920 e 1930. As autoridades soviéticas acusaron a Tukhachevsky de traizón e, despois de que confesase baixo tortura, foi executado en 1937 durante as purgas militares de 1936 - 1938, lideradas por Stalin e Nikolai Yezhov.

Notas

Categoría:Nados en 1893 Categoría:Finados en 1937 Categoría:Personalidades da Unión Soviética Categoría:Teóricos militares Categoría:Militares da Unión Soviética