Nicholas Oliver Lawson (nado Nicolai Olaus Lossius o 23 de novembro de 1790, finado o 1 de mazo de 1851) foi un mariño noruegués que foi vicegobernador das illas Galápagos para a República de Ecuador. Durante a súa etapa nas illas proporcionou información que contribuíu a que Charles Darwin, na súa visita ás illas, se decatase que as especies podían cambiar, e finalmente a que elaborase a teoría da evolución.Kvernberg, Anders. Mannen som visste så mye om skilpadder at han endret verdenshistorien. I: "Årsskrift 2013". Romsdal sogelag. Molde, 2013. s. 260-286
Primeira parte da vida
Nicolai Olaus Lossius naceu na illa de Sekken no condado de Romsdal, Noruega o 23 de novembro de 1790. Bautizárono na igrexa de Veøy preto de Molde en Romsdal a finais de 1790. Aos 16 anos foi ao mar e navegou a Inglaterra. Serviu en barcos que facían viaxes ao Brasil e ao Mediterráneo e foi capturado por corsarios berberiscos en 1809, escravizado e máis tarde liberado.
Co nome Nicholas Oliver Lawson adquiriu a cidadanía dos Estados Unidos de América en 1811. Ao inicio da guerra de 1812 entre os Estados Unidos e Gran Bretaña estivo a piques de ser capturado polos británicos preto de Xibraltar. Serviu como oficial dos Estados Unidos na guerra e posteriormente estableceuse no Canadá, onde traballou como comerciante. Declarouse en bancarrota en 1816.
En 1818 enrolouse na Mariña Chilena e loitou na guerra da Independencia de Chile (1810–1821), a bordo do barco Lautaro. Ferírono varias veces e foi condecorado cunha medalla polas súa accións en combate durante a batalla preto de Valdivia en 1820. Durante unha batalla capturou unha goleta española e fixo prisioneiro a un oficial español. O oficial estaba mortalmente ferido e rogou a Lawson que e asegurase que a súa familia fose coidada. Lawson abandonou o exército de Chile en 1823, pero o ano seguinte casou con Rosario Asenjo (nada en 1807) filla do oficial español que el capturara.
Illas Galápagos
Lawson dedicábase á construción de barcos, ao comercio e era armador, e a miúdo paraba nas illas Galápagos para reabastecerse de auga e comida (tartarugas). Debido á súa familiariedade coa illas foi nomeado vicegobernador por José de Villamil en 1832, e exerceu nese posto ata 1837.
Lawson era o gobernador cando Charles Darwin visitou as illas en setembro de 1835. Darwin menciona a Lawson varias veces na súas notas e diarios. Cando a expedición de exploración do Beagle chegou á illa Charles (hoxe illa Floreana) en setembro de 1835, Darwin anotou no seu diario: "Un inglés Mr. Lawson está agora exercendo de Gobernador. — Por casualidade baixou a visitar un barco baleeiro e pola mañá acompañounos ao asentamento." Lawson describiulle como fora testemuña dunha redución na cantidade e tamaño das tartarigas das Galápagos que os baleeiros capturaban como alimento.Keynes, R. D. ed. 2001. Charles Darwin's Beagle Diary. Cambridge: Cambridge University Press, pp. 354–357. Nas súas notas zoolóxicas sobre as tartarugas, Darwin rexistrou o seguinte: "Dise que lixeiras variacións na forma da coiraza son constantes segundo a illa na que habitan — ademais o tamaño maior medio parece variar igualmente segundo a localidade.— Mr. Lawson afirma que el ao ver unha tartaruga pode dicir con certeza de que illa a recolleron." Este foi un dos puntos que Darwin sinalou máis tarde na viaxe, entre a metade de xuño e agosto de 1836, que orixinara a súa primeira sospeita de que "tales feitos minarían a estabilidade das especies". Despois da viaxe, Darwin desenvolveu esta idea durante as súas investigacións da transmutación das especies, resultando na súa teoría da evolución.Keynes, Richard ed. 2000. Charles Darwin's zoology notes & specimen lists from H.M.S. Beagle. Cambridge: Cambridge University Press. pp. xix–xx, 291.
Lawson introduciu cabras, ovellas e porcos en Floreana, e posiblemenre noutras illas en 1830. Estes animais multiplicáonse enormemente e danaron o hábitat natural das illas. Tamén plantou trigo, cebada, figos, papaias, limóns e cana de azucre na illa. As planta de algodón que trouxo hibridáronse coas plantas nativas e o híbrido é agora a variedade dominante na rexión arredor de Puerto Velasco Ibarra.
Parte final da vida En 1839, Lawson tornou xunta a súa muller e fillos a Valparaíso, Chile. Posteriormente serviu como arquitecto naval para os barcos do goberno chileno antes de volver brvemente ás Galápagos para xestionar unha pequena colonia chilena alí. Tratou sen éxito de ser nomeado cónsul en Valparaíso dos Reinos Unidos de Suecia e Noruega. Morreu en Valparaíso o 1 de marzo de 1851.
Notas
Categoría:Nados en 1790 Categoría:Finados en 1851 Categoría:Mariñeiros