Salvador de Madariaga Rojo, nado na Coruña o 23 de xullo de 1886 e finado en Locarno (Suíza) o 14 de decembro de 1978, foi un diplomático, escritor, historiador e pacifista galego. Durante a Segunda República Española foi ministro de Instrución Pública e de Xustiza en 1934. De pensamento liberal e europeísta, logo do inicio da guerra civil española exiliouse no Reino Unido. Durante a Guerra Fría foi un activo militante en contra do comunismo soviético, así como un opositor da ditadura franquista; só retornou a España logo da morte de Franco. Membro de número da Real Academia Española e a Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, como escritor cultivou diversos xéneros: ensaio histórico e político, crítica literaria, novela, biografía ou poesía, entre outros.
Foi nomeado en ata nove ocasións ao Premio Nobel da Paz: 1930, 1936, 1952 (6 nomeamentos distintos ese mesmo ano) e 1965 e en cinco ocasións ao Premio Nobel de Literatura (1952, 1963, 1971, 1973 e 1974), aínda que non o gañou en ningún deles. Foi un dos cofundadores, en 1949, do Colexio de Europa.
Traxectoria Infancia e mocidade miniatura|esquerda|Placa no lugar de nacemento de Salvador de Madariaga, na rúa do Orzán da Coruña Salvador de Madariaga naceu o 23 de xullo de 1886 na cidade da Coruña. Nado no seo dunha familia numerosa e de longa tradición militar, Salvador foi un dos once fillos do coronel Darío José de Madariaga e de María Ascensión Rojo. Foi criado na Coruña pola súa nai, xa que o seu pai fora destinado a Cuba, estudando no instituto da cidade herculina.
Cando tiña 12 anos o seu pai regresou de Cuba e a familia trasladouse a Madrid, onde estudou no Instituto Cardenal Cisneros. Convencido este de que unha das causas da derrota de España na guerra hispano-americana de 1898 era o atraso tecnolóxico, o seu pai enviouno a Francia contra o ano 1900 a estudar enxeñaría, como formación para a ocupación tradicional da súa familia, o exército.
Formación miniatura|Entrada da École Polytechnique de París. Durante os once anos seguintes, Salvador de Madariaga desenvolveu a súa formación no Collège Chaptal (no que permaneceu cinco anos), logo de superar o exame de ingreso accedeu á prestixiosa École Polytechnique, e logo pasou dous anos máis na École Nationale Supérieure des Mines de París,Ficha de Salvador de Madariaga no sitio web dos Annales des Mines (en francés). ata conseguir a súa graduación en 1911. Nos anos que permaneceu na capital francesa moveuse nun ambiente de estudantes internacionais, no que coñeceu á que sería a súa muller, a historiadora escocesa Constance Archibald. Durante a súa estancia en Francia transitou desde a técnica cara ao humanismo, sentindo que a súa vocación inclinábase cara aos estudos literarios, porén a presión paterna fixo que seguise estudando ata conseguir o título de enxeñeiro; o propio Salvador de Madariaga chegou a considerar o seu traballo e a súa vocación como «inimigos declarados».
Tras graduarse, no canto de seguir a carreira militar, conseguiu un posto de enxeñeiro na Compañía dos Ferrocarrís do Norte e traballou como articulista en Madrid. En 1912 contraeu matrimonio con Constance Archibald. En Madrid trabou relación cos intelectuais do movemento posrexeneracionista, na súa maioría republicanos, comezando a escribir na prensa madrileña sobre temas literarios e de política internacional. Pronto foi considerado parte do grupo de intelectuais que posteriormente sería coñecido como a xeración do 14. En 1914 ingresou na Liga de Educación Política, da que tamén formaron parte José Ortega y Gasset, Manuel Azaña, Fernando de los Ríos, Américo Castro, Luis Araquistáin, Luis Bello e Ramiro de Maeztu, e da que xurdiron o semanario España e posteriormente o diario El Sol.
Por esas datas comezou a súa correspondencia con Miguel de Unamuno, con quen mantivo unha relación de aprecio e respecto. Durante a primeira guerra mundial residiu no Reino Unido, onde escribiu propaganda aliadófila en castelán por encargo do Ministerio de Asuntos Exteriores británico, grazas a ser recomendado por Araquistáin, polo que Madariaga deixou o seu emprego e foise vivir a Londres, onde comezou a escribir para o departamento de información do Ministerio de Asuntos Exteriores británico.
Os seus artigos eran distribuídos en España pola Axencia Anglo-Ibérica.
Regreso a España Ao finalizar a guerra en 1918 e non tendo traballo no Reino Unido, Madariaga volveu a España dous anos máis tarde, retomando a súa profesión de enxeñeiro de minas, que compaxina coa tradución e redacción de artigos para o suplemento literario do The Times e para o Manchester Guardian. O mesmo ano do seu regreso a Madrid morría o seu irmán, o escultor Emilio Madariaga. Con dúas fillas e sen estabilidade económica, Madariaga procurou un novo traballo de maior seguridade e remuneración, conseguindo ser nomeado Secretario da Delegación de España para unha Conferencia Internacional que a Sociedade de Nacións ía celebrar en Barcelona o 20 de abril de 1921. Ese mesmo ano, logo de impresionar coas súas capacidades na conferencia, conseguiu un posto permanente na sede que a Sociedade de Nacións tiña en Xenebra (Suíza), comezando a traballar primeiramente en temas técnicos e posteriormente en desarme. En anos posteriores seguiría ascendendo dentro da organización, ata abandonala en 1927 para converterse en 1928 en profesor de lingua española na Universidade de Oxford, posto que desempeñou durante tres anos e que abandonou ao descubrir que carecía de vocación para el. Durante ese período, escribiu tres libros sobre a psicoloxía das nacións, en inglés: Englishmen, Frenchmen Spaniards ("Ingleses, Franceses, Españois"), un ensaio que trata un dos seus temas favoritos, a psicoloxía colectiva dos pobos.
Cando se produciu a proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931 Madariaga encontrábase realizando unha xira de conferencias por Iberoamérica. En maio dese mesmo ano, o goberno provisional da República designouno, sen previo aviso, embaixador de España nos Estados Unidos. Nas eleccións xerais dese mesmo ano, en xuño, foi elixido deputado pola Coruña, pola FRG/ORGA, de novo sen contar co seu beneplácito; cun total de 68 783 votos, participando na redacción da nova Constitución que debía aprobar o réxime republicano. Neste período republicano regresou ademais á Sociedade de Nacións. Nas eleccións xerais de 1933 foi elixido deputado. Entre 1932 e 1934 compaxinou o seu cargo na Sociedade de Nacións co de embaixador en Francia, e malia rexeitar varias ofertas para ser ministro acabou aceptando o posto de ministro de Instrución Pública e Belas Artes e ministro de xustiza no terceiro goberno de Alejandro Lerroux en 1934, se ben este último só o ocupou durante algunhas semanas logo de chegar tras un reaxuste nos numerosos cambios de goberno.
No contexto da invasión xaponesa de Manchuria, Madariaga mantivo unha posición oposta aos intereses nipóns, o que lle fixo gañarse o alcume de «Don Quijote de la Manchuria», aínda que os plans para establecer unha arbitraxe internacional terminarían fracasando; e cando se produciu a invasión italiana de Etiopía pronunciouse en contra dos intereses expansionistas de Mussolini. Durante o segundo bienio republicano, criticou tanto a insurrección obreira en Asturias de 1934 coma o encarceramento de Azaña en Barcelona; a súa relación con este último foi ambivalente: Madariaga profesáballe admiración, mais esta non era correspondida por Azaña.
Exilio miniatura|Congreso da Haia de 1948. O inicio da guerra civil sorprendeuno en Toledo, logo do cal exiliouse no Reino Unido, previo paso por Xenebra. Ese ano foi un dos nomeados ao Premio Nobel da Paz, proposto polo historiador e político dinamarqués Peter Rochegune Munch. Durante o conflito, Madariaga mantivo correspondencia co ministro de Exteriores británico Anthony Eden co obxectivo de buscar unha intervención do Reino Unido no conflito que dera lugar a un acordo de paz, de xeito infrutuoso. Alí converteuse en opositor da ditadura militar de Francisco Franco, organizando todo tipo de campañas en contra do ditador. En abril de 1947 participou na reunión de Mont Pèlerin (Suíza), xunto a Milton Friedman, Karl Popper, Lionel Robbins, Ludwig von Mises, Walter Lippman e Michael Polanyi, entre outros, da que xurdiría a chamada «Sociedade Mont Pelerin», agrupación que loitaría contra o keynesianismo e o Estado social. Tamén foi o primeiro presidente da Internacional Liberal, un dos asistentes ao Congreso da Haia de 1948 e cofundador en 1949 do Colexio de Europa na cidade belga de Bruxas. En 1952 foi nomeado ao Premio Nobel de Literatura e, de novo, ao da Paz. Foi presidente de honra da revista Ibérica, onde publicou numerosos artigos, e do Congreso pola Liberdade da Cultura, que editaba a revista Cuadernos.
En 1962 foi un dos principais organizadores da reunión de diferentes sectores antifranquistas no marco do Congreso do Movemento Europeo en Múnic, reunión que o réxime denominou «Contubernio de Múnic». En 1968 obtivo o «Premio Mariano de Cavia» polo artigo «La espada y el espíritu» en novembro de 1970, xa con 84 anos, contraeu matrimonio en segundas nupcias coa súa secretaria Emilia Rauman Szeleky, de orixe húngaro, e en 1973 obtivo o premio Carlomagno por «unha vida adicada a un labor e un pensar europeísta de excelente cuño».
Últimos anos miniatura|esquerda|Madariaga e José Antonio Jáuregui en 1972, en Oxford. Residente en Suíza desde 1972 ata o seu falecemento, logo da morte de Franco volveu a España, en 1976, asumindo formalmente o seu asento na Real Academia Española —cun discurso titulado De la belleza de la ciencia— pois tiña sido electo en maio de 1936, e na Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Despois de recibir a Gran Cruz de Afonso X o Sabio en xullo de 1978; o 13 de decembro dese mesmo ano faleceu na cidade suíza de Locarno. O 13 de outubro de 1991 as súas cinzas foron botadas, xunto coas da súa muller, ás augas do océano Atlántico, fronte á súa cidade natal, A Coruña.
Pensamento
Pertencente á denominada «xeración do 14», Madariaga afirmou en A la orilla del río de los sucesos, que «como liberal que son, dou importancia mínima ao económico, mediana ao político e a máxima ao humano» e describiríase a si mesmo como «liberal organicista». Admirador da Institución Libre de Enseñanza, foi inscrito por Gonzalo Fernández de la Mora nun «humanismo antiutilitario».
Anglófilo, foi considerado «un dos precursores da idea de Europa» e defendeu unha concepción ampla e inclusiva do que territorialmente debería formar parte dela, entendendo a esta en calquera caso máis como unha «idea» que como un continente xeográfico; Europa, organizada nun modelo federalista, debería ter ademais voz propia e independente no contexto internacional fronte ao papel hexemónico dos Estados Unidos e a Unión Soviética. Julián Gorkin destacou de Madariaga «o seu europeísmo construtivo».
Madariaga, anticomunista, oposto de xeito «frontal» ao socialismo marxista, antifranquista e descrito como un «liberal clásico moderado», en Anarquía o jerarquía expuxo un concepto denominado «democracia orgánica unánime», na que o Estado non toleraría folgas ou sindicatos e restrinxiría o dereito a voto. Logo de finalizar a segunda guerra mundial defendeu posicións monárquicas para España —encarnadas na figura de Juan de Borbón— e contrarias ao sufraxio universal. O seu pensamento, que recibiu críticas da esquerda española durante a Segunda República, ten sido descrito por Pedro Carlos González Cuevas como elitista e burgués. Segundo recolle Herbert R. Southworth, Ricardo de la Cierva tería proposto a Madariaga —cuxos ataques a diversos políticos socialistas foron empregados como propaganda por parte do réxime— e a José Antonio Primo de Rivera como os principais inspiradores do programa político de Franco.