Manuel Varela Limia, nado en Malpica (Malpica de Bergantiños) o 17 de agosto de 1796 e finado en Madrid o 9 de novembro de 1853, foi un enxeñeiro militar galego. Como director xeral de Camiños, Canles e Portos impulsou a primeira rede de telegrafía óptica de España, como militar acadou o posto de brigadier, e como político foi ministro interino da Guerra e senador por Lugo. Como intelectual escribiu varias obras de historia, matemáticas e a administración e organización do Estado e do exército (s/a, 1911).
Traxectoria
dereita|miniatura|Placa da rúa co seu nome en Malpica. Foi o menor de tres fillos dunha familia fidalga. Tras quedar orfo de pai aos catro anos e de nai aos 14, quedou ao cargo de seu irmán maior Ramón. Con 16 anos ingresou como cadete no colexio militar de Santiago de Compostela, e posteriormente na Academia de Enxeñeiros do exército en Alcalá de Henares. En 1815 destinárono como tenente de enxeñeiros á subinspección da rexión militar de Cataluña. Realizou diferentes estudos das fortificacións desa rexión militar, cuxo capitán xeneral era Francisco Javier Castaños, con cuxo secretario, o coronel de enxeñeiros Antonio Remón Zarco del Valle y Huet, colaborou numerosas veces no futuro.
En 1819 destinárono ao Exército Expedicionario organizado para reprimir as sublevacións en América, que debería embarcar en Cádiz, pero dito exército sublevouse con Rafael de Riego en 1820 e nunca chegou a partir. Coa chegada do trienio liberal, en 1821 ascenderon a Varela Limia a capitán segundo con destino en Madrid baixo as ordes do ministro da Guerra. Coa chegada dos Cen mil fillos de San Luís participou na defensa de Cádiz e na batalla de Trocadero. Logo da derrota estivo confinado na Illa de León, Cádiz, mais logrou gañar a confianza do exército francés ao facer o levantamento topográfico da illa e as fortalezas nela construídas, co que antes de que rematase o seu expediente de purificación xa o nomeran comandante de enxeñeiros da illa de León. En 1826 destinárono a Ceuta como enxeñeiro de detalle ás ordes do coronel Mariano Carrillo de Albornoz.
En 1832 regresou a Madrid como secretario da Xunta Superior Facultativa, e ascendeu por diversos méritos no Ministerio da Guerra. O 10 de abril de 1835 ascendeu a coronel de infantería. No marco da primeira guerra carlista e acompañou o ministro Jerónimo Valdés co exército do Norte á acción de Artaza, cun papel fundamental no Convenio de Lord Eliot, o cal evitou o fusilamento de prisioneiros de ambos os bandos.
En 1839 ascendérono a brigadier. En 1840 acompañou o ministro da Guerra Serafín María de Sotto a Barcelona, e tras a dimisión deste nomeárono ministro interino da Guerra na transición á rexencia de Baldomero Espartero. Durante a rexencia de Espartero formou parte das filas dos liberais moderados, e foi elixido varias veces senador por Lugo.
Coa chegada ao goberno de Ramón María Narváez, Varela Limia foi nomeado director xeral de Camiños, Canles e Portos en substitución de Pedro Miranda, dentro do Ministerio de Gobernación. Dende ese cargo impulsou a rede de telegrafía óptica mediante un concurso público que gañou José María Mathé Aragua, con quen creou unha rede de 196 torres distribuídas en liñas que conectaban Madrid con Irún, Cádiz e Barcelona. Deixou o cargo en febreiro de 1847 logo dunha reorganización do Ministerio da Gobernación. Dende entón dedicouse ao labor intelectual até o seu falecemento.
Obras
Gran Reconocimiento militar de la Isla de León (Luis Espelius, 1824)
Plano de la ciudad de San Fernando y sus arrabales (Arquivo Militar, 1826) Plano de las defensas del frente de tierra de la plaza de Ceuta (1828) Memoria sobre el modo de reducir el cómputo mahometano al de la era cristiana y hallar el día de la semana y la letra dominical que corresponden a una fecha para cualquier día del año de la misma era (Imprenta del Memorial de Ingenieros, 1854). Resumen Histórico del Cuerpo de Ingenieros (Arquivo Militar) Biografía de D. Pedro de Lucuze (Arquivo Militar) Historia del Cuerpo de Ingenieros (sen rematar)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Hoja de Servicios del Brigadier Manuel Varela Limia. Arquivo Histórico Militar de Segovia. s/a (1911). "Brigadier Manuel Varela Limia". Revista Memorial de Ingenieros, número extraordinario, Bicentenario del Cuerpo de Ingenieros. Archivo Histórico del Vizconde de San Alberto. Fondos Históricos. vv.aa. (2011). Abriendo camino. Historia del Arma de Ingenieros. Estudio Histórico del Arma de Ingenieros. Tomo III, páx 284-285. Memorial del Arma de Ingenieros nº 70, abril de 2004. Vidal Vázquez, Jorge Enrique (2011). "Brigadier Manuel Varela Limia". Tercer centenario del Arma de Ingenieros.
Ligazóns externas Ingenieros del Rey Amigos del Telégrafo
Categoría:Nados en Malpica de Bergantiños Categoría:Nados en 1796 Categoría:Finados en 1853 Categoría:Militares de Galicia Categoría:Enxeñeiros de Galicia