Podiceps taczanowskii é unha especie de mergullón non voador endémico do lago Junín (ou Chinchaycocha) do altiplano andino da rexión de Junín na parte centro-oeste do Perú. É unha especie en perigo cunha poboación estimada de 300–400 individuos, dos cales 140–320 son adultos.

Taxonomía O seu nome científico púxoselle para lembrar o zoólogo polaco Władysław Taczanowski, autor de Ornithology of Peru (1884–86).

Descrición Cun tamaño de aproximadamente 35 cm, este mergullón ten un píleo gris escuro que se estende pola parte traseira do pescozo ata o dorso negro. Ten as partes inferiores da face, pescozo e ventre brancos, cun bico estreito gris. Quizais a característica máis salientable son os seus ollos vermellos intensos. Na parte lateral da cabeza dos adultos hai plumas grises prateadas, que están ausentes en adultos non reprodutores e en individuos novos. Este mergullón lembra moito á especie máis pequena, de pescozo e bico máis curtos Podiceps occipitalis, que tamén se pode atopar no lago Junín.

As chamadas de P. taczanowskii inclúen asubíos melódicos du' iz, wit, e un son máis longo fuuii-z cando tratan de atraer parellas.

Comportamento e ecoloxía

Reprodución O cortexo implica que dous dos mergullóns se poñen de fronte peito contra peito e xiran a cabeza rapidamente dun lado a outro, o que se chama 'sacudir a cabeza'. Os niños constrúenos en leitos de xuncos arredor das ribeiras do lago Junín, e un tamaño típico de posta é de dous ovos, postos de decembro a xaneiro. O mergullón xeralmente se reproduce en baías e canles arredor do bordo do lago, en leitos de xuncos de 8-75 m, entrando nas xunqueiras só para nidificar ou pousarse. En anos nos que o nivel de auga do lago é particularmente baixo, non crían ningún fillo. Cando non está reproducíndose, prefire as augas abertas, movéndose lonxe das ribeiras do lago.

Alimentación Un 90 % da dieta de P. taczanowskii consta de peixes pequenos, especialmente os de menos de 2,5 cm de longo, coa parte restante da súa dieta consistente en pequenos invertebrados. Os peixes captúranos grazas ás súas excelentes habilidades natatorias, pero os insectos poden tamén capturalos na superficie. Con frecuencia poden tamén verse alimentándose e mergullándose simultaneamente en pequenos grupos.

Distribución e hábitat Estes mergullóns encóntranse unicamente arredor do lago Junín, na parte centro-occidental do Perú. O lago ten unha superficie duns 140 km2 e a súa profundidade é de 10 m, aínda que na maior parte do lago é de menos de 5 m. Arredor dos bordos do lago hai considerables xunqueiras, onde os mergullóns nidifican e se pousan.

Conservación O lago Junín declarouse reserva nacional en 1974, o que restrinxiu a pesca e a caza que se poden realizar alí. Máis recentemente, en 2002, o goberno do Perú promulgou unha lei de emerxencia que impuxo maiores restricións sobre a extracción de auga e estipulacións sobre a limpeza do lago, pero ata agora non foron postas en práctica eficazmente. Fixéronse intentos de trasladar os mergullóns a un lago que está algo máis ao norte do lago Junín, porén as redes de enmalle usadas para capturar a troita arco da vella nese lago fixeron que non tivese éxito. Estanse a facer máis estudos para localizar outros lagos nos que este mergullón poida ser trasladado futuosamente.

As grandes flutuacións no nivel da auga, causadas por unha central hidroeléctrica próxima e as condicións climáticas inestables (en parte ligadas ao fenómeno meteorolóxico de El Niño), a polución da auga polas actividades mineiras e as augas residuais, os incendios nos xuncos, a competición polo alimento coa introdución da troita arco da vella, e o afogamento ao quedaren atrapados en redes de pesca, causaon que a poboación de mergullóns caese desde máis de 1000 individuos e 1961 a uns 300-400 na década de 2010. A central hidroeléctrica e as secas poden causar que o nivel da auga caia por debaixo dos 5 m, o cal impide que estas aves críen os seus polos, e pode causar danos ás xunqueiras das ribeiras. Os megullóns do lago Junín P. taczanowskii e o Rollandia rolland morrisoni están ambos restrinxidos ao lago e son especialistas que se alimentan principalmente dos peixes nativos. Os danos ambientais e a troita arco da vella predadora introducida causaron que as poboacións de peixes nativos caesen en picado, xunto coas poboacións dos dous mergullóns endémicos. En contraste, o Podiceps occipitalis juninensis), que está moi estendido nos Andes e aliméntase principalmente de pequenos invertebrados, foi historicamente raro no lago Junín, pero agora é común.

A organización local Asociaciόn Ecosistemas Andinos, está traballando para educar ás persoas do lugar sobre o mergullón P. taczanowskii e o rálido do Junín Laterallus jamaicensis tuerosi, que tamén é endémico do lago. O obxectivo é concienciar sobre este asunto e conseguir que as organizacións mineiras e da central hidroeléctrica comprendan o problema.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Podicipédidos Categoría:Animais descritos en 1894 Categoría:Aves de América do Sur