O pardal italiano (Passer italiae), é unha ave paseriforme da familia dos pardais do Vello Mundo, Passeridae, que vive en Italia e outras partes da rexión mediterránea. O seu aspecto é intermedio entre o pardal común e o pardal mouro, esta última unha especie do Mediteráneo e Asia central estreitamente relacionada co pardal común. O pardal italiano habita o norte de Italia e rexións veciñas, con exemplares intermedios co pardal común nunha zona de contacto moi estreita nos Alpes, unha lenta gradación na súa aparencia desde os pardais italiano e mouro a través da Italia central e meridional, e hai máis exemplares de aparencia intermedia en Malta, Creta e outras partes do Mediterráneo.
Houbo moito debate sobre as orixes e status taxonómico do pardal italiano, especialmente debido á súa posible orixe híbrida. Algúns clasificárono como subespecie do pardal común, ou como subespecie do pardal mouro, ou tamén como especie separada, un tratamento seguido aínda que só sexa por conveniencia por autoridades como as do Handbook of the Birds of the World. Unha análise de ADN feita por Glenn-Peter Sætre e colegas publicada en 2011 indicou unha orixe do pardal italiano por hibridación entre os pardais mouro e común, e Sætre e colegas argumentaron que dadas as súas orixes e a limitada extensión da hibridación, o tratamento como especie distinta quedaba apoiado. O pardal italiano é de forma non oficial considerado a ave nacional de Italia.
Descrición O pardal italiano é un pequeno paxaro robusto de plumaxe gris e marrón. Os sexos difiren no debuxo da plumaxe e lixeiramente en lonxitude. O macho ten unha cabeza cun debuxo como o do pardal mouro, cun píleo, caluga e lados da cabeza castaños e fazulas brancas. As partes dorsais do macho son de cor castaño brillante e as partes ventrais son grises claras, carecendo das manchas negras do pardal mouro. O macho ten unha mancha negra na gorxa e peito, coñecida como babeiro ou insignia. Esta mancha, como gran parte da plumaxe do macho é apagada na plumaxe non reprodutora cando está nova, pero faise brillante co desgaste polo uso e o acicalamento. A femia é case idéntica á femia do pardal común, pero diferénciase da femia do pardal mouro pola falta de manchas negras ventrais. Rexístranse ocasionalmente casos de albinismo.
O pardal italiano ten aproximadamente o mesmo tamaño que o pardal común, cunha lonxitude de 14–16 cm. A cola é de 5,3–6 cm, o tarso de 18,6–21 mm, e a lonxitude das ás dos machos é de 7,3–8,2 cm. O peso do pardal italiano varía estacionalmente de 30 g en inverno a 26 g en verán.
As vocalizacións do pardal italiano son similares ás dos pardais mouro e común. As súas vocalizacións séntense mellor en ambientes naturais que as do pardal común. O macho fai unha chamada que soa chriip como a do pardal mouro para proclamar a súa propiedade territorial, e emite unha versión máis rápida desta como parte da exhibición de cortexo. Os padróns das cancións dos machos pasan de forma gradual e lenta a ser coma as do pardal mouro no sur de Italia, pero na área de solapamento entre os pardais común e italiano, as dúas aves soan igual.
Taxonomía O status taxonómico do pardal italiano foi obxecto de discusión. Foi tratado de varias maneiras, considerándoo un híbrido estable entre os pardais común e mouro, ou unha subespecie do común ou do mouro. Moitas autoridades, incluíndo as do Handbook of the Birds of the World, recoñéceno como unha especie separada, aínda que só sexa por conveniencia. Outros, incluíndo moitos grupos conservacionistas, consideran que o pardal italiano é un simple híbrido e ignórano. Os cromosomas do pardal italiano son distintos dos do pardal común, pero o ADN mitocondrial suxire unha relación estreita co pardal común.
Unha análise de ADN de Jo Hermansen, Glenn-Peter Sætre e un grupo doutros científicos de Noruega que se publicou na revista Molecular Ecology en 2011 indica que o pardal italiano se orixinou como un híbrido entre os pardais común e mouro. Ten ADN mitocondrial de ambas as especies parentais. Ademais, está agora reproducíndose ao lado de onde vive o pardal mouro sen hibridarse con el en ningunha área onde se encontran ambas as especies. Aínda que se hibrida co pardal común nunha zona de contacto poboada espalladamente nos Alpes, a zona de contacto caracterízase por presentar cambios relativamente abruptos na plumaxe do macho específicos de especie, o que suxire que pode que se desenvolvese tamén un illamento reprodutivo parcial baseado na plumaxe entre estes dous taxons. Como grupo xeneticamente distinto que está illado reprodutivamente da especie parental, debe ser recoñecido como especie separada, de acordo con Hermansen e colegas.
Distribución e hábitat
O pardal italiano encóntrase no norte e centro de Italia, Córsega, e en pequenas zonas de of Francia, Suíza, Austria, e Eslovenia. A súa distribución describiuna o zoólogo italiano Enrico Hillyer Giglioli en 1881 que tiña "'opinións conservadoras'; para que se mantivese estritamente dentro das nosas actuais fronteiras políticas". No límite máis setentrional da súa área de distribución no sur dos Alpes, hai unha estreita zona híbrida duns 20–30 km de ancho co pardal común. No sur de Italia, hai unha tendencia gradual clinal co pardal mouro, e ambas as especies incrementan a súa semellanza co pardal mouro en aspecto e ecoloxía máis ao sur, desde aproximadamente Nápoles ao oeste de Sicilia, onde ambas as aves parecen pardais mouros puros. Porén, esta tendencia pode ser superficical, e o Handbook of the Birds of the World recoñece aves de Sicilia e Creta como pardais italianos.
Sardeña está ocupada polos pardais mouros, mentres que os pardais de Malta, Creta e illas adxacentes son intermediarios similares ao pardal italiano. En Malta, os pardais lembran o pardal mouro, e as aves urbanas compórtanse de xeito moi similar ao pardal común, e as aves rurais como o pardal mouro. A situación é complicada nos pardais comúns e mouros que pasan o inverno e migran en Malta. Unha situación máis complexa dáse en partes do norte de África, onde hai unha poboación moi variable mixta e hibridante de pardais comúns e mouros. Este enxame híbrido mostra un conxunto completo de caracteres desde case os dos pardais comúns puros a case os dos pardais mouros puros e con todas as gradacións intermedias.
O pardal italiano está asociado con zonas habitadas humanas, vivindo en vilas, cidades, e áreas agrícolas. Na maioría das cidades de Italia, comparte o ambiente urbano co pardal montés, e nalgunhas partes de Nápoles, é substituído enteiramente por esta especie.
A poboación reprodutora do pardal italiano crese que comprende de 5 a 10 millóns de parellas, e estímase que 750.000 a 900.000 delas viven en áreas urbanas. Ten unha densidade de poboación de 58 a 160 parellas por quilómetro cadrado. Ata a metade da década de 1990, a súa poboación incrementouse establemente, probablemente debido ao incremento da urbanización. Entre 2000 e 2005, a poboación de pardais italianos en Italia diminuíu un 27,1 %, seguindo a mesma tendencia ao declive que o pardal común en Europa. De 1998 a 2008, as poboacións urbanas declinaron un 50 %. Un estudo do estado do pardal italiano sinala un gran número de posibles causas para o seu declive, como a escaseza de insectos para alimentarse, intensificación da agricultura e redución das áreas verdes. O pardal italiano está entre as aves máis comúns nas cidades italianas, pero outras especies, incluíndo o xílgaro europeo, son máis comúns.
Comportamento miniatura|Ovos do pardal italiano. O comportamento do pardal italiano é similar en moitos aspectos ao do pardal común. É unha ave social, que se alimenta principalmente de sementes e insectos.
É principalmente sedentario, pero vaga ata certa distancia fóra da estación reprodutora. Estas viaxes que realiza son maiormente locais, pero pode espallarse ata o sur de Francia. De xeito similar, o pardal común por veces aparece como un visitante invernal no norte de Italia.
Ademais de presentar intergradación cos pardais mouro e común, rexistrouse que o pardal italiano se hibrida co pardal montés. Os ovos do pardal italiano non parecen diferir dos do pardal común. As postas son de dous a oito ovos, cunha media de 5,2.
Relacións cos humanos Na maior parte da súa distibución, o pardal italinao é unha ave abundante e familiar preto das casas. Foi unha das aves máis comunmente consumidas como alimento en Italia. Imaxes do pardal italiano ou dalgún dos seus parentes atopáronse en frescos nas ruínas de Pompeia. Igual que o pardal común, o pardal italiano considérase un indicador biolóxico da polución.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
O pardal italiano na Internet Bird Collection Vocalizacións do pardal italiano
Categoría:Paséridos Categoría:Aves de Europa Categoría:Animais descritos en 1817