A Escola Superior de Comercio da Coruña foi un centro público de ensino mercantil da cidade da Coruña, creado como Escola de Comercio da Coruña en 1850 e elevado á categoría de escola superior en 1898. Constitúe a orixe da actual Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.

Historia A Escola de Comercio da Coruña foi creada por Real decreto do 8 de setembro de 1850, formando parte do grupo das primeiras escolas oficiais de comercio estabelecidas en España. Inicialmente quedou integrada no Instituto de Segundo Ensino da Coruña, do que se independizou en 1852. A Lei de Instrución Pública de 1857 volveu incorporala ao Instituto, situación que se mantivo ata a reorganización dos estudos mercantís de finais do século XIX.

En 1887, unha nova reforma dos estudos de comercio converteu a escola nun centro autónomo especializado, impartindo os títulos de Perito Mercantil e Profesor Mercantil.

O 19 de novembro de 1898, mediante Real decreto, a Escola foi elevada á categoría de Escola Superior de Comercio, converténdose nun dos principais centros de formación económica e mercantil de España.

Integración universitaria En 1972 a Escola integrouse na Universidade de Santiago de Compostela como Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Coruña, en aplicación da reforma do ensino superior. Tras a creación da Universidade da Coruña en 1989, pasou a formar parte desta institución, sendo a antecesora da actual Facultade de Economía e Empresa.

Sedes Nos seus primeiros anos a Escola compartiu instalacións co Instituto da Coruña. En 1899, instalouse provisionalmente no antigo Palacio do Marqués de Camarasa, na rúa Ferrerías, edificio ocupado anteriormente polo Instituto de Segunda Ensinanza.

Durante as primeiras décadas do século XX formuláronse numerosos proxectos para dotar á Escola dun edificio propio. Entre as localizacións estudadas figuraron a praza de Pontevedra, os xardíns de Méndez Núñez e outros espazos do Ensanche coruñés, aínda que ningún destes proxectos chegou a executarse.

Finalmente, a Escola instalouse no edificio da rúa Juan Flórez, onde permaneceu durante boa parte do século XX e polo que pasaron varias xeracións de estudantes coruñeses.

Notas

Véxase tamén

Outros atigos Universidade da Coruña

Categoría:Institucións de ensino de Galicia Categoría:A Coruña